O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.
Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.
Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.
O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC poderá variar en función dos posibles cambios normativos relacionados coa COVID-19.