Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
SEMINARIO: CANLES ALTERNATIVAS DE CREACIÓN

23-25 maio 2012

SEMINARIO: CANLES ALTERNATIVAS DE CREACIÓN

Este seminario desenvólvese no marco do proxecto de investigación Canles alternativas de creación experimental. O eixo atlántico (1975-2012), e é resultado da colaboración entre o grupo de investigación Arte e Estética Contemporáneas, da Universidade de Santiago de Compostela, e o Centro Galego de Arte Contemporánea. O seu obxectivo é indagar nas propostas alternativas que se desenvolveron en Galicia e no norte de Portugal entre os anos setenta e a actualidade. Para o seminario contaremos con membros de colectivos e especialistas deste e doutros contextos peninsulares. Analizaranse casos concretos —proxectos e espazos— e estableceranse relacións cos seus ámbitos e realidades históricas, dando así continuidade ao primeiro seminario, de carácter teórico, que tivo lugar na primavera do ano 2011.
Na primeira xornada as conferencias servirán para facer un percorrido polas iniciativas e grupos que, desde os anos oitenta no Estado español e con gran forza desde os últimos noventa no norte de Portugal, contribuíron a debuxar unha historia diferente da arte contemporánea; unha historia moito máis complexa e múltiple do que parecen reflectir os grandes eventos e os museos. O segundo día abordaranse, coa axuda de especialistas directamente implicados nesa tarefa, as tensións e conflitos que poden provocar a conservación e a posta en valor, por parte das institucións, dos movementos que nos anos setenta e oitenta se caracterizaban por unha xestión colectiva e unha práctica política que fai difícil a súa catalogación. Na última xornada, co ánimo de establecer unha crítica comparada con aquelas iniciativas históricas, presentaranse diferentes proxectos que na actualidade supoñen unha alternativa aos formatos tradicionais da arte contemporánea, en xeral ríxidos e impermeables. Ben pola súa morfoloxía en rede, pola súa capacidade de autoxestión e independencia, ou pola súa flexibilidade á hora de acoller diferentes contidos, as propostas que pecharán as xornadas servirán sen dúbida para asentar un diálogo necesario con experiencias e contextos que teñen un longo percorrido nos últimos corenta anos.

PROGRAMA


Mércores, 23 de maio
MAPAS, ARQUIVOS E INSTITUCIÓNS “DIFERENTES”. 1975-2012
16:30 h Presentación do seminario. Miguel von Hafe Pérez. Director do Centro Galego de Arte Contemporánea
16:45 h Contextos, actitudes, liñas de fuga. Miguel Anxo Rodríguez. Profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela
17:20 h A eclosión dos alternativos: O Porto desde 1999. José S. Maia. Artista, comisario independente e xestor cultural radicado no Porto
18:00 h Prácticas alternativas nas artes escénicas, a poesía e a arte nos anos oitenta e noventa en Galicia. Xesús Ron. Actor, xestor cultural, director da compañía de teatro Chévere e membro fundador da sala Nasa
18:40 h Descanso
19:00 h Unha historia (outra) da arte. Nekane Aramburu. Xestora cultural, museóloga e comisaria independiente. Coordinou o proxecto de investigación Archivos colectivos
19:40 h Debate moderado por Miguel Anxo Rodríguez


Xoves, 24 de maio
POLÍTICAS DO ALTERNATIVO: CASOS DE ESTUDO
16:30 h Galicia anos oitenta. Cara á institucionalización da arte. María Luisa Sobrino. Catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela
16:45 h Institucións e redes alternativas: posibilidade ou quimera. Jesús Carrillo. Profesor de Historia da Arte da Universidad Autónoma de Madrid e director de programas culturais do MNCARS
17:30 h Colectivos en Cataluña nos anos setenta. Arte e política. A súa patrimonialización. Antoni Mercader. Historiador da arte dos medios, comisario e membro fundador de Grup de Treball
18:45 h Descanso
19:00 h Propostas colectivas na Galicia da Transición. Antón Patiño. Pintor, ensaísta e antigo compoñente do colectivo Atlántica
19:45 h Debate moderado por Pedro de Llano Neira

Venres, 25 de maio
MODELOS DE PRODUCIÓN COLECTIVA: GRUPOS E REDES
16:30 h Espazos híbridos e intermedios, redes e mafias. Daniel L. Abel. Investigador da Universidade de Santiago de Compostela, membro do colectivo Baleiro
17:00 h Posibilidades das pedagoxías colectivas como prácticas Instituíntes. Javier Rodrigo. Investigador e educador de arte. Coordina o proxecto pedagóxico-cultural Transductores
17:30 h Uma certa falta de coêrencia. André Sousa. Artista plástico radicado no Porto, codirixe, con Mauro Cerqueira, o espazo independente Uma Certa Falta de Coêrencia
18:00 h Descanso
18:30 h Debate moderado por Daniel L. Abel coa participación de representantes dos seguintes espazos/proxectos: alg-a lab, FAC Peregrina, Summer of Labs, El Halcón Milenario


DESTINATARIOS
Estudantes, profesionais e persoas interesadas nos ámbitos da creación artística, a historia da arte e a xestión cultural.


INSCRICIÓN E MATRÍCULA
As solicitudes para asistir ao seminario pódense presentar na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos ou ben a través do correo electrónico cgac.actividades@xunta.es, indicando os seguintes datos: nome, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo. O prazo de inscrición rematará o 22 de maio ás 14:00 horas.
O prezo da matrícula é de 20 €. Membros da Asociación de Amigos do CGAC, estudantes e desempregados: 12 €.
Para formalizar matrícula deberán ingresar a cantidade correspondente na conta bancaria número 0049 2584 90 2214002210 da USC no Banco Santander Central Hispano, indicando o nome completo e o concepto Canles alternativas de creación. Seminario II. O xustificante do ingreso (proporcionado pola entidade bancaria) entregarase antes do remate do seminario na recepción do CGAC xunto coa copia do DNI e de acreditación para o desconto (tarxeta universitaria, carnet da Asociación de Amigos do CGAC ou tarxeta de demandante de emprego), de ser o caso.
O CGAC expedirá un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que así o soliciten e que asistan, como mínimo, a dúas das tres sesións do seminario.


DIRECCIÓN DO SEMINARIO: Miguel Anxo Rodríguez González e Daniel López Abel


INVESTIGADORA PRINCIPAL DO PROXECTO:María Luisa Sobrino Manzanares


COORDINACIÓN CGAC: Cristina Trigo

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal