Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

CRISTINA GARCÍA RODERO. TRANSTEMPO

Comisario/a: Miguel von Hafe Pérez e Mª José Villaluenga Garmendia

Artista: Cristina García Rodero

18 novembro 2010 - 13 febreiro 2011

Nacida en Puertollano (Cidade Real) en 1949, Cristina García Rodero é, sen dúbida, un referente incontestable da fotografía española contemporánea. En 2009 foi a primeira fotógrafa española admitida como membro de pleno dereito na prestixiosa axencia Magnum e, ao longo da súa carreira, recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Fotografía (2006), o Bartolomé Ros de PHotoEspaña (2000) e o World Press Photo (1993, 1997 e 2008), como recoñecemento ao seu labor.

Como artista, Cristina García Rodero sabe que estes documentos non nos devolven a realidade. Non nos contan historias, non son ilustracións dun relato particular. Constitúense nun meta-relato, que percorre con precisión interrogativa un determinado contexto social e xeográfico, que o supera, que o desborda para regresar sempre ao seu lugar orixinal. No camiño, sorpréndenos o xeito en que a nosa memoria se aferra aos detalles máis insignificantes para aducir unha fenda na súa significación literal. Aquelvello que no Entroido de Verín intenta bicar unha muller que non parece sequera prestarlle atención, a ofrecida no caixón co seu abano e os seus lentes escuros en Santa Marta de Ribarteme, a muller que terma fachendosa dunha cabeza de peixe na lonxa de Vigo, a avoa infranqueable de Xende, todos estes personaxes foron captados cunha mirada idiosincrásica que os retira do anecdótico para os fixar como elocuentes paradigmas dunha maneira de celebrar a vida. Contra a morte, ou como diría Derrida, a partir da experiencia da morte posible. Seguramente sexa ese o leitmotiv que guía a Cristina García Rodero. Unha aprendizaxe eterna da vida por oposición á nosa implacable finitude.

E é na trama complexa deste presente perpetuo, deste transtempo vivido ou recoñecido, onde se moven as obras de Cristina García Rodero, que nos falan daquilo que nós conseguimos sentir, ulir, respirar: da nosa condición humana, da nosa transitoriedade, da nosa participación nesta comedia eterna.

Folleto da exposición

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal