Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
SEMINARIO ARTE E SUBXECTIVIDADE

28 xaneiro - 1 febreiro 2013

SEMINARIO ARTE E SUBXECTIVIDADE

"O principal obxectivo do seminario Arte e subxectividade é evitar que se cree unha única vía de pensamento sobre o universo artístico. Para iso traballaremos cunha idea que considero fundamental: a política como ética e a ética como política. A ética tratada sen sentido moral e a política no sentido máis totalizador, como elemento de enfrontamento e cuestionamiento da codificación da realidade alienante e superestruturada da actualidade. Creo que todo sistema de poder é inimigo natural da intelixencia, e a subxectividade analizada no seu hábitat máis profundo é a mellor defensa fronte a este poder. Entendida a arte como a expresión da relación primixenia do self e do seu diálogo co contorno, as influencias e a necesidade da deslectura marcan este seminario, no transcurso do cal trataremos os seguintes temas:


As influencias. A procura da entidade ou entidades que marcaron profundamente a dirección do traballo do alumno. Cada un dos participantes no seminario deberá analizar esta cuestión en profundidade e desenvolver un proxecto baseado nas súas conclusións.


A necesidade da deslectura e a urxencia do ético. A continuación, analizaremos a validez do primeiro proxecto, para ver a posibilidade de desfacerse desta influencia, que podería estar camuflada polas modas, a comodidade, o mercado, etc.


A experiencia primixenia como coñecemento. As primeiras experiencias na vida dunha persoa xeralmente son aquelas que marcan o comportamento e as directrices que conforman a personalidade. A natureza é o contorno inmediato como habitáculo da xénese: arqueoloxía.


A ecoloxía da subxectividade. O alumno, coñecedor dos tres temas anteriores, analizará e formalizará un proxecto acorde cos trazos máis característicos da súa personalidade artística.

Para iso contaremos coa axuda de procesos de autocoñecemento sensorial, apoiados no son e en exercicios de coñecemento do corpo, permitindo así que, a través dos sentidos, se presente a nosa subxectividade".


Fernando Casás

 

 

FERNANDO CASÁS. Artista experimental de corte conceptual, de marcada postura investigadora, precursor dos movementos de Arte & Natureza. Entre as súas obras públicas cóntanse Cobra Grande (Israel), Macieiras para Carrazeda (Portugal), Amazônia/Raízes (Brasil), Árboles como arqueología (España). Expuxo, entre outros, nos Museos de Arte Moderna de Río de Xaneiro e São Paulo, no Museo Esteban Vicente de Segovia e no CDAN (Centro de Arte e Natureza) de Huesca. Na actualidade é profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.


XELA MARX. Actriz, pedagoga teatral e practicante do Método Feldenkrais®. Desenvolve o seu labor creativo e investigador coa súa propia compañía, Mu Teatro, coa que traballou en España, Brasil, Cuba e Portugal. Colaborou Annabel Arden (Theatre Complicité, Londres) e coas compañías TSF (Reino Unido), Odin Teatret (Dinamarca) e Ultramarinos de Lucas, cos que participou en festivais en España e Arxentina. Formouse en teatro con M.a del Mar Navarro e, como pedagoga, con Monika Pagneux (Francia). Recibiu adestramento profesional do Método Feldenkrais® en Barcelona, Amsterdam e París. Impartiu seminarios, clases e conferencias en diferentes universidades como as de Vigo e SENAI, en Río de Xaneiro, así como na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Vigo, na Escola Nacional de Pantomima de Cuba, etc.


PABLO SEOANE. Estudou música e filoloxía inglesa na Coruña, Salamanca e Estados Unidos (Wake Forest, Carolina do Norte). Traduciu —e escribiu no ronsel de— autores como H. D. Thoreau, Harold Pinter ou Samuel Beckett. Desde hai máis de quince anos desenvolve unha intensa actividade como pianista e compositor en distintas formacións, xeralmente vinculadas ao jazz e á improvisación libre. Compuxo música para teatro e desempeñou tarefas docentes en diversas institucións (recentemente no Conservatorio de Ferrol, por exemplo). Entre as súas últimas actividades figura a xestión das jams semanais de improvisación libre no Café A Ponte (en Compostela, xunto a LAR Legido) e a dirección, en colaboración con Javier Turnes, duns encontros multidisciplinares de filosofía e música, Pensar a voces, que se celebraron en Cee no outono de 2012.


DESTINATARIOS: estudantes e profesionais dos ámbitos da creación artística, a historia da arte e as belas artes, e persoas interesadas na temática do seminario.


MATRÍCULA: 50 euros. Prazas dispoñibles até completar a capacidade.

INSCRICIÓN: As solicitudes para asistir ao curso poden presentarse na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos, ou ben a través do correo electrónico cgac.pedagogia@xunta.es, indicando os seguintes datos: nome, enderezo postal e electrónico, e teléfono de contacto. O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas participantes.


DIRECCIÓN: Fernando Casás


COORDINACIÓN: Gema Baños


HORARIO: de 10:00 a 14:00 h

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal