Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
CINE DE VERÁN. A LOITA POLA AFIRMACIÓN. CICLO DE CINE AUSTRALIANO

8-29 xullo 2015

CINE DE VERÁN. A LOITA POLA AFIRMACIÓN. CICLO DE CINE AUSTRALIANO

Horario: 22:30 horas
Cine ao aire libre

Este verán o CGAC retoma as sesións de cine ao aire libre cun ciclo dedicado ao cine australiano.
Os mércores e xoves do mes de xullo e en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC, a Embaixada de Australia e ASBA (Australia Spain Business Association), o CGAC programa, baixo as estrelas, sete películas dos cineastas Stephan Elliott, Bruce Beresford, David Michôd, Peter Weir, Ray Lawrence, Ted Kotcheff e Simon Wincer. Ademais, os martes 14 e 21 de xullo ás 18:00 horas, a USC completará o ciclo con dúas sesións na Facultade de Filosofía.
“O cine australiano é un claro exemplo da loita á que se viron forzadas moitas cinematografías nacionais por encontrar un lugar no panorama mundial da imaxe animada. A pesar de contar con películas desde as propias orixes do cine, sempre se viu sometido á presión que exercía a industria estadounidense e, en menor medida, a británica.
Isto non foi obstáculo para que ao longo do todo o século vinte Australia achegase profesionais da imaxe a outras cinematografías; podemos recordar actores como Errol Flynn, Peter Finch e Rod Taylor, que desenvolveron carreiras interesantes no mercado hollywoodense.
A gran dinamización deste cine prodúcese a partir dos anos setenta en que, seguindo o modelo doutras industrias, se crea a Australian Film Commission que busca unha internacionalización das posibilidades daquel país; a raíz daquel momento emerxen unha serie de directores como Peter Weir, Bruce Beresford, George Miller, Phillip Noyce e Baz Luhmann que, con perspectivas e modelos diferentes, conseguen que Australia se vaia convertendo nun referente no contexto audiovisual contemporáneo”.

Ángel Luis Hueso
Catedrático de Historia da Arte (Historia do Cine), USC


Folleto da actividade


PROGRAMA

Mércores, 8 de xullo
The Adventures of Priscilla, Queen of the Desert
Director: Stephan Elliott
Intérpretes: Terence Stamp, Hugo Weaving, Guy Pearce
Australia, 1994 / 104 min
Non recomendada para menores de 13 anos

Tres artistas de cabaret residentes en Sidney son contratadas para actuar durante unhas semanas nun hotel situado no Deserto Vermello de Australia. Felicia e Mitzi, raíñas do drag, e Benardette, transexual, propóñense atravesar todo o país a bordo dun autobús con música a todo volume, repleto de traxes de abelorios e zapatos de plataforma.




Xoves, 9 de xullo

Breaker Morant
Director: Bruce Beresford
Intérpretes: Edward Woodward, Jack Thompson
Australia, 1979 / 107 min
Non recomendada para menores de 14 anos

Tres lugartenentes australianos son sometidos a un consello de guerra por asasinato. O oficial encargado do proceso le as notas preliminares que implican a Harry Harbord Breaker Morant, George Witton e Peter Handcock na morte dun misioneiro alemán e de varios prisioneiros bóers confinados nunha prisión custodiada polo exército inglés. O oficial defensor, o comandante Thomas, entende que o proceso presenta certas irregularidades.



Mércores, 15 de xullo

Animal Kingdom
Director: David Michôd
Intérpretes: James Frecheville, Guy Pierce, Joel Edgerton
Australia, 2010 / 112 min
Non recomendada para menores de 16 anos

Tras a morte da súa nai, Joshua J Cody ten que trasladarse á casa da súa avoa Janine, que vive en Melbourne cos seus tres fillos, Andrew, Darren e Craig, todos implicados en negocios ilegais. Inevitablemente, o rapaz verase envolto nos turbios asuntos dos seus tíos, sobre todo cando se produza un enfrontamento entre os seus familiares e as autoridades locais, situación que provocará unha serie de asasinatos a sangue frío.



Xoves, 16 de xullo

Picnic at Hanging Rock
Director: Peter Weir
Intérpretes: Rachel Roberts, Anne-Louise Lambert
Australia, 1975 / 118 min
Apta para todos os públicos

O Día de San Valentín de 1900, as rapazas dunha escola deciden facer un pícnic en Hanging Rock. É posible que algunhas delas nunca volvan...



Mércores, 22 de xullo
Lantana
Director: Ray Lawrence
Intérpretes: Anthony LaPaglia, Geoffrey Rush, Barbara Hershey
Australia, 2001 / 121 min
Non recomendada para menores de 13 anos

Catro matrimonios vense atrapados nunha diabólica rede de amor, engano, sexo e morte, á que non todos sobreviven. O detective Leon Zat móvese por un escuro labirinto de relacións humanas na súa investigación para resolver o misterio da desaparición dunha muller casada cun importante home de negocios.



Xoves, 23 de xullo

Wake in Fright
Director: Ted Kotcheff
Intérpretes: Gary Bond, Donald Pleasence, Chips Rafferty
Australia, 1971 / 109 min
Non recomendada para menores de 16 anos

John Grant, un excelente profesor que chega a unha cidade de mineiros situada nun inhóspito deserto, decide pasar alí a noite antes de coller un avión para Sidney. Pero pasan cinco noites e parece que Grant se está achegando pouco a pouco á autodestrución. Cando os efectos do alcohol empezan a desfigurar a súa percepción das cousas, xorde un aspecto da súa personalidade moi pouco agradable, que se traduce nun gran desprezo por si mesmo.



Mércores, 29 de xullo

The Lighthorsemen
Director: Simon Wincer
Intérpretes: Peter Phelps, Nick Waters, John Larking
Australia, 1987 / 131 min
Non recomendada para menores de 16 anos

A acción transcorre en Palestina en 1917. Durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918), o exército británico avanza cara a Gaza, pero as forzas turcas deteñen o seu ataque. Entre as tropas destacan os Xinetes de Lenda, un heroico grupo australiano de cabalaría. Un soldado deste corpo cae ferido durante un ataque aéreo e é trasladado ao hospital. Alí coñece unha enfermeira coa que establece unha grande amizade.



Proxeccións da USC na Facultade de Filosofía
:
Horario: 18:00 horas

Martes, 14 de xullo
Gallipoli de Peter Weir, 1981

Martes, 21 de xullo
The Year of Living Dangerously de Peter Weir, 1982


Entrada libre e de balde. As películas proxectaranse en versión orixinal subtitulada en castelán. No caso de que chova, as proxeccións terán lugar no auditorio do CGAC. A Cantina do CGAC estará aberta durante as proxeccións con kits de cine (bebida, hamburguesas, flocos de millo, café...) para entrar en calor e gozar dunha auténtica sesión de cine de verán.

O día 29 ás 21:30 horas a embajadora de Australia, Virginia Greville, e ASBA (Australia Spain Business Association) ofrecerán un viño da súa terra e un petisco para clausurar o ciclo.


COORDINACIÓN: Virginia Villar
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal