Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
DE CORPO EN LUGAR. ARTES VIVAS NO MUSEO

25-27 setembro e 1-3 outubro 2014

DE CORPO EN LUGAR. ARTES VIVAS NO MUSEO

De corpo en lugar é un programa internacional de artes vivas no espazo museístico articulado arredor das propostas performativas Ministerio de Asuntos do Movemento (BMfB), da performer austríaca Amanda Piña, e thinging bodies, da artista turca Ayşe Orhon.

Co obxectivo de fortalecer a continuidade entre a danza contemporánea e a acción performativa, este ciclo propón un programa estruturado en tres campos de intervención. A través de performances, obradoiros de artista e presentacións de investigadores, os participantes na actividade afondarán nas relacións entre movemento, corpo, produción de espazo público e procesos instituíntes. Trátase de crear a posibilidade, fundamental para unha boa recepción das artes vivas nun medio como o museo, de articular un dispositivo que, na súa expansión pedagóxica, performativa e reflexiva, non só atenda á visibilización do traballo de performance senón á creación dun contexto que posibilite a relación, o pensamento, a investigación e o discurso arredor da súa práctica.

O programa consta de dous ciclos de intervencións centrados nas temáticas de parainstitucionalidade e movemento, e corpo e potencia, respectivamente.

Todas as actividades son abertas e gratuítas agás os obradoiros, para os que é preciso inscribirse e pagar a matrícula correspondente (25 €).

Folleto dos obradoiros

PARAINSTITUCIONALIDADE E MOVEMENTO

1º CICLO

Este é un ciclo de programación expandida sobre prácticas de parainstitucionalidade e movemento do corpo no espazo público como formas instituíntes.

Entendendo os procesos insituíntes como aqueles que mediante un desbordamento extradisciplinar conseguen constituírse nunha forma de autoorganización capaz de transformar a institucionalidade preestablecida,

este primeiro ciclo propón o estudo e a experimentación do movemento do corpo no espazo público e das experiencias que ese movemento pode producir co fin de potenciar posibles procesos insituíntes no contexto local.

Neste ciclo presentarase, por primeira vez en Galicia, o Ministerio de Asuntos do Movemento de Austria (BMfB), baixo o slogan “Vai e fala co teu goberno”, promove a creación de novas formas de institucionalidade con recoñecemento legal. Ademais, a performer Amanda Piña dirixirá o obradoiro O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal.

Constituirase o Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), entidade análoga ao BMfB en Galicia, co obxectivo de promover unha comunidade profesional e cidadá arredor de novas formas de facer nos eidos artístico e social.

En paralelo desenvolveranse as xornadas Procesos instituíntes na praxe artística actual dirixidas pola crítica cultural Ania González e o artista sonoro e programador Horacio González.

 

PROGRAMA

Xoves 25 de setembro

17:30-19:30 h Obradoiro O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal, impartido por Amanda Piña

Venres 26 de setembro

11:30 h Sinatura e ratificación da fundación do IGAPA (Instituto Galego de Praxe Actual)

16:30 h Sesión plenaria aberta do IGAPA (Instituto Galego de Praxe Actual)

18:00 h Xornadas Procesos instituíntes na praxe artística actual: Pedro G. Romero e María García

20:30 h Presentación do BMfB (Ministerio de Asuntos do Movemento de Austria): Amanda Piña, Daniel Zimmermann e Meinhard Rauchensteiner

Sábado 27 de setembro

10:00-14:00 h Obradoiro O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal, impartido por Amanda Piña

16:30 h Sesión plenaria aberta do IGAPA (Instituto Galego de Praxe Actual)

17:30 h Xornadas Procesos instituíntes na praxe artística actual: Ania González, Horacio González, Iago Martínez e un representante do CCEMX (Centro Cultural Español en México)

 

CORPO E POTENCIA

2ºCICLO

O segundo ciclo preséntase como unha reflexión arredor do corpo e da súa potencialidade. Parafraseando a célebre sentenza do filósofo B. Spinoza sobre o que pode un corpo, “De corpo en lugar”, preguntámonos, canto e cantos corpos poden?, unha cuestión fundamental para deslindar os significados implicados na danza, a arte, o corpo e a colectividade.

Nesta ocasión a artista e coreógrafa turca Ayşe Orhon presenta, por primeira vez en Galicia, a súa performance thinging bodies; unha investigación sobre os procesos autónomos na coreografía, as presenzas múltiples creadas nun suxeito e as posibles maneiras de crear contextos e situacións relacionais non subxectivas.

A performance irá acompañada dun obradoiro con Ayşe Orhon dirixido a estudantes e profesionais das artes e a calquera persoa interesada no tema proposto.

Como parte deste segundo ciclo terá lugar a charla da profesora de estética e teoría das artes da Facultade de Filosofía da Universidade de Zaragoza Victoria Pérez Royo, na que se analizará como as diversas estratexias que exploran a implicación do corpo individual e grupal están a determinar os procesos de negociación colectiva.

 

PROGRAMA

Mércores 1 de outubro

16:00-19:00 h Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon

Xoves 2 de outubro

16:00-19:00 h Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon

19:30 h Conferencia Teatralidade e corpo colectivos. Ensaios de corporalidade axente en escena, impartida por Victoria

Pérez Royo

21:00 h Performance thinging bodies | Ayşe Orhon (Turquía)

Venres 3 de outubro

16:00-19:00 h Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon

21:00 h Performance thinging bodies | Ayşe Orhon (Turquía)

 

DIRECCIÓN E COORDINACIÓN TRASPEDIANTE: Begoña Cuquejo e Ania González

COORDINACIÓN CGAC: Cristina Trigo

Máis información en trasPediante

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal