16 - 17 abril 2021
AULA ABERTA. MATERIAIS.TALLER DE CREACIÓN CON MATERIAL ATOPADO
Horario:
16 de abril, de 16:00 a 20:00 h
17 de abril, de 10:30 a 13:30 h
O artista propón unha experiencia de creación a partir de materiais atopados no espazo público cunha premisa: realizar obras usando apenas materiais atopados no espazo público. Xa que logo, non se poderán utilizar materiais comprados nin achegados con anterioridade ao comezo do taller, nin materiais auxiliares, nin ferramentas, máis alá do que se atope na rúa.
A obra resultante pode ser obxectual —escultura, instalación, pintura, debuxo— ou pode formularse como unha acción ou unha experiencia. Non se pode presentar documentación fotográfica, audiovisual ou sonora. A obra terá que ser experimentada directamente.
Con este traballo Ignacio Pérez-Jofre pretende espertar nos participantes o interese polo significado do insignificante, desenvolver a atención cara a aqueles elementos que a sociedade de consumo refuga: os residuos, as sobras... Provocar unha reflexión sobre a vida anterior dos obxectos, sobre os seus cambios de función, aspecto e configuración material.
Tamén é unha invitación a pensar o espazo público como lugar de encontro, como campo do que extraer os contidos da obra. Explora a posibilidade de realizar obra con custo de produción cero; o valor da obra só vén dado polo traballo do artista, que inclúe tempo de traballo e calidade de configuración.
Aínda que quizais o aspecto máis relevante do proxecto sexa a súa dimensión ecolóxica. A necesidade de reutilizar os refugallos, a redución do impacto ambiental da actividade humana está implícita na decisión de non utilizar ningún material que non fose usado previamente. A incorporación do obxecto cotián á obra de arte, que no pasado estivo ligada a unha crítica á representación — substituída en gran medida pola noción de presentación— está máis vinculada, no contexto actual de máxima preocupación polo ecosistema, á idea da reciclaxe e a sustentabilidade.
METODOLOXÍA:
Na primeira sesión levarase a cabo unha saída á rúa na procura
de materiais co obxectivo de confrontar os participantes, sen
información previa, coa experiencia de observar a contorna
urbana, evitar un condicionamento previo, deixar que sexan os intereses persoais os que se manifesten. Logo dunha posta en
común dos primeiros achados, haberá outra saída con directrices
máis definidas. Na segunda sesión, volverase saír á rúa, pero cada
participante irá cunha idea máis dirixida, co fin de realizar unha
peza ou serie de pezas.
DIRIXE: Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965)
É licenciado e doutor en Belas Artes. Exerce como profesor titular de
Pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Tivo exposicións
individuais na Fundación Laxeiro, na sala CAI, no MUA (Museo
da Universidade de Alacante) e en Knights Park Gallery (Kingston
University, Londres) e nas galerías La Gran (Madrid, Valladolid),
Trinta (Santiago) e Estampa (Madrid). Participou tamén en varias
exposicións colectivas e foi comisario de proxectos en espazos
como Lab Gallery (Cracovia), a Fundación Barrié de Vigo ou o
MARCO de Vigo, entre outros. Impartiu talleres de creación na
Akademia Sztuk im. Pieknych Jana Matejki, en Cracovia, no EACC
de Castelló e no CGAC.
É autor dos libros Huellas y sombras (Ediciós do Castro, 2001) e
Escombro (La Gran / Nocapaper, 2016) e coordinador editorial de
Esto lo hace cualquiera (Deputación de Pontevedra, 2004).
PERSOAS DESTINATARIAS: O taller está dirixido a estudantes de
arte e artistas.
INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto até o 12 de abril
de 2021.
As persoas interesadas poden enviar un breve dossier da súa obra
e unha mensaxe electrónica a cgac.pedagogia@xunta.gal. Nela
deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, estudos,
área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono
de contacto.
A selección dos participantes basearase no dossier de obra.
PRAZAS: 10
MATRÍCULA: De balde
CERTIFICACIÓN: O CGAC entregará un certificado a todas
aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.
CONCEPCIÓN E COORDINACIÓN: Natalia Poncela
COORDINACIÓN CGAC: Gema Baños