Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

SUSO FANDIÑO. WUNDERKAMMER

Comisario/a: Mónica Maneiro

Artista: SUSO FANDIÑO

15 outubro 2021 - xaneiro 2022

En 1952 André Malraux publica Le Musée imaginaire de la sculpture mondiale, un texto capital na historiografía da arte do século XX, relegado ao segundo plano pola preeminencia dos discursos estéticos posmodernos derivados do situacionismo francés. Malraux antecedía neste texto unha forma de concibir a Historia da Arte como disciplina aberta, na que a historia dos estilos se desdebuxa en favor dun entendemento cruzado, co que se abre lugar ás conexións indebidas, múltiples e baseadas nos afectos e as subxectividades. Este museo imaxinario de Malraux achegábase en espírito aos procedentes do museo moderno, situándose perto dos gabinetes de curiosidades, as cámaras de marabillas nas que os burgueses e nobres do renacemento continuaban a tradición medieval coleccionando todo tipo de obxectos estraños xunto a obras de arte.

Fronte ao cubo branco que Brian O’Doherty sinalaba como espazo expositivo propio da arte contemporánea, as cámaras de curiosidades eran espazos cambiantes, abigarrados, nos que os obxectos non tendían a disporse creando discursos sinalados, senón narracións cruzadas e móbiles, microhistorias que conectaban emocionalmente co espectador.

Nesta exposición Suso Fandiño proponnos unha serie de percorridos e enlaces pouco habituais, debuxando un espazo museístico no que as obras conectan entre si creando relacións punzantes. Trátase ante todo de activar no espectador a necesidade de buscar significados ocultos. Dende esta posición propónnos un espazo de xogo e reflexión sobre a morte do autor, a futilidade do discurso hexemónico na historiografía artística, o papel  do espectador na arte, o xogo político de fronteiras, o marketing ideolóxico, a baixa e a alta cultura ou a análise da linguaxe como sistema de configuración do pensamento. Todo isto o  fai utilizando a obra artística como medio dende o que reflexionar sobre o social a partir da descomposición e reorganización dos produtos da sociedade de consumo.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal