10 abril 2021
AULA ABERTA.SEMINARIO. EDUCAR A TRAVÉS DA ARTE. CARA A UNHA ESCOLA IMAXINADA
Horario de 10:00 a 13:00 h
Neste seminario Salvador Cidrás e Vicente Blanco abordarán o seu
traballo como promotores do grupo Escola Imaxinada, un colectivo
independente e sen ánimo de lucro composto por profesionais do
campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil
e primaria, cuxos obxectivos son: achegar ás escolas metodoloxías
baseadas nas artes e contribuír ao deseño de espazos e recursos
educativos de calidade para a aula.
Neste seminario Salvador Cidrás e Vicente Blanco abordarán o seu
traballo como promotores do grupo Escola Imaxinada, un colectivo
independente e sen ánimo de lucro composto por profesionais do
campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil
e primaria, cuxos obxectivos son: achegar ás escolas metodoloxías
baseadas nas artes e contribuír ao deseño de espazos e recursos
educativos de calidade para a aula.
O seminario divídese en dúas partes. Na primeira presentarase
a súa filosofía de traballo baseada en tres aspectos: procesos
creativos, estereotipos e educación estética. Na segunda parte
amosaranse propostas de obradoiros levadas a cabo con nenas e
nenos de infantil e primaria. Son propostas que comparten unha serie
de características: inciden na idea de proceso —é dicir, promoven
formas de facer abertas, que non buscan un único resultado—,
favorecen a creación dun imaxinario e estilo persoal que se aparte
de respostas estereotipadas e convencionais, e experimentan con
diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas.
Vicente Blanco (Cee, A Coruña, 1974) e Salvador Cidrás
(Vigo, Pontevedra, 1968)
Son artistas plásticos e profesores da área de Expresión Plástica
da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de
Formación do Profesorado de Lugo.
Licenciados en Belas Artes pola Universidade de Vigo e doutores
(en Belas Artes pola Universidade de Granada e en Humanidades
pola USC, respectivamente), desenvolven a súa investigación
artística en diferentes medios como o vídeo, o debuxo, a escultura
e a instalación. A súa obra expúxose individualmente en museos
como o Reina Sofía, o CGAC ou o MUSAC.
Son promotores do grupo de innovación educativa Escola
Imaxinada, cuxas propostas se recollen no blog escolaimaxinada.com.
Son así mesmo autores do libro Educar a través da arte: cara
a unha escola imaxinada (Kalandraka, 2020), en colaboración
con Rocío Modia. En 2020 recibiron o Premio Marta Mata de
Pedagoxía, outorgado pola Associació de Mestres Rosa Sensat,
polo seu traballo Debuxar o mundo, xogar, crear, compartir, que
será publicado proximamente.
PERSOAS DESTINATARIAS: O seminario está dirixido principalmente
a estudantes de Ciencias da Educación e mestres e mestras de
educación infantil e primaria.
INSCRICIÓN: Aquelas persoas que desexen participar poderán
inscribirse até o 7 de abril enviando unha mensaxe electrónica
a cgac.actividades@xunta.gal, na que se deberán incluír os
seguintes datos: nome e apelidos, DNI, estudos ou área de traballo,
un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas
cubriranse por orde de inscrición e cada solicitante recibirá unha
mensaxe electrónica de confirmación.
No caso de que queden prazas libres unha vez finalizado o prazo de
inscrición, as persoas que desexen asistir poderán solicitalo por teléfono
o día do inicio do seminario, chamando ao número 981 546 619.
PRAZAS: 60
MATRÍCULA: De balde
CONCEPCIÓN E COORDINACIÓN: Natalia Poncela
COORDINACIÓN CGAC: Gema Baños