Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
PROJECT MOSCOW

18 setembro - 19 outubro 2014

PROJECT MOSCOW

PROGRAMA

Marta Alvim: The Death of an Owl, 2012
Vídeo HD, cor, son; 9 min 45 s

Christian García Bello: Los tres estanques, 2012
Vídeo HD, branco e negro, son; 8 min 25 s

Jacobo Bugarín: Carta a las generaciones futuras, 2012
Vídeo HD, branco e negro, son; 10 min 46 s

Federico Vladimir Strate Pezdirc: Vladimir x3 el Grande, 2012
Vídeo HD, cor, son; 24 min

Comisario: Alberto Cartón
Haberá un único pase diario que comezará ás 12:00 h (de xeito excepcional o 18 de setembro a proxección comezará ás 20:00 h)



Project Moscow

A idea do desprazamento persoal a un espazo xeográfico excéntrico ábrese a factores de índole especulativa, nos cales o individuo se converte en actor protagonista da súa propia existencia pautada, e en xestor animado da súa aceptación na soidade do descoñecido.

Esta realidade psicolóxica, que afecta o carácter propio e se materializa en situacións de descoñecemento efectivo diante doutras realidades obxectivamente disímiles, é particular cando a aceptación da viaxe obedece a suxestións creativas que impulsan a persoa a aceptar un reto, máis alá mesmo da propia actividade do afastamento momentáneo. É afrontar unha situación de inestabilidade ante a dúbida, ante a esixencia, ante a necesidade de acoutar en prazos os procesos máis sinápticos da sensibilidade, até motivalos.

A particularidade de Project Moscow é, sen dúbida, o tratamento colectivo dunha acción artística nunha cidade allea que, a pesar da súa aparente uniformidade de criterio, é profundamente variable, ao conxugar catro creadores con catro personalidades características, e cuxos resultados, investigados na mesma localización, nos conciencian da variabilidade dos estados anímicos, da súa influencia no subconsciente e da transmisión de requirimentos intelectuais entre a sensitividade, a percepción e a súa conversión en linguaxe.

Contextualizar un proxecto desde a distancia, e sen a influencia inmediata da contorna, mergulla a persoa nun estado anaerobio e case de fantasía onde o principal amarre, o respiro e a seguridade proceden dun mesmo para poder enfrontarse ao caos externo, á agresión do estraño e á belicosidade incisiva da distancia. Precisamente, nas propostas artísticas de Project Moscow, comprendemos que a introspección, a análise endémica e a confrontación coa investigación, resultantes da aceptación do desencontro desde o encontro, xeran nelas unha fecundidade estruturada ao redor da dependencia da memoria, do inmaterial e mesmo da xustificación ante unha sociedade desposuída da habitual seguridade que achega aquela que é diaria ou inmediata.

 

A historia individual imposta sobre a urbana

Detectarse primeiro un mesmo; seguir coñecéndose nun tempo determinado, convulso na confrontación cun ambiente estraño; apurarse dentro dun elemento con características subxectivas profundas no cal a observación adquire un peso definitivo. Estes condicionantes, habituais no viaxeiro expectante ante o espectáculo da cidade no seu arranque inimiga, sinalizan como balizas a linguaxe emanada de dous conceptos claves: a deriva e a psicoxeografía. Estas acepcións son un dos puntos de apoio nos cales se asenta Project Moscow. Pero se é certo que aterse a elas é ineludible, tamén o é o feito diferencial que encadra a acción: a vinculación coa veta reflexiva do individuo que é coñecedor do propósito executivo da súa actividade e da súa presentación ante o colectivo segmentario que asistirá á conformidade como estranxeiro desarraigado do protagonista, até volverse asimilar e manter esa disfunción entre realidade temporal e realidade somática.

Así, nunha vertebración inconformista, anúlase a alienación e reivindícase o eu, enfrontándoo á reflexión sobre a ausencia, á crítica, xustapoñéndoo ao puntualmente cotián que resulta a estancia noutro lugar.

A sobresaínte influencia da cidade de Moscova nos artistas é manifesta cando a inicial perplexidade, o asombro e o arranque do efecto tour se creban para reconverterense nun ensimesmamento que, aínda participando do externo, se implica sólido na procura da dependencia. Este é precisamente un dos valores de Project Moscow: conseguir que a capital rusa adquira entidade de matraz onde depositar e analizar as inxerencias inmediatas e decantalas para analizar o grao de permeabilidade e de saturación que cadaquén é capaz de soportar, até cambiar de forma.

 

O tránsito

Cando o observador se enfronta ás narracións de cada un dos artistas, comprende os graos de abandono inicial e de meditación posterior nos que se anoan. Christian García Bello adiviña en espazos de acougo a historia perdida dun lugar moscovita que, á súa vez, lle serve de refuxio para afastarse da multitude e concentrarse de novo na vivencia particular que unha estancia forzada ditou. Pero este capítulo insistentemente sentimental procede dun estudo realizado non en Rusia, senón en España: demostra así que a involución do recordo nos fai traspasar os lindes do desengano para enganarnos de novo, flutuantes, nun estado de consciencia remota que nos induce ao retorno a emprazamentos físicos que foron queridos. O valor desta aseveración agrupa un coñecemento moral do que é bo por resultar agradablemente lembrado.

Da mesma forma, Jacobo Bugarín edifica unha estrutura primaria polidimensional, onde o persoal se verte na comprensión do hoxe desde o onte. A arquitectura e o urbanismo de Moscova adquiren unha itinerancia europea onde encallan e esburacan o subsolo ingratos complexos da morte, do exánime, da vixilancia férrea: dos fitos peores do ser humano. Hai, tamén, unha crítica ao presente e un encadeamento á quimera que levan a atrincheirarse de novo no materno como refuxio. Vemos así que a cidade esconde unha xeoda uterina cara á que dirixirse, para apartarse e protexerse.

A fenomenal presenza doutros tempos e estadios sociopolíticos en Moscova aparece constatada en Project Moscow, pero cunha asunción por cada artista con carácter non literal que reforza un dos valores da acción: achandar a diferenza e, unha vez resolta esta, permeabilizar sen retóricas o medio físico no medio anímico. Da mesma maneira —como expón Federico Strate—, a grandiosidade da capital redunda na grandiosidade do autor e impele de xeito veraz a egolatría xenerosa que é o coñecerse e recoñecerse para exaltarse. Non abonda Moscova, non abonda Rusia, non abonda Europa, non abonda a Terra: só como cosmonauta se transcende no universo. A tristeza que pode significar non respectar a historia, non respectar os monumentos humanos á historia, convertelos en simples aveños domésticos dun só uso, tradúcese na alegría do escapado e na mirada cara á verticalidade do foco do espazo. Pero é tamén, ao final, a chamada á calma, ao líquido amniótico, á contención, a que frecuenta a febre da megalomanía e a esborralla nunha exhibición de inviolabilidade ante a fama.

Marta Alvim ocupa un estrato que tamén se prega sobre as presenzas ausentes e sobre o rutineiro desplante do ser humano cara á súa contorna. O home sedentario, que puntualmente é nómade, para deixarse seducir captura e inflixe prisión a outros seres vivos, polo mero pracer da contemplación sen riscos de ataque nunha cela controlada. Con todo, é o propio home o que é reo dos seus medos, da súa incapacidade de controlar a natureza, e por tanto incapaz tamén de controlarse a si mesmo. Por iso, a socialización e a vida inanimada da masa, que achegan o beneficio —outra vez o refuxio— da protección, da seguridade, en definitiva da irracionalidade.

 

O retorno

Project Moscow é a demostración das posibilidades que permiten evidenciar a importancia da proposta: conxugar diferentes recursos para que conflúan nun só; aveciñar catro artistas para que modifiquen durante un tempo determinado as súas prácticas habituais e acepten a intermediación do ignorado e da distancia provocada en si mesmos. Moscova aparece e desaparece, pero é Moscova o xerme nutricional dos procesos reflexivos. O valor de Moscova increméntase así, eliminándose a actividade do viaxeiro inconsciente que percorre as rúas, grava e fotografa como autómata os símbolos habituais, ganando a actividade do artista que contempla o espazo urbano e aos seus habitantes, aplicando metáforas e contravindo o estático para mobilizalo no mutable.

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal