Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
TALLER DE ARTISTA CON MIGUEL PALMA

23-26 abril 2013

TALLER DE ARTISTA CON MIGUEL PALMA

Taller 4 fascículos de arte do 23 ao 26 con Miguel Palma

Miguel Palma é, entre os artistas portugueses da súa xeración, un dos que acadaron maior proxección internacional.

O taller comezará cunha visita á mostra que acolle o CGAC, Miguel Palma. Desconforto moderno, en compañía do propio artista. Este conxunto de traballos que engloban a súa traxectoria inclúe vídeos, debuxos, performances e instalacións de complexa enxeñaría, cos que Palma formula conceptos como o fracaso, o progreso, a destrución ou a dexeneración, desafiando a idea dunha sociedade tecnolóxica, moderna e supostamente avanzada.

Moitas das súas obras son maquetas que revelan unha realidade manipulada e subvertida. Facsímiles dun mundo actual acelerado e desbocado que esteticamente, porén, desprenden un aire nostálxico, vinculado estreitamente coa historia do seu país, coa súa infancia e coas súas lembranzas persoais, e que evocan unha época pasada onde a máquina se vivía desde a inocencia e o entusiasmo polo novo.

Os seus dispositivos deixan ao descuberto parte do seu sistema operativo coa intención clara de amosar o funcionamento das cousas, de descubrir as súas entrañas e de conseguir que o público entenda a construción das obras na súa totalidade. Pretende afastarse desa tendencia á especialización instaurada durante a modernidade, onde as cadeas de montaxe divididas en compartimentos estancos abocaron os operarios e os usuarios ao descoñecemento dos productos e dos conceptos de xeito integral.

Interésanlle áreas de traballo non directamente asociadas á produción artística. A súa actividade, mestúrase coa de escultores, debuxantes, electricistas, enxeñeiros, científicos… e entrega a terceiros a execución física dos proxectos que coordina, identificándose co espectador, desde o inicio do proceso creativo.

A súa paixón polos xoguetes infantís (pistolas, ferramentas, camións, coches, barcos, avións…), levouno a coleccionar esta serie de obxectos cos que despois inventaría estrañas máquinas e artefactos híbridos de intricados sistemas que somete a variacións de escala e transforma contrariando a súa natureza e os seus valores culturais, simbólicos ou prácticos. Estes aparellos disfuncionais, montados en circuítos infinitos de repetición, preséntanse como manifesto dunha actitude desconforme coas problemáticas sociais, o desastre ecolóxico e as estruturas de poder establecidas. Un dominio industrial sobre a nosa civilización que esperta nel sentimentos encontrados de sospeita e fascinación.

Logo de percorrer as salas de exposición, propiciarase unha conversa arredor de diversos conceptos e puntos de vista sobre a arte contemporáneo.

Os participantes poderán facer a súa propia peza artística —de xeito individual ou en grupo— coa axuda de Miguel Palma, mais sen directrices técnicas nin estéticas. Os únicos límites serán as ambicións que cada persoa teña e os recursos dispoñibles: o material, o espazo e o tempo.

As pezas resultantes, poderán ser expostas no Espazo de Proxectos do CGAC.

 

Currículo

Miguel Palma naceu en Lisboa en 1964. O seu traballo versa frecuentemente sobre o desenvolvemento tecnolóxico, a ecoloxía, a fe nas imaxes, a idea de poder, o universo infanto-xuvenil e a obsesión pola máquina. A súa obra comprende o debuxo, a escultura, as instalacións multimedia, o vídeo, os libros de artista e a performance.

Realizou exposicións individuais e colectivas en diferentes centros e galerías de Europa, América e Asia e está representado en coleccións portuguesas e internacionais como a Fundação de Serralves do Porto, o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, a Fundación ARCO e o MUDAM de Luxemburgo.

 

Horario: de 17:00 a 20:00 horas

Destinatarios: artistas, estudantes de Belas Artes, Historia da Arte, Humanidades e Ciencias, e todas aquelas persoas interesadas nas artes plásticas e na expresión artística.

Prazas: mínimo 10 / máximo 30

Matrícula: 30 €. Amigos do CGAC: 25 €

Coordinación: Virginia Villar

Para participar é preciso preinscribirse enviando un e-mail a cgac.actividades@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981 546 623 ou 981 546 631 indicando o nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

Unha vez confirmadas as solicitudes de inscrición, poderán realizarse as matrículas.

Coproducido por Sigo torcendo

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal