Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
TALLERES DE NADAL

27 decembro 2012 - 4 xaneiro 2013

TALLERES DE NADAL

Coa chegada do Nadal, o CGAC propón varios talleres de creación artística para nenas e nenos de 6 a 9 anos, nos que poderán explorar e experimentar a natureza a partir da exposición do artista Fernando Casás, o agora xa foi e o denantes será. A artista e educadora Paula Pellón, guiará os grupos na busca de expresións persoais e procesos artísticos coa natureza como inspiración, material de traballo e marco de acción.

De acordo co pensamento do artista Fernando Casás, Paula Pellón entende que a curiosidade é a relación máis saudable que se pode manter co mundo, xa sexa un mundo de persoas ou de contextos. Este obradoiro xirará arredor de conceptos presentes na obra de Fernando Casás como o paso do tempo, a memoria das cousas, a natureza salvaxe, a natureza domesticada e a natureza artificial. Tentaremos abrir os ollos para achegármonos á
beleza da natureza castigada, desbotada, rota ou mutilada.

Os participantes do taller, deseñarán e elaborarán esculturas móbiles tendo en conta as posibilidades que nos ofrece o medio natural máis próximo ao museo, o parque de Bonaval. Sairemos a pasear, investigar e reflexionar sobre a natureza para despois atopar, elixir e organizar os elementos que formarán parte das nosas esculturas. Deberemos ter en conta os factores meteorolóxicos e imos pensar na natureza como un lugar de traballo complexo có que temos que manter un diálogo que vai dirixir, desde o inicio até a fin, os nosos pasos no proceso artístico. Elementos como a choiva, o vento, a luz ou a temperatura poden condicionar o noso traballo, a nosa
percepción das cousas, o estado e a forma dos materiais. Un segundo paso será resolver o reto da composición nunha estrutura móbil: a flexibilidade que implica, os ingredientes que eliximos, os que rexeitamos e os que dependen do azar.

Por último, pensaremos no espazo expositivo, dependendo da meteoroloxía e das nosas intencións, o parque servirá (ou non) para poñer en escena os traballos. Quereremos devolver á natureza os seus elementos ou deixarémolos nas paredes brancas do museo?
Nota: Os asistentes deberán traer roupa de abrigo e de choiva ou paraugas para saír ao exterior.

 

DATAS E HORARIOS

27 e 28 de decembro de 2012
Taller A natureza móbil para nenos e nenas de 6 a 7 anos
11:00-13:30 h
Prazas: 20


3 e 4 de xaneiro de 2013
Taller A natureza móbil para nenos e nenas de 8 a 9 anos
11:00-13:30 h
Prazas: 20

 


INSCRICIÓN
Os talleres son gratuítos e para participar é preciso inscribirse antes chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos de luns a venres de 11:00 a 15:00 h (981 546 602 ou 981 546 631)
Só se admitirán as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres.

 

IMPARTIDO POR: Paula Bellón
COORDINACIÓN: Virginia Villar

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal