Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
NOVOS USOS E PATOLOXÍAS DA IMAXE CONTEMPORÁNEA

21-23 maio 2014

NOVOS USOS E PATOLOXÍAS DA IMAXE CONTEMPORÁNEA

A irrupción de internet, ou os avances tecnolóxicos que hoxe permiten e pautan o rexistro e a reprodución de imaxes e sons, provocou un xiro evidente na relación que vincula a imaxe cos seus potenciais consumidores. Entre as cuestións que esta nova dispoñibilidade trae consigo, é oportuno incidir no modo en que innumerables procedementos de xestión e difusión de imaxes a nivel industrial ou doméstico se ven hoxe ameazados por sinxelos xestos aos que a ergonomía dixital dotou dunha relevancia inesperada. Este feito esixe unha paulatina reconsideración do que hoxe supón afrontar unha imaxe (tanto desde a posición do creador, como desde a do espectador); pois esa incipiente variación contemporánea no noso xeito de afrontalas, arrastrounos a un verdadeiro período de crise e renacemento no que ás imaxes respecta. O conxunto dos relatorios deste seminario debuxan o esbozo dun mapa de movementos, ferramentas e miradas, co fin de reflexionar sobre o estado actual desta cuestión e sobre a situación en que se atopan o mundo da arte, da comunicación, da socioloxía ou da política actual neste contexto.

Os relatorios complementaranse con proxeccións ilustrativas: o exercicio dunha montaxe, en tempo real, de material audiovisual absolutamente heteroxéneo e dispoñible na rede.

Folleto da actividade


PROGRAMA

Mércores 21

17:00 h Presentación a cargo de José Manuel Mouriño
17.30 h José Gomes Pinto. Facer do mundo unha experiencia. Das materialidades da mediación
19:00 h Proxección

Xoves 22

17:00 h José Manuel Mouriño. Distancia, repetición e realidade
18:00 h Proxección
Descanso de 30 min
19:00 h José Manuel López. Imaxe, relato, corpo:algunhas riscaduras da imaxe fílmica contemporánea
20:00 h Proxección

Venres 23

17:00 h Alberto Ruiz de Samaniego. Matar, a imaxe
18:00 h Proxección
Descanso de 30 min.
19:00 h Miguel Ángel Ramos. Internet ou o tempo da procastinación
20:00 h Proxección


José Manuel Mouriño é investigador, ensaísta e cineasta. É membro do Russian Cinema Research Group do University College de Londres e do consello científico da revista internacional KINORUSS Film Art Journal. É o responsable, dentro do Instituto Internacional Andrei Tarkovski, de diversos proxectos editoriais e expositivos en España e Latinoamérica. Está a elaborar o seu próximo libro sobre o mestre do cine ruso Mijaíl Romm, autor sobre o que comisariou unha recente retrospectiva para a Filmoteca Española. Actualmente está a realizar catro documentais ensaísticos centrados na obra de María Zambrano, Fernando Pessoa e Manuel Vilariño, e na restauración cinematográfica do laboratorio italiano de L’Immagine Ritrovata (Cineteca di Bologna).

José Gomes Pinto é profesor asociado na Escola de Comunicación, Arquitectura, Artes e Tecnoloxías da Información da Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnoloxías. Licenciado en Filosofía, doutorouse en Estética e Teoría das Artes. Cursou estudos posdoutorais na Universidade Humboldt de Berlín, na área de medios de comunicación. Dirixiu e creou o Grao en Comunicación e Arte e o Máster en Produción e Creación en Artes Tecnolóxicas. Actualmente é director do programa de doutoramento en Filosofía, na especialidade de Pensamento Contemporáneo. Foi profesor invitado no Máster de Artes Visuais-Intermedia da Universidade de Évora (2006-2008) e do Máster en Deseño de Comunicación e Novos Medios da Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa (2010-2014).

José Manuel López é licenciado en Publicidade e doutorando en Comunicación Audiovisual. En 2004 funda a revista en liña de cine Tren de sombras e actualmente forma parte do consello de redacción da revista Caimán Cuadernos de Cine. Desde 2012 colabora co MARCO de Vigo como docente de cursos de cine. Participou como dialoguista na cuarta e quinta tempada da serie televisiva Matalobos. En 2008 coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria. Participa ademais en libros colectivos como Elegías íntimas. El cine visto por los cineastas (Documenta Madrid) ou Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos (Seminci, Festival de Cine de Valladolid). Colaborou tamén en revistas especializadas como Secuencias, Blogs&Docs, Transit ou Nosferatu e con editoras de DVD como Intermedio ou Cameo.

Alberto Ruiz de Samaniego é profesor titular de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, doutor en Filosofía pola Universidade Autónoma de Madrid e magister en Estética e Teoría das Artes polo Instituto de Estética e Teoría das Artes da Universidade Autónoma de Madrid. Ademais, é o coordinador do Máster en Arte Contemporánea. Investigación e Creación da Universidade de Vigo. Foi director da Fundación Luís Seoane da Coruña (2008-2011), crítico cultural e comisario de exposicións. En 2007 foi comisario do Pavillón Español da 52.a edición da Bienal de Arte de Venecia. Publicou, entre outros, os seguintes libros: Maurice Blanchot: una estética de lo neutro, Semillas del tiempo, La inflexión posmoderna: los márgenes de la modernidad e Belleza de otro mundo e apuntes sobre algunas poéticas del inmovilismo.

Miguel Ángel Ramos é investigador e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. Foi profesor de Estética e director de comunicación da UAM, e profesor na UCM. Colaborou como escritor en publicacións periódicas como Diario 16, ABC, El Mundo, Creación, Sileno, El Urogallo, Cimal, Lápiz e Revista de Occidente, entre outras, así como en Radio Nacional. Traballa en Radio Círculo e leva a cabo actividades dentro do deseño sonoro e a música co grupo S’IL BEUYS PLIGHT, as artes plásticas e a edición. Publicou, traduciu ou editou algúns libros para Alianza Editorial, Tecnos, Cátedra, a Comunidade de Madrid ou o MNCARS. É autor de ensaios sobre artistas amigos como Antonio Murado, Nacho Criado, Tony Cragg, Ignacio Caballo, Carlos Capelán, Marisa Casado ou Severo Sarduy. Na actualidade, é webmaster de http://preparedguitar.blogspot.com.es.



DESTINATARIOS: Todas as persoas interesadas no tema proposto e, en particular, estudantes e profesionais das Belas Artes, Historia da Arte, Historia do Cine, Humanidades, Ciencias da Comunicación, Comunicación Audiovisual, Filosofía, Socioloxía e Ciencias Políticas.

MATRÍCULA E PRAZAS: A asistencia a todas as actividades do seminario será libre e de balde até completar as localidades. Para obter o certificado de asistencia e aproveitamento será necesario inscribirse e asistir, como mínimo, a un 75 % das sesións.

INSCRICIÓN: As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web do CGAC, enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 602. En calquera caso, deberán indicar o seu nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

COORDINACIÓN: Virginia Villar.








Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal