Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLERES DE LECER 2015

7-31 xullo 2015

TALLERES DE LECER 2015

Para esta edición dos Talleres de Lecer, que se vai desenvolver ao longo do mes de xullo, o CGAC conta novamente cun variado elenco de profesionais procedentes de diversas disciplinas. O colectivo trasPediante explorará cos máis pequenos o centro e a súa contorna por medio da danza contemporánea, a artista Rebeca Mariño animaraos a crear a partir da relación entre a arte e a natureza, o arquitecto Ramón Viéitez proporá un taller de arquitectura sustentable e o músico Benjamin Carter abrirá un espazo para a creación de música electrónica e hip-hop.

Estes talleres ofrécenlles aos máis novos unha oportunidade única para establecer contacto directo con profesionais de diferentes ámbitos da cultura e da arte, ao tempo que promoven o coñecemento activo dalgúns dos procesos de creación característicos do noso tempo.


Taller de música ElectroHop!

Dirixido por Benjamin Carter
Para maiores de 13 anos
Do 7 ao 10 de xullo / 11:00-13:00 horas / 20 prazas

Neste taller sobre creación de música electrónica e hip-hop, mergullarémonos na historia destes xéneros musicais e repasaremos a súa evolución desde o seu nacemento até a actualidade. Ademais investigaremos os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías para a creación sonora e experimentaremos co ritmo, o son, o silencio, a intensidade, as palabras ou mesmo con obxectos ou ruidos da nosa contorna como instrumentos para xerar música.

Empregaremos dispositivos electrónicos como tabletas, teléfonos móbiles e outros dispositivos inalámbricos para facer as composicións e as improvisacións do grupo.


Taller de danza Removendo o CGAC

Dirixido por trasPediante
Para nenos e nenas de 4 a 6 anos
Do 14 ao 17 de xullo / 11:00-13:00 horas / 15 prazas

Neste taller habitaremos os diferentes espazos do CGAC na procura dun xeito de estar próximo á mirada dos máis pequenos.

Aproveitaremos as posibilidades creativas dos diferentes espazos do museo, orixinariamente concibido por e para os adultos, para desenvolver traballos de creación e experimentación a través da danza, a expresión corporal, o xogo e o humor. En definitiva, coñeceremos os peculiares espazos arquitectónicos deseñados por Álvaro Siza Vieira (escalas, formas, usos, luz, materiais, sonoridade...) e os xardíns e ruínas do parque de Bonaval, e camiñaremos por eles empregando a imaxinación e o corpo.


Taller de arquitectura A!

Dirixido por Ramón Viéitez
Para rapaces e rapazas de 10 a 12 anos
Do 21 ao 24 de xullo / 11:00-13:00 horas / 20 prazas

A sustentabilidade, a conciencia social e a reciclaxe están transformando aos poucos a sociedade e a paisaxe que habitamos. A arquitectura tende a ser cada vez máis eficiente e a aproveitar todos os recursos naturais renovables que están á nosa disposición.

Neste taller aprenderemos a traballar os volumes exteriores dos edificios para sacarlle o máximo partido ao deseño, construiremos museos sustentables de diferentes temáticas e crearemos contido con obxectos e materiais reciclados. Isto todo empregando caixas de embalaxes e de uso doméstico como elementos de construción e aproveitando a enerxía solar, a chuvia e o vento para xerar arquitecturas que non precisen de combustibles fósiles.
Unha vez terminados os edificios planificaremos unha cidade dos museos onde porán en común as creacións de todos os participantes no taller.


Taller Rutas contemporáneas

Dirixido por Rebeca Mariño
Para nenos e nenas de 7 a 9 anos
Do 28 ao 31 de xullo / 11:00-13:00 horas / 20 prazas
Neste taller coñeceremos a historia do CGAC, percorreremos a súa arquitectura e achegarémonos as súas exposicións. A idea de refuxio, os xogos de escala, os sons e as paisaxes extremas presentes nas mostras de Cristian García Bello ou de Manuel Vilariño servirán de ponte para traballar no veciño parque de Bonaval.
Internarémonos nos xardíns para desentrañar os misterios e as historias que albergan. A terra, as árbores, as follas, a auga, as sombras, os ocos e os restos arquitectónicos servirán de materia prima e de escenario para a iniciación á land art e a outros movementos artísticos contemporáneos. Constataremos a presenza do xeométrico, o orgánico, o inerte, o vivo, o silencio e o son nestes dous espazos complementarios e xeradores de arte que unen patrimonio histórico e modernidade.
Levaremos o museo á natureza e a natureza ao museo.


INSCRICIÓN: Todos os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do mércores 24 de xuño a través dos enderezos electrónicos cgac.educacion@xunta.es e cgac.pedagogia@xunta.es.
As solicitudes deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e título do taller no que desexan inscribirse.
Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.
Cada unha das persoas solicitantes recibirá un correo electrónico de confirmación no que se lle indicará cal é o estado da súa solicitude.


COORDINACIÓN: Gema Baños e Virginia Villar.



Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal