Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CICLO CINEMA. AS LETRAS GALEGAS A TRAVÉS DO DOCUMENTAL (2011-2014): CATRO PROPOSTAS DE GONZALO E. VELOSO

13-15 maio 2014

CICLO CINEMA. AS LETRAS GALEGAS A TRAVÉS DO DOCUMENTAL (2011-2014): CATRO PROPOSTAS DE GONZALO E. VELOSO

Este ciclo presenta catro traballos documentais co obxectivo de achegar a obra dos autores Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade, Roberto Vidal Bolaño e Xosé María Díaz Castro, que protagonizaron as últimas edicións do Día das Letras Galegas. Gonzalo E. Veloso, director das catro películas, presenta ese achegamento a través de múltiples voces que percorren a vida e obra dos autores e constrúen, para cada un deles, un retrato calidoscópico único.

Folleto da actividade


13 de maio 19:30 h 

Presentación do ciclo coa participación de Gonzalo E. Veloso (director dos documentais), José María Paz Gago (catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña) e Xosé Nogueira (profesor de Historia do Cinema na Universidade de Santiago de Compostela). Ao remate proxectarase o documental Lois Pereiro. Seguindo os surcos.

14 de maio 17:00-20:00 h

Proxección do documental Recuperando a Roberto Vidal Bolaño

 

15 de maio 17:00-20:00 h

Proxección dos documentais Deconstruíndo a Valentín Paz Andrade e Reubicando a Díaz Castro

 

SESIÓNS PARA ESTUDANTES

Ademais, en horario de mañá, realizaranse proxeccións dirixidas a estudantes. As sesións comezarán ás 11:00 h e a continuación haberá un coloquio co director. A entrada é de balde. Para asistir é preciso inscribirse antes por teléfono ou correo electrónico.

 

14 de maio 11:00-12:30 h Deconstruíndo a Valentín Paz Andrade e Reubicando a Díaz Castro

15 de maio 11:00-13:00 h Recuperando a Roberto Vidal Bolaño e Lois Pereiro. Seguindo os surcos

 

DOCUMENTAIS

Deconstruíndo a Valentín Paz-Andrade, 2012

Documental. 59 min. Dirección, guión e produción: Gonzalo E. Veloso. Produción executiva: Gonzalo E. Veloso e Fran Naveira. Fotografía: Santiago Teijelo. Son directo: María Quintás. Posprodución de son: Manuel Rega. Etalonaxe: Fran Rega. Deseño de carteis: Tony Daviña. Asesoramento legal: Sandra Expósito García.

Interveñen: Alonso Paz-Andrade, Jordi Pujol, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Tucho Calvo, Xusto Beramendi, Víctor Freixanes, Avelino Pousa Antelo, Antía Cal, etc.

Sipnose: documental no que se realizan entrevistas a familiares, amizades, intelectuais e especialistas nas materias que Valentín Paz-Andrade (Pontevedra, 1898 - Vigo, 1987) cultivou durante toda a súa vida. A estrutura busca unha dislocación temática e alterna diversos temas nunha sucesión que chega a unha lóxica total ao final, de xeito que todas as partes resultan necesarias. É un intento formal de achegarse á figura dun intelectual que se dedicou ao mesmo tempo a tarefas tan diversas como a política, o ensaio, o dereito, a poesía, a creación ou a xestión empresarial.

 

Recuperando a Roberto Vidal Bolaño, 2013

Documental. 30 min. Dirección, guión e produción: Gonzalo E. Veloso. Produción executiva: Gonzalo E. Veloso, Santiago Teijelo Vázquez, Fran Naveira. Música: Orquestra Voland, un proxecto transmedia de Quinito Mourelle e Roberto Somoza. Son directo: Manuel Rega. Fotografía: Santiago Teijelo Vázquez. Montaxe: Gonzalo E. Veloso. Posprodución: Fran Naveira. Operador de cámara: Santiago Teijelo Vázquez. Asesoramento legal: Sandra Expósito García.

Interveñen: Roi Vidal, Belén Quintáns, Laura Ponte, Xosé Manuel Fernández Castro, Inma López Silva, Dolores Vilavedra, Quico Cadaval, Manuel Lourenzo, Rodrigo Roel, Jorge Rei, Paco Macías, Carlos Mejuto, Rubén Ruibal, etc.

Sipnose: Neste documental a figura de Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) é tratada non como un obxecto de estudo en por si, senón como un elemento tentador, é dicir, non hai unha pretensión de esgotar o tema, de responder a todas as cuestións que poidan xurdir ao estudar a súa obra e biografía. A intención é ensinar e entreter ao mesmo tempo e, ademais, espertar no espectador o interese por indagar nos seus textos e por asistir ás representacións teatrais das súas obras.

 

Lois Pereiro. Seguindo os surcos, 2014

Documental. 80 min. Dirección, guión e produción: Gonzalo E. Veloso. Música: Bieito Romero, Xacobe Martínez Antelo, Pedro Lamas, Manu Clavijo e Quinito Mourelle. Banda sonora: Manu Clavijo, Bieito Romero e As Maianas. Fotografía: Santiago Teijelo.

Interveñen: Xosé Manuel Pereiro, Isabel Romero, Inés Pereiro, Inés Pereiro Pontón, Manuel Rivas, Antón Reixa, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio Valcárcel, Lino Braxe, Miguel Mato, Xavier Seoane, Paco Macías, Antón Patiño, Menchu Lamas, César Antonio Molina, Fernando Saco, María Remedios Rodríguez, María Xosé Vega Buján, Raúl López, Xosé Luís Méndez Ferrín I Poemas voz: Quico Cadaval, Alfredo Conde, Yolanda Castaño, Santiago Fernández, Xabier Díaz, Lucía Aldao, María Canosa e Alexandra Marti

Sipnose: Achegamento á vida e á obra de Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958 - A Coruña, 1996) a través dunha narración de múltiples perspectivas con intervencións que comparten lembranzas e visións sobre o poeta. Documental pensado tanto para as persoas coñecedoras da obra de Lois Pereiro como para amantes da literatura en xeral, xa que non só se desvelan claves da súa vida e dos seus textos senón que hai unha fonda reflexión sobre a literatura. Conta, ademais, coa colaboración artística de poetas, recitadores e músicos que nos achegan a poesía de Lois Pereiro.

 

Reubicando a Díaz Castro, 2014

Documental. 30 min. Dirección, guión e produción: Gonzalo E. Veloso. Produción executiva: Gonzalo E. Veloso, Santiago Teijelo Vázquez, Fran Naveira. Música: A Quenlla. Son directo: Manuel Rega. Fotografía: Santiago Teijelo Vázquez. Montaxe: Gonzalo E. Veloso. Postprodución: Fran Naveira. Operador de cámara: Santiago Teijelo Vázquez. Asesoramento legal: Sandra Expósito García.

Interveñen: Félix Villares, Alfonso Blanco Torrado, Luís G. Tosar, Armando Requeixo, Raúl Río, José Antonio Cascudo, Xulio Xiz, Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, etc.

Sipnose: Este documental sobre Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914 - Lugo, 1990) é un achegamento libre que apunta directamente ao universo que o poeta tratou de destilar e sistematizar nos seus versos. O discurso fílmico está composto tanto por conversas dos participantes como pola paisaxe que el amou e admirou, sendo a propia paisaxe protagonista visual e acusticamente. Procura evocar, incluso, unha percepción sinestésica na que interveñan, ademais da vista e do ouvido, o tacto e o olfacto. Xunto a esta experiencia, aparecen os temas comúns aos demais traballos: o achegamento á persoa, o autor e a obra.

 

A visión de Gonzalo E. Veloso

Nos últimos tres anos realizamos catro documentais sobre autores recoñecidos pola Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas (Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade, Roberto Vidal Bolaño e Xosé María Díaz Castro). Abordei estes catro proxectos desde diferentes perspectivas, mais todos eles comparten algúns trazos estilísticos e conceptuais. Aínda que o tema central sobre o que gravita cada traballo é o autor homenaxeado, o peso cae totalmente sobre os participantes que interveñen e configuran o mapa do autor coa voz da súa experiencia (familia, amizades, colegas, críticos, docentes...). Na meirande parte dos casos as persoas que interveñen conversan en parellas sobre o autor en cuestión. Como director, procuro non interferir nesas consversas e así acumular horas de material. Posteriormente visualízoo e selecciono segmentos que respondan aos conceptos de autor, obra e persoa. Con estes cortes, constrúo un discurso fílmico (realizando un traballo semellante ao found footage) baseándome nunha estrutura establecida (diacrónica, temática, etc.) que é única para cada documental.

Gonzalo E. Veloso

Entrada de balde até completar as localidades.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal