Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CURSO DE CINEMA. DERIVAS DA MODERNIDADE. DO CINEMA CLÁSICO AO CINEMA MODERNO. INTUICIÓNS, ECLOSIÓNS E ECOS DOS NOVOS CINEMAS DA MODERNIDADE (1950-1980)

22 outubro 2014 - 20 maio 2015

CURSO DE CINEMA. DERIVAS DA MODERNIDADE. DO CINEMA CLÁSICO AO CINEMA MODERNO. INTUICIÓNS, ECLOSIÓNS E ECOS DOS NOVOS CINEMAS DA MODERNIDADE (1950-1980)

Este curso traza un panorama xeral sobre a revolución que supuxeron os novos cinemas nos anos sesenta, as súas intuicións na década dos cincuenta e os seus ecos na posterior década dos setenta. Unha revolución que se opuxo ao chamado cinema clásico e que marcou o comezo da modernidade, ese movemento que supuxo, en palabras de Domènec Font, “unha auténtica sismografía no interior dese edificio que chamamos Historia do cinema”.

Lonxe da opinión de que a modernidade é unha especie de superación ou actualización do clasicismo, ao longo deste curso veremos que non é posible entender estes dous conceptos como compartimentos estancos, separados ou illados. Ao contrario, clasicismo e modernidade solápanse e aliméntanse entre si, e resulta imposible entender os achados e as revolucións desta sen as derivas e fisuras daquel. Porque, como dixo alguén alguna vez, o moderno ten que conservar un vínculo secreto co clásico para non quedarse no mero xogo da moda.

O curso combina sesións temáticas e transversais con outras monográficas dedicadas aos principais cineastas dos anos cincuenta, sesenta, setenta e oitenta. Nas sesións proxectaránse escenas claves para a análise dos filmes máis representativos deste período decisivo da historia do cinema.

Folleto da actividade


PROGRAMA

I. INTUICIÓNS

22 outubro: O vello e o novo: o tránsito entre o clasicismo e a modernidade
29 outubro: Intuicións da modernidade no cinema europeo dos anos cincuenta
5 novembro: Radicais libres: Robert Bresson
19 novembro: Radicais libres: Ingmar Bergman
26 novembro: Roberto Rossellini e o neorrealismo italiano
3 decembro: Radicais libres: Orson Welles
17 decembro: Radicais libres: Stanley Kubrick
21 xaneiro: O New American Cinema de Jonas Mekas, Stan Brakhage e Maya Deren

II. ECLOSIÓNS

NOUVELLE VAGUE: RIBEIRA DEREITA
28 xaneiro: A Nouvelle Vague e a política dos autores
4 febreiro: Jean-Luc Godard
11 febreiro: François Truffaut
25 febreiro: Eric Rohmer

NOUVELLE VAGUE: RIBEIRA ESQUERDA
4 marzo: Alain Resnais
11 marzo: Agnès Varda
18 marzo: Chris Marker

ITALIA
25 marzo: Michelangelo Antonioni
8 abril: Pier Paolo Pasolini

III. ECOS

15 abril: A xeración post-Nouvelle Vague: Jean Eustache, Maurice Pialat e Philippe Garrel
22 abril: Novo Hollywood I: a modernidade europea desembarca en Hollywood
29 abril: Novo Hollywood II: os movie brats (Spielberg, Coppola, Lucas...) e o nacemento do blockbuster moderno
6 maio: Martin Scorsese
13 maio: Francis Ford Coppola
20 maio: Herdanzas da modernidade europea no cinema asiático contemporáneo


Jose Manuel López é licenciado en Publicidade e doutorando en Comunicación Audiovisual. En 2004 fundou a revista en liña de cine Tren de sombras e actualmente forma parte do consello de redacción da revista Caimán Cuadernos de Cine. Desde 2012 colabora co MARCO de Vigo como docente de cursos de cine. Participou como dialoguista na cuarta e quinta tempada da serie televisiva Matalobos. En 2008 coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria. Participou ademais en libros colectivos como Elegías íntimas. El cine visto por los cineastas (Documenta Madrid) ou Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos (Seminci, Festival de Cine de Valladolid). Colaborou con revistas especializadas como Secuencias, Blogs&Docs, Transit ou Nosferatu e editoras de DVD como Intermedio ou Cameo.


DIRECCIÓN: José Manuel López 

COORDINACIÓN: Virginia Villar

DESTINATARIOS: Profesores, estudantes e todas as persoas interesadas no tema proposto.

PRAZAS: 250

HORARIO: de 19 a 20.30 h

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 22 de xullo ata o 22 de outubro de 2014.
As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web do CGAC ou enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es. En calquera caso, deberán indicar o seu nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

Unha vez aceptada a solicitude, informarase ás persoas inscritas sobre como realizar o pagamento.

MATRÍCULA: Prezo da matrícula anticipada (do 22 de xullo ao 30 de setembro de 2014): 70 € 7 Prezo da matrícula do 1 ao 22 de outubro de 2014: 80 €/ Prezo para socios do Cineclube Compostela: 65 €.

CERTIFICACIÓN: Poderán solicitar o recoñecemento de 1 crédito pola súa participación neste curso, coorganizado pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, os alumnos matriculados en calquera dos títulos de grao da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ademais, o curso está recoñecido como formación permanente do profesorado (34 horas) pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As persoas interesadas en obteren o crédito e o certificado de aproveitamento do curso deberán asistir, como mínimo, ao 85% das sesións.





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal