Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
CURSO PROTOCOLOS DE ESCOITA

14, 28 de setembro e 5 de outubro 2013

CURSO PROTOCOLOS DE ESCOITA

O curso preséntase como un espazo de reflexión no contexto da música contemporánea, unha viaxe atemporal na que o musicólogo Emilio Lede propón percorridos creativos pola historia da música co obxecto de desentrañar algunhas das claves que configuran a creación musical de todos os tempos.

Realizarase unha introdución a algúns dos conceptos claves na música de creación e achegaranse referencias que permitan a súa escoita completa e contextualizada e para isto reflexionarase sobre a concentración, a receptividade e a escoita; estableceranse analoxías entre diversos autores ou ben achegaranse estratexias de percepción que doten os participantes de novas ferramentas e de máis elementos de xuízo na percepción da música contemporánea.

Ao longo das sesións, iranse establecendo tamén relacións con outras artes, especialmente as visuais. Ademais, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man o proceso creativo da música coa participación en dous encontros con compositores e nos ensaios abertos e nos concertos de Vertixe Sonora Ensemble.

Emilio Lede Abal é musicólogo e profesor de Análise e Historia da Música do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra.

DIRECCIÓN: Emilio Lede

COORDINACIÓN: Cristina Trigo

DATAS E HORARIO

Sábado, 14 de setembro     Os elementos da música

                                            CAUSAL: encontro cos compositores Martín Herraiz (Brasil) e Zesse Seglias (Grecia)

Sábado, 28 de setembro     Tradición e modernidade / Entrar e saír de Darmstadt

Sábado, 5 de outubro          Posmodernidade e contorno multimedia

                                             CAUSAL: encontro cos compositores Alireza Farhang (Irán), Charles-Antoine Frèchette (Canadá) e Hugo Morales (México)

Horario: 11:00 a 13:30 h

DESTINATARIOS: O curso está dirixido a estudantes e a profesionais do ámbito da música e a todas as persoas interesadas.

PRAZAS: 40

INSCRICIÓN E MATRÍCULA: As solicitudes pódense enviar ata o 10 de setembro chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos, ou ben a través do correo electrónico cgac.actividades@xunta.es, para o que se ha de indicar o nome, o enderezo postal, o teléfono e o ámbito de estudo ou de traballo. Unha vez confirmada a inscrición, as persoas seleccionadas recibirán instrucións para realizar o pagamento da matrícula. O prezo da matrícula é de 30 € (25 € para estudantes e Amigos do CGAC).

ORGANIZAN: CGAC e Vertixe Sonora Ensemble

COLABORA: Universidade de Santiago de Compostela

CONTIDOS DO CURSO

Os elementos da música

A primeira sesión fai un repaso polos elementos dos que se compón a música; é dicir, a melodía, o ritmo e a métrica, a harmonía, a textura ou a forma e, especialmente, o timbre, elemento fundamental da música do século xx.

Exemplos musicais de Felix Mendelssohn, Béla Bartók, Leoš Janacek, Paul Hindemith, Brian Ferneyhough, Karl-Heinz Stockhausen, Morton Feldman, György Ligeti, José María Sánchez-Verdú, Pierre-Octave Ferroud, Anton Webern, Maurice Ravel, Claude Debussy, Gérard Grisey, Claude Le Jeune, Salvatore Sciarrino, Helmut Lachenmann, Ramón Souto, Heinz Holliger, Benjamin Britten, William Byrd ou Alberto Posadas.

Relacións visuais coas obras de Pablo Picasso, Andrea Palladio, André Derain, William Hogarth, David Hockney, Hiroshige, Vincent van Gogh e Claude Monet, e coa literatura de Antonio Machado, Fernando Pessoa e Julio Cortázar.

Tradición e modernidade

Cando unha obra é moderna? Cando ten trascendencia histórica? Cando é unha novidade, aínda que non teña consecuencias históricas? Cando está de moda? Ata que punto é importante a calidade intrínseca dunha obra, independentemente da súa modernidade? A todas estas preguntas intentaremos darlles resposta nesta sesión que se ocupa da convivencia da tradición e da modernidade ao longo da historia.

Exemplos musicais de Georg Philipp Telemann, Johann Sebastian Bach, Franz Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart, Richard Strauss, Arnold Schönberg, Igor Stravinsky, John Cage, Hans Werner Henze e Ludwig van Beethoven.

Relacións visuais coas obras de Thomas Gainsborough, Alexander Calder, Vassily Kandinsky, Robert Delaunay, Piet Mondrian, Paolo Ucello, Piero della Francesca e Matthias Grünewald.

Entrar e saír de Darmstadt

Os cursos de Darmstadt foron o centro da vangarda musical nos anos cincuenta do século xx. Unha época fascinante e radical que puxo especial énfase na estrutura, no elemento arquitectónico da música. Esta extrema intelectualización da arte sonora provocou a reacción dos que consideraban o son físico, sensitivo e emocional o fundamento sobre o que se debía construír a obra musical.

Exemplos musicais de Olivier Messiaen, Pierre Boulez, Karl-Heinz Stockhausen, Luigi Nono, Morton Feldman, Giacinto Scelsi, Tristan Murail e Edgard Varèse e relacións visuais coas obras de Arnold Schönberg, Francesco Clemente, Damien Hirst e Mark Rothko.

Posmodernidade e contorno multimedia

Trátase aquí, por unha banda, da disolución das barreiras estilísticas e culturais que caracterizan a posmodernidade e, por outra, das novas tendencias da música contemporánea, vinculadas en particular ao emprego da imaxe, do son electrónico e da amplificación e distorsión dos instrumentos acústicos tradicionais.

Exemplos musicais de Steve Reich, Tristan Murail, Isang Yun, Fausto Romitelli, Peter Ablinger, Eduardo Moguillansky, Agostino di Scipio, Horacio Vaggione e Salvatore Sciarrino.

Relacións visuais coas obras de Andy Warhol, Sandro Botticelli e Hans Holbein.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal