Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 





Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

DAVID LAMELAS

Comisario/a: Pedro de Llano Neira

Artista: David Lamelas

2021. Hall soto e Dobre Espazo

David Lamelas (Bos Aires, 1946) é unha figura clave da arte conceptual e un dos grandes protagonistas da escena artística arxentina na década dos sesenta. Desde os inicios, a súa obra distinguiuse por unha singular capacidade camaleónica para se adaptar a distintos contextos, xa fosen artísticos, arquitectónicos, xeográficos ou sociais, en capitais como Londres, Bruxelas, París, Milán, Los Angeles, Nova York ou Berlín.

Como integrante do movemento conceptual o seu traballo partiu do desexo de “producir formas escultóricas despoxadas de volume físico” e derivou cara a unha reflexión crítica sobre os medios artísticos, en liña coa idea dunha arte desmaterializada. Fíxoo, por exemplo, a través da incorporación da linguaxe nas súas obras, en pezas tan emblemáticas como o libro de artista Publication (1970); do diálogo constante entre a fotografía e a imaxe en movemento; ou mediante a súa orixinal incorporación do cinema e os seus referentes ao contexto das artes plásticas. Outros aspectos importantes ao longo da súa traxectoria foron a representación da temporalidade e do espazo, a crítica institucional, a relación entre a arte e os medios de comunicación de masas, a construción de ficcións —e as súas consecuencias na realidade— ou as relacións entre as artes visuais e a literatura.

A exposición no CGAC é a súa primeira retrospectiva en España, logo da dedicada á súa obra fílmica polo Centro José Guerrero de Granada en 2009. Nela mostrarase a evolución do seu traballo a través de distintas etapas, desde os inicios a primeiros dos sesenta en Bos Aires ata o momento presente, e asemade vaise incidir en dúas cuestións importantes: a relación de Lamelas con Galicia (os seus pais emigraron desde Manzaneda e Ponte Caldelas durante a Guerra Civil) e a importancia do proxecto e mais do debuxo na súa práctica artística ao longo de toda a súa carreira; ben sexa como debuxos autónomos.

Así mesmo, a exposición establecerá un diálogo virtual coa obra doutros artistas conceptuais que pasaron antes polas salas do CGAC, e que conforman unha parte importante da historia e da identidade do museo, algúns dos cales foron próximos a Lamelas, como Marcel Broodthaers (Cinéma, CGAC, 1997-1998) ou Bas Jan Ader (In Search of the Miraculous. Treinta años después, CGAC, 2010).

O traballo de David Lamelas está representado na Colección CGAC pola obra de 2008 Buenos Aires no existe (incorporada aos fondos do museo en 2010) e antes estivo presente nas principais exposicións que configuraron a neo-vangarda conceptual (Information, MoMA, 1970; Documenta 5, 1972; e Reconsidering the Object of Art, MoCA, Os Ánxeles, 1995). A súa obra foi mostrada de maneira individual no Kunstverein de Múnic (1997), no Museo Tamayo da Cidade de México (2004) e, máis recentemente, nas exposicións retrospectivas que se presentaron no University Art Museum de Long Beach (California, Estados Unidos) en 2017, e no MALBA de Bos Aires en 2018. Os seus traballos forman parte de prestixiosas coleccións públicas e privadas (o MoMA de Nova York, o MOCA de Los Angeles, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Macba, a Fundação de Serralves, a Tate Modern, o Centre Pompidou…) e foron incluídos en bienais como as de Venecia e São Paulo, en 1967 e 1968, respectivamente, ou máis recentemente na Documenta de Kassel de 2017.

Co gallo da exposición editaranse dous volumes. Por unha banda, un catálogo cunha colección de textos de David Lamelas (algúns inéditos) e outros encargados para a ocasión a historiadores da arte que se ocuparán de distintos aspectos na súa traxectoria: a relación con Galicia, a fotografía, o cinema, o debuxo… Por outra banda, vaise reeditar e traducir a galego e a castelán unha das súas obras máis emblemáticas, o libro de artista Publication, de 1970.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal