Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
CICLO DE CINE TRANSXÉNERO: NINGUÉN É PERFECTO?

27 febreiro - 3 abril 2014

CICLO DE CINE TRANSXÉNERO: NINGUÉN É PERFECTO?

Xa é curioso que un dos gags máis famosos da historia da comedia americana e universal, quizais o mellor punchline nunca escrito, fose á conta dun dos maiores tabús do século XX: a transexualidade ou, simplemente, o travestismo. Soamente cando John Hurt protagoniza en 1975 The Naked Civil Servant, baseado na vida de Quentin Crisp, se abordou de modo aberto o travestismo fóra do armario. Aínda que quedou a resaca das tías de Carlos e durou moito a moda das señoras Doubtfire, das tootsies ou deste tío é a miña avoa.

Billy Wilder e I. A. L. Diamond non eran máis machistas nin reaccionarios que a súa contorna cando, en 1959, idearon aquel tour de force no barco do amor entre Joe E. Brown e Jack Lemmon. “Ninguén é perfecto”, sentenciaba o popularmente coñecido como Bocazas. Ou si. Virginia Wolf atopou esa perfección estética, sensual, na polisexualidade do seu Orlando, dedicado á súa amante Vita Sackville-West. E Sally Potter, daquela cineasta da vangarda, atopou en Tilda Swinton a cómplice perfecta nesa alternancia de sexos no tempo. E a película foi a elixida do público na edición de 1993 de Cineuropa. 

Como tamén, desde a pura mitoloxía, Bertrand Bonello —cineasta que merece un ciclo, cunha curiosidade e cunha sabedoría para indagar no sexo fóra da convención, coñecido aquí polo seu último filme, L´Apollonide— rescata a figura de Tiresias, o andróxino adiviño cego, e derívao cara a unha das súas fascinantes inmersións na paixón (tamén, claro, cega). 

Neil Jordan escribiu e dirixiu, de maneira case concatenada, outras dúas paixóns cegas das máis poderosas do cinema de finais do século XX: unha foi Mona Lisa, a outra The Criying Game, con ese activista do IRA que o deixa todo por unha aprendiz de perruqueira tan necesitada de protección, tan icónica naquela secuencia de Jaye Davison: un espido, esta vez si, esixidísimo polo guión, que hoxe perdería o seu efecto catártico porque sería carne de castrador spoiler

Anos máis tarde, Jordan demostraría a súa devoción transxenérica ao lle outorgar a Cillian Murphy o papel da súa vida en Breakfast at Pluto, última película relevante do irlandés como director. Pero aínda máis ca en Neil Jordan, a transexualidade é central na creatividade de João Paulo Rodrigues. E o seu Morrer como un homem, que triunfou en Cineuropa en 2011, é xa un fito de ruptura poética sen amaneiramentos. 

Para reconvir a Wilder e a Diamond, e a súa idea da imperfección transexual, este ciclo atopa tamén a Madame Satã, do brasileiro Karim Aïnouz, co actor Lázaro Ramos en clave de raíña, máis tropical ca isabelina. Máis ca raíña é princesa a nena en corpo de neno de Ma vie en rose, obra de cardinal tenrura de Alain Berliner, que gañou en 1997 o Globo de Ouro e que adiantou o xénero transxenérico en clave infantil (véxase Pelo malo). 

E o rizo que riza o rizo (o do pelo bo) dámolo ofrecéndolles as dúas versións de Víctor ou Vitoria. Vostedes, todos, coñecemos o guión orixinal de Reinhold Schünzel en 1982, cando Blake Edwards nos ofreceu unha das súas últimas grandes comedias con Julie Andrews como muller que se fai pasar por cantante masculino que, pola súa vez, se fai pasar por dama. A película gañou o Óscar á mellor banda sonora, de Henry Mancini, e por primeira vez poderase ver o sensacional enredo de Edwards con todas as cancións subtituladas, xentileza do noso infatigable Dani Gascó. 

Pero é que o Víctor ou Vitoria hollywoodense non era senón un remake dun moi notable orixinal alemán de 1933, e coa súa proxección cumprimos unha das nosas ilusións e alén diso descubrímoslles outra sorpresa inédita neste ciclo tan dado a elas.

Folleto da actividade


DIRECCIÓN DO CICLO
: José Luis Losa


CALENDARIO

27 de febreiro     Orlando (Sally Potter, 1992) Ficha

28 de febreiro    
The Crying Game (Neil Jordan, 1992) Ficha

6 de marzo
         Victor Victoria (Blake Edwards, 1982) Ficha

7 de marzo
          Viktor und Viktoria (Ronald Schünzel) Ficha

13 de marzo        
Breakfast on Pluto (Neil Jordan, 2005) Ficha

14 de marzo
        Morrer como um homem (João Pedro Rodrigues, 2009) Ficha

20 de marzo        Madame Satã (Karim Aïnouz, 2002) Ficha

21 de marzo        Tiresia (Bertrand Bonello, 2003) Ficha

27 de marzo
        Ma vie en rose (Alain Berliner, 1997) Ficha

28 de marzo
        Boys don´t cry (Kimberly Peirce, 1999) Ficha

3 de abril             The Naked Servant (Jack Gold, 1975) Ficha

Todas as proxeccións terán lugar ás 20.30 h no auditorio do centro. Entrada libre até completar capacidade.



Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal