Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CURTOCIRCUÍTO 2014

6-11 outubro 2014

CURTOCIRCUÍTO 2014

Chegou Curtocircuíto 2014, a edición número once desta cita imprescindible para os amantes do cine da nosa cidade e de Galicia enteira. Despois do ano de transición por mor do cambio na dirección artística, o festival recupera as datas orixinais no mes de outubro coa idea de consolidalas en vindeiras edicións.

Mesa redonda con Luis Miñarro, Felipe Lage e Neus Ballús

Cinema de autor: Modelos de producción
Mércores 8 de outubro. 11:30-14 h
De balde ata completar aforo. Inscrición
A crise económica, a democratización da tecnoloxía audiovisual e o desenvolvemento das redes de comunicación son algúns dos factores que levaron a un cambio de paradigma. As novas narrativas comportan novos modelos de produción e iso obrigou a redefinir os perfís profesionais; entre eles, a figura do produtor, que agora, alén de ser empresario, desempeña un papel determinante no proceso creativo.
Nesta mesa redonda participarán tres destacados produtores que, malia teren en común a aposta por un cinema arriscado, desenvolveron estruturas diferentes, todas elas de tanto éxito como fraxilidade. Modelos non convencionais aplicados tanto á coprodución internacional como á autoprodución, e baseados na paixón polo cinema e o compromiso con este.

Luis Miñarro
é o responsable de Eddie Saeta, unha compañía de produción audiovisual que, desde que iniciou a súa andaina en 1989, produciu diversos títulos que sempre obteñen presenza e recoñecemento en festivais internacionais e teñen en común o seu interese polo cinema de autor. Desde o seu comezo, apostou por directores novos que tivesen unha mirada cinematográfica propia. Cosas que nunca te dije (1996), de Isabel Coixet, participou na sección Panorama do Festival de Berlín. Posteriormente, Les mans buides (2003), de Marc Recha, proxectouse na sección Un Certain Regard do Festival de Cannes, e despois En la ciudad de Sylvia (2007), de José Luis Guerín, competiu na sección oficial do Festival de Venecia e obtivo o Premio Bisato d’Oro da crítica.

Felipe Lage. Director de Zeitun Films, produtora fundada conxuntamente con Oliver Laxe e Martin Pawley. Felipe Lage participou na produción de catro filmes ata a data, Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010), Arraianos (Eloy Enciso, 2012), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013) e Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), filmes todos eles recoñecidos nalgúns dos festivais de cine máis importantes (Cannes, Locarno, Róterdam, BAFICI, FICUNAM ou Jeonju). Actualmente traballa na produción dos novos proxectos de Oliver Laxe (As mimosas), Rainer Kirberg (A ausencia) e Lois Patiño (Tempo vertical).

Neus Ballús. Directora de cine e guionista. A súa primeira longametraxe, La plaga (2013), estreouse internacionalmente na 63.ª edición da Berlinale, gañou catro premios Gaudí 2013 e foi nominada aos 2013 Lux Awards e aos European Film Awards, alén de ter unha candidatura aos Premios Goya. O filme retrata a existencia diaria en Gallecs, unha zona rural do Vallès Oriental, na periferia de Barcelona, a través do seguimento das relacións de cinco personaxes que viven aí. Licenciada en Comunicación Audiovisual e mestrado en Documental de Creación pola Universitat Pompeu Fabra, filmou así mesmo as curtametraxes La Gabi (2004) e L’avi de la càmera (2005) e o documental Immersió (2009), rodado baixo a auga dunha piscina pública, que recibiu o premio á mellor curtametraxe no festival ALCINE.



Clase maxistral con Mike Hoolboom

Why Can't the Tail Pass Through?
Venres 10 de outubro. 17-18h
De balde ata completar aforo. Inscrición
Mike Hoolboom ofrecerá unha clase maxistral baseado na clásica adiviña zen «Por que ao animal non lle pasa a cola?». Nunha mestura de relatorio e proxección, o artista falará do cinema centrado no proceso, na cinematografía como práctica, dos métodos do non-saber e do crucial que resulta a investigación.

Mike Hoolboom é un artista canadense que traballa en película e en vídeo. Entre ambos ten creadas máis de cincuenta obras e, malia que a maioría delas foron retiradas da circulación, queda unha ducia que aínda se pode visualizar. Os seus traballos levan aparecido en máis de catrocentos festivais, nos que recibiu trinta galardóns. Hoolboom foi recoñecido co Premio Tom Berner ao servizo comunitario e con dous premios a toda unha carreira, o primeiro deles concedido pola cidade de Toronto e o segundo no Mediawave Festival (Hungría). Presentáronse retrospectivas do seu traballo no Images Festival (Toronto), no Visions du Réel (Suíza), no Cork International Festival (Irlanda), no Cinema De Balie (Amsterdam), no mencionado Mediawave Festival, no Impakt Festival (Holanda) e no Jihlava Documentary Festival (República Checa), entre outros. Alén disto, é membro fundador do colectivo de proxección denominado Pleasure Dome e desempeñou o cargo de director artístico do Images Festival e de coordinador de cinema experimental no Canadian Filmmakers Distribution Centre.



Seminario Aula de Cine Márgenes con Luis E. Parés
Anatomía da influencia: a tradición relida do cine experimental español, II
Venres 10 de outubro. 11-14 h
De balde ata completar aforo. Inscrición
Nos últimos anos, en España, asistimos ao nacemento dun cine innovador, que busca novas formas de expresión, apostas arriscadas tanto no seu contido como na súa linguaxe, un cine distinto e que é distribuído dunha forma distinta, en festivais especializados ou directamente na Internet, sen pasar por salas comerciais. Este «outro cine español» está a cobrar gran visibilidade e entrou mesmo na prensa especializada e na xeneralista. Moitos destes directores son conscientes de pertencer a unha tradición de cine español: a do cine independente. Isto leva consigo unha reivindicación de películas máis marxinais que produciu que moitos directores descoñecidos emerxesen e que as novas xeracións recibisen as súas influencias. Este seminario pretende mostrar a existencia desa tradición de cinema experimental e, de paso, outra posible historia do cine español, máis arriscada que a que se contou ata agora.

Luis E. Parés é historiador e documentalista. Estudou Comunicación Audiovisual na Complutense e o Mestrado en Documental de Creación da Pompeu Fabra. Como investigador publicou o libro Notes sur l’émigration – Apunts per a una pel•lícula invisible (Sala d’Art Jove da Generalitat, 2011), para o que obtivo unha bolsa de investigación outorgada pola Conselleria de Joventut, e Filmar el exilio desde Francia (Instituto Cervantes, 2012), froito da investigación Filmar el exilio, para a que recibiu unha bolsa de investigación do CoNCA. Actualmente realiza a súa tese doutoral sobre o mesmo tema na Universidad Complutense de Madrid. Foi programador das sesións de cine emerxente e experimental Amalgama, en diferentes festivais, como ZINEBI (Bilbao), CineEurope (Barcelona) e Punto de Vista (Pamplona), e para institucións como Hamaca (Barcelona) e o Instituto Cervantes. Na actualidade colabora coa Filmoteca Española, dirixe o Espacio Márgenes (margenes.org) e escribe en Caimán. Cuadernos de Cine.



Obradoiro do colectivo Blank Paper con Óscar Monzón e Lois Patiño
Imaxe e semellanza
Martes 7, mércores 8 e xoves 9 de outubro. 11-14 e 18-20 h
O festival ten de funcionar como viveiro de ideas, como núcleo de creación; por iso decidiu xuntar seis cineastas con seis fotógrafos documentais neste obradoiro conducido pola Escuela Blank Paper.
A diferenza entre unha fotografía e un plano é só unha —esencial—, o tempo. Reflexionar sobre a idea do tempo; por unha banda, desde un punto de vista metalingüístico, é dicir, como representa o cinema o tempo e de que mecanismos se serve a fotografía; e, por outra banda, desde unha perspectiva máis filosófica. Que é realmente o tempo?, pódese representar?, ata que punto é só unha idea e non existe un tempo real, senón unha mestura de diferentes maneiras de percibilo? En definitiva: pensar, investigar e demostrar coa imaxe que existen diferentes tempos en función do espazo onde decidimos traballar e en función de como o percibe o autor.
A partir destas ideas, o fotógrafo Óscar Monzón e o cineasta Lois Patiño conducirán seis fotógrafos e seis cineastas, cuxa obra é próxima ao documental, a través dun diálogo que indagará nas respectivas formas de aproximación á realidade que empregan uns e outros.
Presentamos a idea do documental como xénero de ficción que parte do real. A misión, xa que logo, dun cineasta ou fotógrafo documental xa non sería a de mostrar ou descubrir unha determinada realidade, senón a de amosarlle ao público un novo e único xeito de ver as cousas, e así facelo sensible a outros espectros da realidade visual. Analizarán, pois, que mecanismos da linguaxe empregan para construíren a súa mirada.
Neste obradoiro teórico-práctico, os docentes e os participantes profundarán nestas ideas mediante a análise do traballo doutros autores e do seu propio, cuestionando as capacidades dos medios fotográfico e fílmico para representar a realidade.

Óscar Monzón nace en Málaga en 1981 e actualmente vive e traballa en Madrid. É membro do colectivo Blank Paper desde a súa formación en 2003. Recibiu unha bolsa de Artes Plásticas e Fotografía do Ministerio de Cultura para o Colegio de España en París, unha bolsa da Fundación Temas de Arte, o First Book Award 2013 de Paris Photo e a Aperture Foundation, e unha bolsa GD4PhotoArt da Fondazione Isabella Seràgnoli, en Boloña. Ten exposto os seus traballos nas salas Carmen de la Guerra, Conde Duque e Antigua Tabacalera, en Madrid; en Le Bal e RVB Books, en París; e na Galeria Olido, de São Paulo. Na actualidade tamén expón no centro Fernán Gómez, dentro do festival PHE14.

Lois Patiño. Compaxinou os seus estudos de psicoloxía na Universidad Complutense de Madrid cos de cine na Escuela Tai. Continuou a súa formación de cine na NYFA de Nova York e en Barcelona, onde realizou o Mestrado en Documental de Creación na Universitat Pompeu Fabra. Os seus vídeos e videoinstalacións puidéronse ver en centros de arte como a Casa Encendida (Madrid), o CCCB (Barcelona), o MARCO (Vigo), o Centro Cultural San Martín (Bos Aires) e a Galería Solar (Portugal). As súas películas mostráronse en festivais de cine como Locarno, Róterdam, San Francisco FF, Ann Arbour, Roma, Cinema du Réel, Vila do Conde, Media City, Jihlava, Viennale, Punto de Vista… e nos Rencontres Internationales, que tiveron lugar no Centre Pompidou (París), a Haus der Kulturen der Welt (Berlín) e o Museo Reina Sofía (Madrid). Con Montaña en sombra gañou premios no Festival de Oberhausen (Alemaña) e en Clermont-Ferrand (Francia), entre outros. En 2013, no Festival de Locarno, recibiu o premio ao mellor director emerxente coa súa longametraxe Costa da Morte.



Coloquio cos directores asistentes ao festival, profesionais e afeccionados
Encontros CREA
Martes 7, mércores 8 e xoves 9 de outubro. 16:30-18 h
Son un punto de encontro informal. En cada un destes, propoñemos un tema de interese común para os invitados ao festival, os directores das curtas, os membros da CREA e o público. Trátase de intercambiar experiencias e ideas de futuro. A pesar do seu carácter distendido, para Curtocircuíto supón unha grande aposta concibida para compartir ideas, xerar colaboracións, propagar a rede e acadar outras sinerxías posibles. Esta actividade é de acceso libre (non necesita inscrición).

Máis info: www.curtocircuito.org
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal