Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLER CON CHELO MATESANZ. SEXUALIDADE METAFÓRICA

8-10 abril 2014

TALLER CON CHELO MATESANZ. SEXUALIDADE METAFÓRICA

O taller que propoñemos non pretende atender a cuestións sexuais, senón a aquelas categorías nas que a sociedade e a sexualidade atoparon lugares para afianzarse como imaxes de perpetuidade. Reconstruíndo ou reinterpretando a cita de McLuhan, poderiamos dicir que a sexualidade sería a mensaxe.

Pensemos na cantidade de exemplos actuais de anuncios publicitarios nos que obxectos de uso cotián proxectan ou adoptan formas de clara suxestión sexual coa intención de facelos máis desexables para o consumidor. A sexualidade habería que entendela como unha linguaxe ampla e determinante, que establece modos e modelos de correspondencia, que evoluciona ao ritmo dunha sociedade e se vai facendo colectiva a través da tecnoloxía e as novas ferramentas da comunicación.

A linguaxe estableceu normas e códigos para unha compresión exacta da información que transmite, pero a metáfora é a figura retórica, o recurso, que pode alterar ese significado das palabras escritas, proxectando, relacionando, e facendo semellante o que en principio non o é.

O taller comezará cunha visita á exposición, que se analizará desde a perspectiva proposta como tema. A seguir, terá lugar unha conversa sobre sexualidade metafórica na arte contemporánea, na que se verán e se discutirán diferentes exemplos e opinións. Despois abordaranse as formas de suxestión sexual desde a práctica, experimentando coa construción das pezas e analizarando os recursos que cada participante pensa utilizar para fabricar a súa propia metáfora: obxectos (ou imaxes) cuxa literalidade non estableza representacións naturalistas, senón que circunde a devandita carga sexual e a proxecte.

A proposta está aberta a todo tipo de público. Non é necesario ter un coñecemento previo da arte, basta con compartir os códigos que todos entendemos e manexamos para construír linguaxe. A actividade que se desenvolverá no taller será eminentemente práctica e consistirá en construír metáforas a través de situacións, obxectos, imaxes, etc.


O resultado do traballo realizado no taller exhibirase no Espazo de Proxectos do CGAC.


Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964)
É licenciada en Belas Artes, nas especialidades de Pintura e Audiovisuais, e doutora pola Universidade do País Vasco. Na actualidade, é profesora titular de Pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), onde impartiu docencia ao longo dos últimos vinte anos. A súa traxectoria artística deriva da actividade iniciada en 1986. Desde entón realizou múltiples exposicións individuais e colectivas. Obtivo a Bolsa de Formación e Axuda a Investigadores do Departamento de Cultura, Universidades e Investigación do Goberno Vasco e a Bolsa da Fundación Marcelino Botín, Santander. Participou na Mostra de Arte Nova do Ministerio de Cultura e recibiu o Premio JASP ao mellor artista novo en Arco 96. Ten obras en coleccións de distintas entidades públicas e privadas como a Fundación Coca-Cola, a Colección Testimoni, a Deputación de Murcia, Artium ou o Centro Galego de Arte Contemporánea.



DESTINATARIOS
Artistas, estudantes de Belas Artes, Historia da Arte, Humanidades, Filosofía, Ciencias Políticas, Periodismo, Publicidade, Mercadotecnia, Deseño de Produtos e calquera persoa interesada nas artes plásticas, a expresión artística e o tema proposto no taller.

HORARIO: de 17 a 20 h

PRAZAS: mínimo 10 / máximo 20 MATRÍCULA: 20 €

INSCRICIÓN
A preinscripción pódese facer a través da páxina web do CGAC, enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es ou chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos. En calquera caso, as solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto. Unha vez confirmada a inscrición, as persoas seleccionadas para participar no taller recibirán as indicacións para facer efectiva a matrícula.

MATERIAL
O CGAC achegará o material básico de traballo, pero a artista suxire que os participantes traian teas, roupa, xoguetes, botóns, abelorios, contos, fragmentos deses materiais aos que non adoitamos prestarlles atención e que, con todo, forman parte da nosa contorna, cousas que adoitamos tirar ao lixo ou gardar eternamente para usalas nalgún momento.

COORDINACIÓN: Virginia Villar





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal