Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
TALLERES DE NADAL  2013-2014

26 decembro 2013 - 3 xaneiro 2014

TALLERES DE NADAL 2013-2014

PRAZAS ESGOTADAS

A artista Mirari Urruzola e o educador Santiago Chenlo impartirán dous talleres nos que os participantes poderán reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo que os rodea. Este ano, coincidindo co vixésimo aniversario do CGAC, as actividades xirarán arredor de conceptos como a memoria, a celebración, os rituais, o fogar, o museo e a creación artística en todas as súas fases.
Os participantes terán a oportunidade de mergullarse nos procesos creativos cos propios artistas. Poderán xogar, coñecer, comunicarse e experimentar con linguaxes, soportes, técnicas e conceptos propios da arte máis actual.

Algúns espazos do centro e do seu contorno, como a cuberta do edificio e os xardíns do parque de Bonaval, servirán de marco para o desenvolvemento dos talleres.


Taller Casas as casas
26-27 de decembro de 2013
Idade: 4-6 anos
Horario: 11:00-13:00 h
Prazas: 15

Partindo do ambiente doméstico do hall do CGAC que evocan obras como os balcóns de Ignasi Aballí, a gabeteira de Pedro Cabrita Reis, o colchón de Rachel Whiteread ou o mesmo o coche aparcado á entrada do museo de Miguel Palma, Mirari Urruzola proporá construír un pequeno mundo entendendo o museo como casa e a casa como museo. Fogares feitos con caixas de cartón, retallos de moqueta, teas e paus baixo a noite estrelada de Jorge Barbi e á espera do amencer das pinturas de Din Matamoro.

Observarán a obra Village, de Julian Opie, para realizar un traballo colectivo. Abrirán ocos nos muros, pintarán as paredes e empapelarán as fachadas das súas casiñas. As casas formarán unha aldea na que, das hortas, medrarán serpentinas e figuras xeométricas, os camiños serán colaxes de diferentes texturas e as árbores, esculturas de escalas disparatadas.


Taller Recreando
2-3 de xaneiro de 2014
Idade: 7- 9 anos
Horario: 11:00-13:00 h
Prazas: 20

O educador Santiago Chenlo proxecta un taller no que os nenos e nenas que participen poderán converterse en singulares obras de arte. Farán unha escolla entre unha selección de vinte obras expostas ao longo da historia do museo. Esculturas, pinturas, vídeos ou instalacións que terán que volver interpretar e recrear nos seus propios corpos, ben como unha prolongación das obras ou como unha nova e particular lectura das pezas. Disporán de todo tipo de material para levar a cabo as súas creacións: obxectos, pintura, teas, cartón, perrucas, vestiario, caretas, maquillaxe...

As obras humanas, irán acompañadas de cartelas onde se especificará a súa autoría, a técnica empregada, o lugar de orixe e a data de realización.

Logo de coñecer os diferentes espazos do centro, elixirán o lugar idóneo para expoñerse e farán unha visita guiada pola nova mostra. Formarán unha cadea de presentación das pezas, e os visitantes tentarán averiguar de que obra partiron os pequenos artistas para deseñar esta exposición única no CGAC.

Inscrición
Os talleres son gratuítos e para participar é preciso inscribirse con antelación chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos entre as 11 e as 15 h ou enviando un correo electrónico.
Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres.

Coordinación: Virginia Villar


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal