Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLER CON LUÍS DÍAZ DÍAZ. FOTOGRAFANDO O ESPAZO HABITADO.

18-19 maio 2015

TALLER CON LUÍS DÍAZ DÍAZ. FOTOGRAFANDO O ESPAZO HABITADO.

Neste obradoiro, dirixido a afeccionados e a profesionais do medio fotográfico, da arquitectura e do deseño, estudaremos os códigos técnicos e visuais propios da fotografía arquitectónica e realizaremos un exercicio práctico que consistirá nunha reportaxe sobre o edificio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza.
Aproveitaremos a celebración do Día Internacional dos Museos para poñer énfase na representación do centro como un organismo arquitectónico vivo e habitado, no que diferentes seres e pezas artísticas van deixando temporal ou permanentemente a súa pegada. Para acadar este obxectivo, utilizaremos a fotografía como ferramenta capaz de documentar un tempo e un lugar e tamén de crear unha nova realidade con base nestes elementos intanxibles. Partindo dos códigos da representación arquitectónica, deixaremos que a nosa imaxinación, a nosa capacidade de análise e o noso coñecemento da linguaxe visual dirixan o noso ollar durante a toma de fotografías para, a posteriori, editar os fragmentos e construír con eles unha narrativa de noso.

A estrutura do obradoiro será a seguinte:
Na introdución, como preámbulo á parte práctica do exercicio, estudaremos as características técnicas e formais que fan da fotografía da arquitectura un xénero en si mesmo. Analizaremos en grupo o traballo de varios artistas que fotografaron con anterioridade os espazos museísticos e descubriremos referencias fotográficas que nos axudarán a definir o tratamento visual da reportaxe. Como paso seguinte, deambularemos polo museo descubrindo e procurando imaxes que nos axuden a entender ese espazo e a relación del cos seus ocupantes. Nesta fase, aprenderemos cales son os ditados e os códigos técnicos que se han seguir na toma de fotografías de arquitectura e interiorismo.
Para rematar, revisaremos o material recollido na fase anterior e faremos unha selección das imaxes que conformarán a reportaxe. Desenvolveremos exemplos prácticos de como retocar e preparar as fotografías de arquitectura para a súa posterior entrega a publicacións impresas ou sitios web e decidiremos o formato no que se difundirán as imaxes finais.

Folleto da actividade



Luís Díaz Díaz (A Coruña, 1978)
É un fotógrafo e editor autónomo con base en Galicia. Traballa habitualmente para institucións, axencias de publicidade, estudios de arquitectura e revistas nacionais e internacionais.
No ano 2010 pon en marcha o proxecto 30y3, unha plataforma en liña dedicada á difusión da fotografía española contemporánea que o leva a comisariar, xunto con Iñaki Domingo e Charlotte Cotton, a mostra colectiva P2P – Prácticas contemporáneas na fotografía española, durante a pasada edición do festival Photoespaña.
A súa obra foi exposta en galerías e centros de arte dentro e fora do país, de xeito individual e como parte do colectivo Todo por la Praxis, con quen obtivo en dúas ocasións axudas á creación contemporánea, convocadas polo Matadero de Madrid.
Recentemente, publicou o seu primeiro libro de fotografías, A casa do Oscar, a través da editorial galega Fabulatorio e, na actualidade, imparte clases no Máster de Fotografía de Autor en Lens, Escuela de Artes Visuales, en Madrid.

HORARIO: de 17 a 20.30 h

DESTINATARIOS: Afeccionados e profesionais do medio fotográfico, da arquitectura e do deseño e todas as persoas que estean interesadas. Para a realización deste obradoiro é preciso coñecer o funcionamento básico dunha cámara réflex.

INSCRICIÓN: Para participar no taller é preciso inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.pedagogia@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 631. En calquera caso, deberán indicar o seu nome completo, os seus estudos, a súa área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Prazo de inscrición ata o venres 15 de maio.
O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas que participen no taller.

MATRÍCULA: Gratuíta

COORDINACIÓN: Gema Baños
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal