Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
 DIÁLOGOS CON CAMILO FRANCO. QUERES SER ARTE CONTEMPORÁNEA?

26 febreiro - 1 marzo 2014

DIÁLOGOS CON CAMILO FRANCO. QUERES SER ARTE CONTEMPORÁNEA?

En máis dun sentido, interpretar a arte contemporánea é facer arte contemporánea. Incorporarse á intención ou ao discurso de cada peza é un xeito de completar a súa identidade. Pero quizais esta sexa unha aproximación antiga, ou tópica, porque interpretar parece ser o único xeito de participar nas cousas. Unha vertente máis da arte contemporánea.

Outra tarefa é saber como as persoas, os cidadáns, os espectadores ou os visitantes participan da arte contemporánea; cal é o seu nivel de interpretación e, polo tanto, cal é o xeito no que se implican. Poden participar desde a experiencia ou desde a fantasía, desde a curiosidade ou desde a descrenza. Dialogar co público é o xeito máis directo de sabelo.

Isto é o que propón Queres ser arte contemporánea?: asaltar —no mellor senso da palabra— os espectadores do CGAC e preguntarlles polas súas opinións.

Non será tanto un estudo estatístico coma unha cata orientadora sobre como manobra cada individuo diante dos espazos que abren as pezas artísticas. O diálogo ofrece, ademais, a posibilidade de tomar como referente a exposición conmemorativa 93 para facer unha valoración sobre a percepción da arte contemporánea e sobre o traballo do centro desde a súa apertura.

As entrevistas realizaranse ao longo de catro xornadas durante o horario de apertura do centro.

Os encontros durarán arredor de 15 minutos e tomarán como punto de partida o hall do CGAC para internarse a continuación na mostra 93, que ocupa os tres andares do centro.

A cada unha das persoas entrevistadas faráselle un retrato no espazo que elixa ou coa peza que escolla, procurando que as imaxes establezan unha relación entre o espectador e a obra.

Os textos e as fotografías do proxecto publicaranse diariamente nesta ligazón.

A cada persoa participante entregaráselle un obxecto que acredite a súa participación.


CAMILO FRANCO (Ourense, 1963) combina a literatura en soportes múltiples coa crítica cultural. Comisariou mostras colectivas como Paralelo 42 (Casa da Parra, 1989) e converteu nunha exposición os relatos do seu libro Palabras contadas (Fundación Luís Seoane, 2007). Traballa cos espectadores a través de experiencias como Queres ser un personaxe de novela? (Culturgal, 2011) ou Queres ser ou non un personaxe de teatro? (Fiot, 2012). Tamén ten publicadas varias obras de narrativa: A lúa no cénit (Ediciós do Castro, 1988), En malos pasos (Xerais, 1995), Por conto alleo (Vieiros, 1999; Galaxia, 2003) e Palabras contadas (Xerais, 2007).

Máis información na páxina web www.camilofranco.eu.

COORDINACIÓN: Virginia Villar.



Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal