Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss

EN TODAS AS PARTES. POLÍTICAS DA DIVERSIDADE SEXUAL NA ARTE

Comisario/a: Juan Vicente Aliaga

Artista: Varios

14 maio - 20 setembro 2009

O eixe central desta exposición radica nas distintas representacións do concepto de diversidade sexual no terreo da arte. Baixo esa denominación incluínte contémplanse principalmente as imaxes sobre a homosexualidade, o lesbianismo e as sexualidades e identificacións agrupadas habitualmente baixo o acrónimo LGBTQ (lesbiana, gay, bisexual, transexual ou transxénero e queer), que se pode completar co I referido ás persoas intersexuadas.

O obxectivo é internarse na produción de ideas arredor deste tema xurdidas nas prácticas artísticas, principalmente desde 1969, e desenvolvidas até hoxe.

Por que 1969? Neste ano organízase o movemento de liberación gay a raíz das protestas acaecidas na cidade de Nova York, en particular a finais de xuño, no bar Stonewall Inn, sometido a acoso e represión por parte da policía.
Esta revolta contou desde o principio coa participación de lesbianas, transexuais e travestidos, amén de homosexuais. Sobra dicir que ese ano se toma aquí como referencia simbólica, pois antes desa data xa houbera actividades e culturas desconformes coas normas.

En todas as partes é un proxecto vertebrado mediante a aparición de distintas representacións do desexo e das diversas subxectividades que se enfrontan á norma e ao poder patriarcal e heterosexista e que deron valiosos exemplos na fotografía, na pintura, no debuxo, no vídeo, na instalación e noutras disciplinas. Supón tamén unha indagación conceptual nas formas de vida  heterodoxas e no concepto de comunidade, no que iso implica de constitución dunha cultura identitaria nun medio social hostil, particularmente nos anos sesenta e setenta. Unha identidade que quedaría cuestionada polos postulados queer, polo menos desde inicios da década dos noventa.

Dito isto, e para comprendermos o alcance das representacións e das producións artísticas, individuais e colectivas, necesítase do coñecemento da achega doutras manifestacións culturais, igualmente en clave política. Isto axudaranos entender as distintas percepcións existentes sobre a homosexualidade e a transexualidade, por exemplo. Nese sentido, sería preciso ter en conta o influxo na arte e na cultura visual dos discursos da medicina e da ciencia, ademais de explorar cómo a lei, en distintos países, estableceu normas e regulamentos que castigaban os actos homosexuais, ignorando, a miúdo, na súa penalización, ás lesbianas. Un castigo que aínda se aplica en moitos lugares.

Así mesmo, é de suma importancia ser conscientes do tramado de visións e construcións culturais procedentes do cine, da literatura, da música, dos medios de comunicación. Telos en consideración é primordial dado o peso que teñen na formación dun imaxinario colectivo ateigado de persistentes prexuízos e estereotipos e apoiado a miúdo no uso da inxuria e da vergonza. Fronte a todo este conxunto de visións parciais e interesadas rebeláronse os movementos de gays e lesbianas e os colectivos de transexuais, seguindo o exemplo das feministas e dos grupos a favor dos dereitos civís.

A aparición da sida e a súa instrumentalización por parte dos sectores sociais retrógrados serviu para culpabilizar a comunidade gay, entre outras poboacións demonizadas. As distintas revoltas ante a estigmatización revitalizaron o xurdimento de varios tipos de activismo político. A arte puxo cara e imaxe a moitas das cuestións debatidas sobre a pandemia da sida.

En todas as partes indaga na evolución continxente da representación da diversidade sexual desde os tempos de maior represión e homofobia até a actualidade. Isto inclúe a consideración das sucesivas propostas sobre equiparación de dereitos e o estimulante envite do pensamento queer, coa súa consabida crítica ás identidades fixas e á respectabilidade asociada ao concepto de normalidade.

O peso da arte nacida en Occidente (Estados Unidos, Alemaña, España, Gran Bretaña, Francia...) é sen dúbida significativo, pero tamén se atenderá á incorporación de propostas artísticas relativas a países onde as leis criminalizan, en distintos graos, a diferenza e a liberdade sexual (Irán, Turquía, A India, Palestina, O Líbano...).

Artistas: Act-Up and Gran Fury, Tariq Alvi, Xoán Anleo / Uqui Permui, Alexander Apóstol, Kutlug Ataman, Ron Athey, Charles Atlas, Leigh Bowery, Kaucyla Brooke, Bruce La Bruce, Tom Burr, Cabello / Carceller, Loren Cameron, Giuseppe Campuzano, Luciano Castelli, Tee corinne, Juan Davila, Del Lagrace Volcano, Dias & Riedweg, George Dureau, Nicole Eisenman, Michael Elmgreen & Ingar Dragset, Pepe Esjpaliú, Fierce Pussy, Samuel Fosso, Annett Frick, Carmela García, Robert Gober, Roberto González-Fernández, Felix Gonzalez-Torres, Nancy Grossman, Hervé Guibert, Sunil Gupta, Barbara Hammer, Keth Haring, Lyle Ashton Harris, David Hockney, Ins A Kromminga, Derek Jarman, Isaac Julien, Zoe Leonard, Lenilson, Renate Lorenz & Pauline Boudry, LSD (Fefa Vila), Monica Majoli, Robert Mapplethorpe, Jesús Martínez Oliva, Pepe Miralles, Donald Moffett, Ocaña, Marcel Odenbach, Elisabeth Ohlson, Henrik Olesen, Catherine Opie, Ulrike Ottingr, Pablo Pérez-Mínguez, Pierre & Gilles, Jack Pierson, Mark Raidpere, Catherine Saalfield, Tejal Sham, Ahlam Shibli, Jack Smith, Annie Sprinkle / Les Nichols, Wolfgang Tillmans, Herbert Tobias, Tom of Finland, Monika Treut, Video-Nou, Azucena Vieites, Andy Warhol, David Wojnarowicz, Yeguas del Apocalipsis, Akram Zaatari

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal