24 marzo - 8 maio 2021
PROGRAMA DE ACTIVIDADES AO REDOR DA EXPOSICIÓN CULTIVAR INCERTEZAS. REFORMULAR O ESPAZO / CONMOCIONAR A MIRADA
No marco do proxecto Cultivar incertezas. Reformular o espazo/Conmocionar a mirada, Natalia Poncela coordinará o espazo de documentación e análise Aula Aberta, un dispositivo expositivo para reflexionar acerca da metodoloxía e os procesos aplicados ao ensino superior das belas artes desde a súa implantación no sistema universitario galego.
Arredor deste espazo vaise desenvolver un programa que inclúe, entre outras actividades, un ciclo de mesas de debate coordinado polo profesor Miguel Anxo Fernández, no que participarán docentes e membros do alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra canda outros axentes culturais. O programa complétase cunha serie de seminarios, obradoiros, encontros e intervencións, nos que participan artistas e profesores vinculados á facultade, e cunha publicación onde quedará recollida a memoria de todas estas actividades.