Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CICLO CINEMA. CHRIS MARKER: A MEMORIA DO MUNDO

4-6 xuño 2014

CICLO CINEMA. CHRIS MARKER: A MEMORIA DO MUNDO

Se hai un cineasta que encarna a vocación reflexiva da modernidade ese é Chris Marker (Neuilly-sur-Seine, 1921 - París, 2012). A partir do diálogo entre textos de gran poder evocador e as artes visuais, Marker concibe a imaxe en múltiples formatos e rexistros e fragua un itinerario estético que gravita sobre o que André Bazin cualificou de “cinema-ensaio”.

Para Marker as imaxes constitúen a única memoria plausible do tempo, e isto incita a un cuestionamento da obxectividade que leva implícita o xénero documental. Marker manipula o filme desde a súa diéxese, e quebra os mecanismos de enunciación que privilexian a representación e o realismo para construír un edificio desde unha autoridade narrativa aberta, apelando á propia experiencia do espectador.

Nas últimas décadas, transitou do átomo ao bit, abrazou sen complexos o paradigma dixital e explorou espazos virtuais que levaron a súa obra aos museos; pero a súa poética permaneceu inalterable: sempre alerta, desafiando as verdades absolutas, con esa teima de tecer un relato polisémico da cultura global.

Neste fértil campo semántico; o ollar de Marker é un sendeiro que se bifurca en múltiples direccións; que formula desde o presente unha reescritura do pasado e unha hipótese de futuro. Un labirinto, un enigma sen resolver.

Folleto da actividade

PROGRAMA

Mércores, 4 de xuño. Marker entre o real e o virtual
20:30 h Presentación a cargo de José Antonio Cascudo e Julio Vilariño

Proxección do filme Level Five, de Chris Marker (Francia, 1997, 110 min). Unha programadora que traballa nun videoxogo sobre a Batalla de Okinawa recorre a Marker para rememorar este “episodio demente e mortífero da Segunda Guerra Mundial, eludido pola historia e borrado da nosa consciencia colectiva”. Marker cría que “memorizar o pasado para non revivilo é a ilusión do século XX”. Continúa vixente esta idea no século XXI, ante a irrupción de internet e a constante manipulación á que están sometidas as imaxes?

Xoves, 5 de xuño. Marker e Lacuesta
20:30 h Relatorio de Isaki Lacuesta
21:00 h Proxección de Las variaciones Marker, de Isaki Lacuesta (España, 2007, 35 min). Las variaciones Marker é unha homenaxe de Isaki Lacuesta ao autor francés, na que trata de desvelar os seus enigmas a través dunha sucesión de epístolas visuais. O crítico Ángel Quintana define a Lacuesta como “un cineasta do século XXI, que ensaia novas formas de escritura e que expresa o seu punto de vista sobre o mundo e sobre a imaxe nun amplo territorio que vai alén dos confíns da arte contemporánea”. Unha descrición que lle vén ao pelo ao propio Marker. 

21:40 h Proxección de La Jetée, de Chris Marker (Francia, 1962, 26 min). Nun sentido estrito, La Jetée é o único filme de ficción de Marker, “unha fotonovela”, como se pode ler nos títulos de crédito. A imaxe fugaz dunha muller que permanece para sempre na retina, a anatomía dunha lembranza, composta unicamente de fotogramas e voz en off.

Venres, 6 de xuño. Chris Marker: viaxeiro, poeta, cineasta

20:30 h Proxección de Sans Soleil de Chris Marker (Francia, 1983, 100 min). “Chris Marker: viaxeiro, poeta, cineasta”, esta era a inscrición que figuraba na súa tarxeta de visita. Marker posuía unha curiosidade natural polo diferente. Esta curiosidade proporcionoulle un vasto coñecemento sobre as xeografías humanas. Sans Soleil é unha expresión da suma destas inquietudes e tamén unha das súas obras cimeiras do punto de vista estético.

José Antonio Cascudo é licenciado en Historia da Arte e Comunicación Audiovisual. Dirixiu o documental O instante eterno (2014) sobre o poeta Díaz Castro. Na actualidade compatibiliza a investigación coa escritura de guións e a crítica cinematográfica. No 2008 coordinou o ciclo Alexander Sokurov, a voz solitaria do home, tamén no CGAC. Publicou o libro de poesía Manual do misántropo (Espiral Maior, 2007) e participou na obra colectiva A cidade na poesía galega do século XXI (Toxosoutos, 2012).

Julio Vilariño é técnico en realización de audiovisuais e espectáculos e licenciado en Historia da Arte pola USC, onde cursou o Máster de Estudos Técnicos e Comparados da Literatura e a Cultura. Actualmente traballa na área de Teoría da Literatura na Facultade de Filoloxía da mesma Universidade, onde está a realizar a súa tese de doutoramento sobre a obra dixital de Chris Marker. É membro do Cineclube de Compostela desde hai máis de dez anos e colabora habitualmente con publicacións como A Cuarta Parede, Novas da Galiza ou Praza Pública.

Isaki Lacuesta é cineasta. Dirixiu os filmes Cravan vs Cravan (2002), La leyenda del tiempo (2006), Los condenados (2009), La noche que no acaba (2010), El cuaderno de barro (2011) e Los pasos dobles (2011), polos que recibiu, entre outros, o premio Sant Jordi (2002), o Ciutat de Barcelona (2011), a Concha de Ouro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián (2011), o Goya ao mellor documental (2010) ou o Premio Nacional de Cinematografía da Generalitat de Catalunya (2012). Compaxina o cinema coa docencia na Universidade Pompeu Fabra e na Universidade Autónoma de Barcelona e colabora en diversos medios escribindo artigos sobre cine, música e literatura.


DESTINATARIOS: O ciclo está dirixido a todas as persoas interesadas no cine e no tema proposto; en particular, a profesionais e estudantes de Belas Artes, Historia da Arte, Historia do Cine, Humanidades, Ciencias da Comunicación, Comunicación Audiovisual, Filosofía e Socioloxía.

MATRÍCULA E PRAZAS: A asistencia ao ciclo será libre e de balde até completar as localidades. Para obter o certificado de aproveitamento será necesario inscribirse e participar, como mínimo, nun 75 % das sesións.

INSCRICIÓN: As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web do CGAC, enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 602. En calquera caso, deberán indicar o seu nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

DIRECCIÓN: José Antonio Cascudo

COORDINACIÓN: Virginia Villar





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal