Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CICLO DE CINEMA. O CINE DO THATCHERISMO: TERRA SEN PAN

10 abril - 15 maio 2014

CICLO DE CINEMA. O CINE DO THATCHERISMO: TERRA SEN PAN

É The Iron Lady (Phyllida Lloyd, 2011) un dos actos máis obscenos do cine antipolítico dos que gardamos recordo, nacido do máis desenfadado reaccionarismo. A haxiografía de Margaret Thatcher, no seu basto acriticismo nunca suficientemente remarcado, sobrevoa de modo ladino a toda unha xeración de cineastas que utilizou a pantalla como defensa, como parapeto dende o cal exercer a autodefensa de todos os que se sentiron violentados pola contrarrevolución conservadora que a filla do tendeiro executou. "Margaret on the Guillotine"(Margaret na guillotina):

The kind people
Have a wonderful dream:
Margaret on the guillotine.
Cause people like you
Make me feel so tired...
When will you die?
When will you die?
When will you die?
When will you die?
When will you die?
And people like you
Make me feel so old inside...
Please, die.


Igual que Morrisey, Roger Waters ou toda a ira fecunda contra esta política de destrución dos dereitos sociais que encarnou Thatcher alentou unha sinfonía, unha banda sonora da resistencia, da entulleira na que a súa política deixou á Inglaterra do welfare state queda unha serie de postais da desfeita, de imaxes cinéticas iradas, as que van de Ken Loach a Mike Leigh, sen dúbida os dous máis insistentes trobadores desta loita, pero tamén de Stephen Frears, Lindsay Anderson, Jim Sheridan, Mark Herman ou mesmo Gary Oldman, que se asomou á dirección cun filme exabrupto, Nil by Mouth, arredor da gangrena humana produto dun réxime saído das urnas.

Pero, que fixeches, Maggie?

A esa pregunta, aos desmandos sociais dun sistema depredador, dedicaron a maior parte das súas enerxías creativas os citados Ken Loach e Mike Leigh. Sen dúbida, con maior sutileza o segundo deles, aínda que Loach ganase a palma da popularidade. Niso inflúe, sen dúbida, o moi prolífico ritmo de Loach e, tamén, que o seu cine, con todo o que nel hai de áspero, é moito máis dixerible que o de Mike Leigh, cuxa crueldade e ausencia de agarradeiros ten poucas equivalencias tan ao límite.

Eu creo que Mike Leigh, a través de cumios do cine nihilista como High Hopes, All or Nothing ou, sobre todo, Naked, asume como ningún outro eses fragmentos de apocalipse, ese cráter que deixa Maggie, a filla do tendeiro, cando se vai, ou a botan, e se aburre na casa, a seguir creando amargura, a invitar a té con pastas ao seu amigo Pinochet en apuros, ou a regatear benestar, neste caso xa só doméstico: a escamoteada cantidade de manteiga untada nas torradas de Dennis.

Reviso Naked —pero podería dicir o mesmo de High Hopes, de Life is Sweet, de All or Nothing, de Career Girls ou de Meantime (inédita no noso país), que neste ciclo recuperamos— e decátome de que cada vez que penso na longa noite de ferro de Maggie Thatcher, me vén á mente a sombra de David Thewlis coxeando, arrastrando a súa soidade por ese Londres espectral que parece nacido dunha distopía.

Está ben que da extensa filmografía de Ken Loach rescatemos a tampouco estreada en España Looks and Smiles, a súa película máis política xunto a Hidden Agenda, e que, dalgunha forma, a complementa.

Neste CGAC, onde Derek Jarman campaba en bucle hai apenas unhas semanas, será bo telo presente nesa obra lúgubre e inquietante que é The Last of England.

E como comezamos rememorando, a Inglaterra que comezou a defoliar Thatcher —que fixeches, Maggie?— tivo a súa banda sonora de ruído e de furia. A dialéctica da contracultura do punk e os Sex Pistols fronte ao rigorismo de tendeira do capitalismo sen compaixón ten que ser sentida e escoitada a través do díptico fundamental de Julien Temple que conforman a obra mestra absoluta The Filth and the Fury e o seu oportuno complemento The Great Rock ´n´ Roll Swindle.

Margaret on the guillotine
Cause people like you
Make me feel so tired...

Folleto da actividade


DIRECCIÓN DO CICLO: José Luis Losa

CALENDARIO


10 de abril             Naked (Mike Leigh, 1993) Ficha

11 de abril             High Hopes (Mike Leigh, 1988) Ficha

24 de abril             The Great Rock ´n´ Roll Swindle (Julien Temple, 1980) Ficha

                              The Filth and the Fury (Julien Temple, 2000) Ficha

25 de abril             Meantime (Mike Leigh, 1984) Ficha

8 de maio              Nil by Mouth (Gary Oldman, 1997) Ficha

9 de maio              The Last of England (Derek Jarman, 1987) Ficha

15 de maio             Looks and Smiles (Ken Loach, 1981) Ficha


Todas as proxeccións terán lugar ás 20:30 h no auditorio do centro. Entrada libre até completar capacidade.





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal