Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
24 e 25 de decembro
1 e 6 de xaneiro






Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
SEMANA DOS MUSEOS. MUSEOS PARA UNHA SOCIEDADE SUSTENTABLE

18-24 maio 2015

SEMANA DOS MUSEOS. MUSEOS PARA UNHA SOCIEDADE SUSTENTABLE

Co motivo do Día Internacional dos Museos o 18 de maio, o CGAC programa durante toda a semana, actividades de diversas disciplinas. Comezamos o luns cunha xornada de portas abertas. E ao longo destes días de celebración, o público poderá gozar ademais, dunha proposta de geocaching á busca de mensaxes ocultas, un taller co artista Luis Díaz Díaz dirixido a fotógrafos, unha conversa sobre o cinema occidental e oriental a cargo de José Manuel López, unha conferencia sobre literatura impartida por Carme Riera, unha sesión de música improvisada con sesión vermú na zona da cafetería e un concerto de música contemporánea.

Folleto da actividade


XORNADA DE PORTAS ABERTAS
Con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos o CGAC permanecerá aberto no seu horario habitual.
Luns 18 de 11:00 a 20:00 h.


TALLER CON LUIS DÍAZ DÍAZ. Fotografando o espazo habitado

Luns 18 e martes 19 de 17:00 a 20:00 h.
Inscrición previa.
Neste obradoiro, dirixido a afeccionados e a profesionais do medio fotográfico, da arquitectura e do deseño, estudaremos os códigos técnicos e visuais propios da fotografía arquitectónica e realizaremos un exercicio práctico que consistirá nunha reportaxe sobre o edificio do CGAC proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza.
Aproveitaremos a celebración do Día Internacional dos Museos para poñer énfase na representación do centro como un organismo arquitectónico vivo e habitado, no que diferentes seres e pezas artísticas van deixando temporal ou permanentemente a súa pegada.


CULTIVANDOCULTURA

Do luns 18 ao sábado 23 de 11.00 a 20.00 h.
Hai catro anos que varios museos da cidade vimos celebrando o Día Internacional dos Museos conxuntamente. O CGAC, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Granell, Museo da Catedral, o MUPEGA, o Museo de Historia Natural e o Museo das Peregrinacións e de Santiago coordinamos as actividades e programamos unha acción conxunta que se leva a cabo en todos os centros citados seguindo o lema que o ICOM, organismo internacional dos museos, propón para cada ano. Neste 2015 o lema é Museos para unha sociedade sustentable. Os museos do mundo albergamos unha parte importante da diversidade sociocultural que, como a ecolóxica, é garante dos dereitos colectivos e da participación cidadá cos que contribuír a facer desta, unha sociedade sustentable.
Queremos representar esta relación entre a biodiversidade e a diversidade sociocultural nunha acción centrada na posta en valor de recursos naturais endóxenos, nesta ocasión van ser variedades hortícolas tradicionais, a cuxo cultivo se asocia unha parte importante do patrimonio cultural intanxible dos pobos.
Entregarémoslles aos visitantes chanteiros procedentes de sementes ecolóxicas de cabaciño, tomate, leituga... co obxectivo de que cada persoa se encargue de facer que dean froito.


GEOCACHING
Do luns 18 ao domingo 24 de 11.00 a 20.00 h
Durante a semana dos museos convidamos o público a intentar rastrexar unha serie de mensaxes agochadas no CGAC. O geocaching é unha actividade na que os xogadores buscan ou agochan tesouros (cachés) ocultos por todo o mundo. Hai máis de dous millóns de geocachés no planeta. Eses tesouros localízanse a través dunha aplicación do teléfono móbil que marca unhas coordenadas ou revela unha serie de pistas.

Instrucións:

1. As persoas interesadas poden participar nesta actividade baixando ao móbil a aplicación gratuíta Geocaching.
2. Deberán localizar o tesouro Un parque no cemiterio con axuda da aplicación. Alí atoparán a primeira pista.
3. A xente que prefira prescindir das novas tecnoloxías pode solicitar a primeira pista na recepción do centro.
4. Para atopar os cachés ocultos, o público terá que mergullarse nos diferentes espazos do CGAC e percorrer as exposicións seguindo as pistas.
5. As persoas que atopen os tesouros deben deixar anotado nun papel o día, a hora e o seu nome. Poñeremos un pequeno caderno á súa disposición dentro da caixa.
6. Cada caché contén uns roliños cunhas palabras. Hai que coller un roliño de cada caché e presentalos na recepción. A quen consiga localizar os cinco tesouros ocultos entregaráselle unha publicación de arte.


CONVERSA DE JOSÉ MANUEL LÓPEZ. Herdanzas da modernidade europea no cinema asiático
Mércores 20 ás 19.00 h no Auditorio do CGAC
Na semana dos museos, o Crítico de cinema José Manuel López impartirá unha sesión aberta do curso de cinema Derivas da modernidade. Do cinema clásico ao cinema moderno. Intuicións, eclosións e ecos dos novos cinemas da modernidade (1950- 1980).


CONFERENCIA DE CARME RIERA. A literatura morreu, viva o fútbol!
Sábado 23 ás 12.00 h no Auditorio do CGAC
A Catedrática de Literatura Española na Universidade Autónoma de Barcelona, novelista e membro da Real Academia Española, Carme Riera impartirá unha conferencia dentro do ciclo Cara a Onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura na que formulará que cando a literatura deixa de ser un feito ligado á cuestión nacional, deixa de considerarse consubstancial á vida do pobo e perde interese. Pola contra, os equipos de fútbol son asimilados polos pobos aínda que os seus integrantes sexan foráneos.


CONCERTO E SESIÓN VERMÚ CGAC / MUSEO DO POBO GALEGO
Tres veces silencio
Sábado 23 ás13.00 h na Cafetería do CGAC
Fernando Garnero (Arxentina, 1976), Interlude (2014), guitarra eléctrica / Januibe Tejera (Brasil, 1978), Trois fois silence (I) (2015), frauta aumentada ou frauta solista, guitarra eléctrica e piano
A frauta será entendida coma un instrumento aumentado, como se o piano e a guitarra eléctrica se superpuxesen nun único instrumento común. A enerxía sonora dese metainstrumento en Trois fois silence estará precedida por unha rugosa e rítmica manipulación das infinitas posibilidades sonoras da guitarra eléctrica.
Vertixe Sonora Ensemble: Alessandra Rombolà: frauta / Rubén Barros: guitarra eléctrica / David Durán: piano

Cintaadhesiva
Sábado 23 ás13.30 h no exterior da Cafetería do CGAC Proxecto literario-musical sobre o fío condutor da música de Jesús Andrés e os textos de Silvia Pena.

Concerto de tarde a Cargo de Gustavo Costa. Codifica/Recupera*
Sábado 23 ás 20.30 h no Auditorio do CGAC.
Frauta, arpa, piano, percusión, electrónica e vídeo.
Inauguramos unha nova edición do ciclo Música e Arte. Correspondencias sonoras no que diferentes compositores internacionais crean pezas sonoras a partir das exposicións do CGAC. Neste concerto, Vertixe Sonora interpretará Codifica/Recupera, proposta de Gustavo Costa (Portugal, 1976) inspirada na exposición Edita: secuencia/sentido.
*Estrea absoluta. Encargo de Vertixe Sonora
“Codifica/Recupera é unha peza baseada na evocación de memorias musicais que se atopan sedimentadas durante longos procesos de aprendizaxe. A activación destas memorias é obtida pola asimilación de liñas de código informático por parte dos músicos, xerando así resultados semellantes aos que serían obtidos por un ordenador. Porén, ao contrario dos procesos de xeración musical totalmente automatizados, a introdución de variables humanas permite así unha mutación constante dos principios orixinais da peza, revisando un carácter dinámico e adaptable aos distintos contextos onde a peza é presentada.”

Gustavo Costa

Vertixe Sonora Ensemble: Alessandra Rombolà: frauta / Pablo Coello: saxofón / Rubén Barros: guitarra eléctrica / Angélica Vázquez: arpa / David Durán: piano / Diego Ventoso: percusión / Gustavo Costa: electrónica e vídeo.


PROGRAMA


LUNS 18
11-20 h: Xornada de portas abertas. Con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos o CGAC permanecerá aberto no seu horario habitual.
CultivandoCultura
Geocaching
17-20 h: Taller con Luís Díaz Díaz. Fotografando o espazo habitado (primeira xornada)

MARTES 19

11-20 h: CultivandoCultura
Geocaching

17-20 h: Taller con Luís Díaz Díaz. Fotografando o espazo habitado (segunda xornada)

MÉRCORES 20

11-20 h: CultivandoCultura
Geocaching

19 h: Conversa de José Manuel López. Herdanzas da modernidade europea no cinema asiático contemporáneo (Auditorio do CGAC)

XOVES 21

11-20 h: CultivandoCultura
Geocaching


VENRES 22
11-20 h: CultivandoCultura
Geocaching


SÁBADO 23

11-20 h: CultivandoCultura
Geocaching

12 h: Conferencia de Carme Riera. A literatura morreu, viva o fútbol! (Auditorio do CGAC)
13 h: Concerto e sesión vermú con Fernando Garnero e Januibe Tejera Tres veces silencio e Cintaadhesiva (exterior da cafetería do CGAC)
20.30 h: Concerto de tarde de Gustavo Costa. Codifica/Recupera* (Auditorio do CGAC) *Estrea absoluta. Encargo de Vertixe Sonora

DOMINGO 24

11-20 h: CultivandoCultura
Geocaching


TODAS AS ACTIVIDADES SON DE BALDE
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal