Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
MASTER CLASS DE IMPROVISACIÓN E MÚSICA ELECTRÓNICA

3-4 xuño 2015

MASTER CLASS DE IMPROVISACIÓN E MÚSICA ELECTRÓNICA

O saxofonista, compositor e profesor Jorrit Dijkstra impartirá unha clase maxistral durante dous días na que abordará formas de improvisación colectiva en formato ensemble. A actividade xirará arredor dun conxunto de exercicios sobre técnicas de improvisación nos que os participantes poderán aprender a tocar nun grupo reforzando a súa comunicación. Poderán elaborar formas musicais no aquí e o agora, partindo dunha simple melodía, dunha canción ou da nada.

Dijkstra pretende convidar os alumnos a saír do camiño e a confiar nos seus colegas por riba dunha melodía ou de cambios nos acordes. Busca traballar acentuando a expresividade, o dinamismo, a escoita, a reacción e experimentar coas respostas emocionais do público.

Durante a masterclass presentará algunhas das súas propias composicións e outras obras do saxofonista soprano Steve Lacy centradas na improvisación colectiva. Mostrará como sacarlle o máximo partido á electrónica no contexto improvisado dunha ensemble, incluído o uso do Lyricon (un instrumento vintage analóxico que se usou como primeiro sintetizador electrónico de vento).

Folleto da actividade


Jorrit Dijkstra (Eindhoven, Países Baixos, 1966) vive en Boston, onde é membro facultativo da Berklee College of Music e do New England Conservatory. A música deste saxofonista, compositor e profesor bebe da tradición jazzística en espírito e son, pero salvando as fronteiras estilísticas e culturais para expresar unha forte e suxestiva concepción persoal. Dijkstra pasou os seus anos de formación na vibrante escena musical de Ámsterdam, interpretando jazz e música de todo o mundo e decantándose pola improvisación libre. Desde que, no ano 2002, se trasladou aos Estados Unidos afondou nas súas afinidades cos intérpretes máis experimentais da música americana, aínda que sen abandonar as súas raíces musicais holandesas. Os seus proxectos máis recentes inclúen os cuartetos BOLT e Matchbox, Music for Reeds and Electronics, o octeto Pillow Circles, e as súas actuacións como solista de música electrónica. Dijkstra utiliza o Lyricon —un instrumento electrónico de vento dos anos setenta— para ampliar a súa paleta musical cunha mestura moi particular de cool jazz, improvisación libre e minimalismo electrónico. Como compositor, recibiu encargos do North Sea Jazz Festival, a David Kweksilber Big Band, a Tetzepi Big Band, o Amstel Saxophone Quartet e The Harvard Jazz Band. Dijkstra editou 18 CD como líder da súa formación e participou en proxectos tan diversos como Ghost Trance, de Anthony Braxton, a ópera Noach de Guus Janssen ou unha excepcional actuación en vivo de Jandek, o músico outsider oriúndo de Texas. É ademais cofundador da discográfica independente Driff Records.
www.jorritdijkstra.com / www.driffrecords.com


HORARIO: mércores: 17-19.30 h, xoves: 17-20-30 h.

DESTINATARIOS: Músicos e estudantes de música contemporánea, jazz, clásica, folk...

INSCRICIÓN: A preinscrición pódese facer enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao 981 546 602/631. En calquera caso, as solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto.

Unha vez confirmada a inscrición, as persoas seleccionadas para participar no taller recibirán as indicacións para facer efectiva a matrícula.

MATERIAL: Os asistentes deberán traer o seu propio instrumento musical.

PRAZAS: mínimo 5/máximo 15 

MATRÍCULA: 15 €

COORDINACIÓN: Virginia Villar




Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal