Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
QUE ESTÁS VENDO? UNHA APROXIMACIÓN Á FICCIÓN TELEVISIVA NORTEAMERICANA DO SÉCULO XXI

26-28 xuño 2014

QUE ESTÁS VENDO? UNHA APROXIMACIÓN Á FICCIÓN TELEVISIVA NORTEAMERICANA DO SÉCULO XXI

A aparición e o auxe dos novos medios como internet ou os videoxogos a finais do século pasado provocaron que a televisión se desprazase do centro do ecosistema mediático. Os novos contornos supuxeron para os medios clásicos unha necesidade de adaptación á realidade emerxente.

A televisión non foi allea a estes cambios, a estes novos consumidores de contidos chegados do mundo dixital. Foi necesaria a elaboración dunha nova estratexia para manter e aumentar o interese do telespectador, que desembocou no que algúns investigadores denominaron a terceira idade de ouro da televisión.

Esta nova idade de ouro está fortemente ligada a unha fragmentación do medio, coa aparición de novas canles, e á produción de contido propio e a aposta pola calidade a través de relatos seriais que proliferaron considerablemente a partir da primeira década do século XXI, cambiando o panorama televisivo.

Este seminario ofrece unha oportunidade para repasar e analizar algunhas das ficcións que marcaron, marcan e marcarán o mundo televisivo. Series que deixaron unha importante pegada na historia recente da televisión e crearon algúns dos momentos máis sobranceiros da pequena pantalla.

Unha mirada ao comezo deste período a través dunha das series máis aclamadas: The Sopranos. A actualidade, presente nunha serie que se foi desenvolvendo pouco a pouco grazas á crítica e ao fenómeno fan: Breaking Bad. E, por último, o futuro do medio televisivo, as plataformas en liña (Netflix), a creación de contidos e a súa distribución a través das novas canles: House of Cards.

Folleto da actividade

PROGRAMA

Xoves 26

18:00 h Fernando Castro Flórez. Non o perdas . [Fandom-serials con síndrome de like]

19:00 h Toni de la Torre. Heisenberg & Company: a figura do antiheroe nas series contemporáneas

20.00 h Proxección 


Venres 27

18:00 h Concepción Cascajosa Virino. A química humana: sobre as relacións familiares en Breaking Bad

19:00 h Víctor Hernández-Santaolalla. A sociedade occidental a través do cristal azul: por que analizamos Breaking Bad?

20.00 h Proxección de “The Fly” (Breaking Bad, tempada 3, capítulo 10, 2010; VOSG)


Sábado 28
11:00 h Toni García Ramón. Netflix: a revolución tranquila

12:00 h Patricia Fra López. Os enredos da política norteamericana na televisión: desde The West Wing a House of Cards

13:00 h Proxección de “Happy Birthday Mr. (Vice)President” (House of Cards, tempada 2, capítulo 1, 2014; VOSE)


Fernando Castro Flórez é profesor titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade Autónoma de Madrid e membro do Comité Asesor do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Ademais é crítico de arte de ABC Cultural, director de Cuadernos del IVAM e comisario independente de exposicións. Escribiu, entre outros libros, Elogio de la pereza. Notas para una estética del cansancio (Julio Ollero Editor, 1992), Una verdad pública. Consideraciones sobre el arte contemporáneo (UAM, 2009), Mierda y catástrofe: síndromes culturales del arte contemporáneo (Fórcola, 2004) e Contra el bienalismo (Akal, 2012).

Toni de la Torre dedícase á crítica de series de televisión desde hai más de dez anos e está considerado un veterano e recoñecido experto na ficción seriada. Escribiu diversos libros sobre series e ofrece periodicamente conferencias sobre o tema no ámbito académico. Tamén participa en cursos universitarios e mesas redondas sobre televisión. Exerceu de crítico de series en periódicos como La Vanguardia e revistas como TimeOut. Actualmente fala sobre elas no programa de radio El món a RAC1, líder de audiencia en Cataluña, e no programa de televisión Arucitys, ganador dun Premio Ondas en 2012.

Concepción Cascajosa Virino é doutora en Comunicación Audiovisual e profesora titular do Departamento de Periodismo e Comunicación Audiovisual da Universidade Carlos III de Madrid, onde actualmente dirixe o Máster en Guión de Cine e Televisión. Así mesmo, é autora dos libros El espejo deformado: versiones, secuelas y adaptaciones en Hollywood (Universidade de Sevilla, 2006), De la TV a Hollywood: un repaso a las películas basadas en series (Arkadín, 2006) e Prime Time: las mejores series americanas (Calamar Ediciones, 2005), e editora de La caja lista: televisión norteamericana de culto (Laertes, 2007).

Víctor Hernández Santaolalla é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Sevilla. Actualmente traballa como persoal investigador en formación no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Literatura da dita universidade, onde desenvolve a súa tese de doutoramento sobre os efectos cognitivos da publicidade política electoral. Publicou artigos e capítulos de libro sobre publicidade, propaganda e series de televisión. Recentemente coordinou o libro Breaking Bad, 530 gramos (de papel) para serieadictos no rehabilitados (Errata Naturae, 2013).

Toni García Ramón é xornalista. Empezou escribindo de cine na revista barcelonesa Punto H. Despois curtiuse en publicacións como MAN, Primera Línea, Quo, Woman, Fotogramas, Cinemanía, La Vanguardia ou ABC, para as que cubriu máis de oitenta festivais de cine e televisión por todo o mundo. Actualmente colabora, entre outros medios, con El País, Esquire, Forbes, Jotdown, DON ou Canal +. Defínese como un culé, fanático de The Wire e da robaliza ao forno.

Patricia Fra López é profesora titular de Literatura Norteamericana na área de Filoloxía Inglesa da Universidade de Santiago de Compostela. É especialista no estudo da literatura de Estados Unidos e nas súas relacións co cinema. Entre as súas publicacións destacan a monografía Cine y literatura en Francis Scott Fitzgerald: del texto literario al guión cinematográfico (USC, 2002), así como diversos traballos sobre teatro e cine, en particular, sobre a violencia doméstica presente nas versións cinematográficas da obra de Tennessee Williams. Tamén impartiu conferencias sobre o mundo da televisión, como a titulada Realidad y/o ficción: de The West Wing a John Adams. Análisis del subgénero presidencial en la televisión norteamericana reciente, en 2009.


DESTINATARIOS: O seminario está dirixido a estudantes e profesionais do ámbito da comunicación audiovisual e a todas as persoas interesadas no tema proposto.

MATRÍCULA E PRAZAS: A asistencia a todas as actividades do seminario será libre e de balde até completar as localidades dispoñibles. Para obter o certificado de aproveitamento será necesario inscribirse e asistir, como mínimo, a un 75% das sesións.

INSCRICIÓN: As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web do CGAC, enviando un correo electrónico a cgac.actividades@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 623. En calquera caso, deberán indicar o seu nome completo, os seus estudos, a súa área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

DIRECCIÓN: Luis R. Lemos

COORDINACIÓN: Cristina Trigo



Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal