Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
XORNADAS INSULTARTE

25-26 marzo 2014

XORNADAS INSULTARTE

Insultarte é un programa completo de actividades dirixido a estudantes e traballadores dos ámbitos da cultura e da creación. O programa inclúe un taller, diversas conferencias e unha mesa redonda a través dos cales os asistentes recibirán as ferramentas e as claves necesarias para identificar e aproveitar as oportunidades de emprego do seu sector, coñecer o marco legal do seu traballo e buscar financiamento para os seus proxectos.

Insultarte. 25-26 marzo. 11:00-14:00 h. Taller impartido por Vanesa Castro, Iñaki López e Juan Lesta
A partir de casos prácticos, o taller ofrécelles asesoramento aos asistentes sobre como desenvolver os seus proxectos, dándolles claves e pautas para enfocar o seu traballo no nivel legal, de orzamento e de protección ante posibles plaxios ou roubos. Un proxecto ben definido e ben comunicado ten máis posibilidades de conseguir financiamento e, por tanto, as súas probabilidades de éxito aumentan. As persoas que participen no taller terán que traer unha proposta do proxecto ou da obra que desexen presentar.

De profesión: artista. Algúns consellos para intentar vivir da arte. 25 marzo. 17:00-18:00 h. Conferencia de Iñaki López
O prezo do teu traballo e das túas habilidades. Festivais, certames, galerías e feiras. Como difundir o teu traballo e onde mostralo? Burrículum vitae. Cobrando ou gratis? Como financiar os teus proxectos?

Licenzas, dereitos de autor e propiedad intelectual. 25 marzo. 18:00-19:00 h. Conferencia de Juan Lesta
Propiedade intelectual e dereitos de autor, son a mesma cousa? Como rexistrar una obra (RPI, safe creative, sobre, notario) e para que? As ideas non se protexen. Dereitos de autor: que son?, cóbrase?, só se cobra? Dominio público: que é? É, o mesmo libre que gratis? E como recado os meus dereitos patrimoniais? Como funciona Vegap e por que conceptos vai recadar no meu nome? Como licenciar una obra: do copyright ao copyleft? Tipos de licenzas Creative Commons. Protexamos as nosas creacións, non só do mal (casos de roubo empresarial). E se subo a miña foto a Facebook... seguirá sendo miña? TOS, non hai que lelos, hai que coñecelos.

Son creador, son legal. 26 marzo. 17:00-18:00 h Conferencia de Vanesa Castro
Como facer una factura? IVE e IRPF. Figura e marco legal do creador. Que é un autónomo? Diferenzas entre Facenda e a seguridade social. Outros marcos legais posibles. Persoa física e persoa xurídica. Obrigas fiscais. A importancia de facer contratos.

Precariedade no sector cultural. 26 marzo. 18:00-19:00 h Mesa redonda moderada por Iñaki López coa participación do colectivo Insultarte (Juan Lesta, Iñaki López e Vanesa Castro), Moisés Álvarez e Marcos Nine.
O sector cultural non só o conforman as súas industrias senón tamén os axentes (creadores, investigadores, axitadores, prosumidores, etc.) que non teñen un marco legal definido e que, no entanto, constitúen unha ampla maioría. Pero, cales son as condicións laborais destes traballadores da cultura? Como conseguen vivir do seu traballo? Nesta mesa redonda poremos en común algunhas experiencias positivas.

As 25 prazas para asistir ao taller están esgotadas. As conferencias e a mesa redonda serán abertas ao público, mais a entrada virá determinada pola capacidade do auditorio. 


Juan Lesta é director, produtor, montador e creativo. Orienta a súa actividade cara á videocreación, o videoclip, a creación de multimedia e as videoinstalacións. Recibiu diversos premios e mencións de carácter nacional e internacional. Baixo o nome DSK, traballa en varios proxectos audiovisuais e artísticos como codeco.org, iconoscopio.net o peninsulaxy.net. Socio fundador da produtora coruñesa Esferobite, realiza distintos labores audiovisuais orientados á promoción e comunicación para empresas e á xestión cultural. Desde o ano 2002 imparte clases de audiovisual en diferentes escolas de deseño en Barcelona e impartiu talleres formativos en varios centros de arte e centros culturais de España.

Iñaki López / Vanesa Castro son artistas multimedia licenciados en belas artes e están especializados en audiovisual y performance. Traballan xuntos desde 2003. Como productores e axitadores culturais, teñen unha ampla experiencia en festivais internacionais e residencias artísticas. Ademais, expoñen os seus respectivos traballos, imparten talleres de formación e ofrecen mostras didácticas sobre audiovisual contemporáneo. Recibiron diversos premios e colaboraron con varias asociacións e espazos de intervención e produción cultural de España e Portugal. Máis información en www.furallefalle.com.



DESTINATARIOS: Estudantes e profesionais dos ámbitos da creación artística e cultural, e todas as persoas que estean interesadas nas cuestións que se van abordar durante as xornadas.

PRAZAS: 20

MATRÍCULA GRATUÍTA

INSCRICIÓN: Para participar no taller é preciso inscribirse por teléfono, enviando un correo electrónico dirixido ao Servizo de Actividades e Proxectos Educativos ou enchendo o formulario de preinscrición dispoñible no sitio web do CGAC. En calquera caso, deberán indicar o seu nome completo, os seus estudos, a súa área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

Para asistir ás conferencias e á mesa redonda non é preciso inscribirse, a entrada é libre até completar as localidades.

O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas que participen no taller.

COORDINACIÓN: Gema Baños





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal