Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

PILAR ALBARRACÍN. ACCIÓNS PEREGRINAS

Comisario/a: Performa S. Coop. Galega (David Barro, Mónica Maneiro, Iñaki M. Antelo)

Artista: Pilar Albarracín

26 marzo - 6 xuño 2021. Hall e Espazo de Proxectos

Accións peregrinas é o título da exposición que a artista andaluza Pilar Albarracín (Sevilla, 1968) presenta no CGAC. Esta mostra de carácter introspectivo intégrase dentro da programación da segunda edición de Plataforma. Festival de artes performativas que tamén contará este ano coa presenza da artista coma unha das performers invitadas.

Pilar Albarracín é unha das creadoras claves na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa. A exposición Accións peregrinas reúne algunhas das súas instalacións paradigmáticas xunto a vídeos, fotografías e documentación, que axudan a revelar a condición política e antropolóxica do seu traballo, así como o carácter lúdico e irónico das súas accións.

O seu particular achegamento á performance e as súas obras máis contextuais, do mesmo xeito que instalacións como Muro de geranios (Muro de xeranios, 2005), Hormiga (Formiga, 2010/2021) ou Techo de ofrendas (Teito de ofrendas, 2004), compoñen o núcleo central dunha selección de pezas que mostran o sentido conceptual do traballo de Pilar Albarracín.

Na exposición tamén queda patente a implicación da artista coa sociedade do seu momento, como creadora que non toma o papel de observadora que axexa os acontecementos coma se fose unha analista, senón que participa activamente removendo a tradición e os costumes para sacar as costuras dunha imaxinería asociada á cultura de todo o sur de España, mediatizada e utilizada ata a perda total do seu sentido cotián.

Xunto a esta revisión da iconografía e a tradición, en Accións peregrinas tamén queda patente un feminismo que reivindica a presenza da muller desde a intelixencia e a provocación, xogando a mudar a súa imaxe cunha visión marcada pola visceralidade e o humor, para romper esquemas dos arquetipos femininos presentes na España das últimas décadas.

Como peche da mostra, Pilar Albarracín presentará unha performance durante os días nos que se desenvolverá Plataforma. Festival de artes performativas. Trátase dunha acción peregrina, que xogará con diversos sentidos do termo, desde a acepción de quen visita terras estrañas, até o significado de algo raro, especial ou poucas veces visto e, tamén, de singular excelencia ou fermosura.

Fotos: Manu Suárez
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal