Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

MYSTIQUE

Comisario/a: Christina Ferreira

Artista: varios

1 decembro 2011 - 7 xaneiro 2012

Na nave central da igrexa recreouse un cubo branco a modo de sala de exposición convencional onde preside a fotografía La última cena-Gaza do artista multimedia hindú Vivek Vilasini, que recrea a bíblica escena protagonizada por mulleres ataviadas co shador para chamaren a nosa atención sobre a súa problemática social. A fotografía de Jorge Barbi recolle a súa intervención dun minarete que se fusiona coas torres da catedral no ceo compostelán. Manuel Vilariño debuxa unha gran cruz de pemento, cruz efémera e olorosa pola que serpea a pegada dun réptil; símbolo dunha mística pagá.
Maria Pia Oliveira fotografa unha instalación monocromática de algodón creando así sensacións de levidade e ascensión. Sofia Jack, cunha pequena escultura de aceiro inoxidable, ironiza sobre a muller de hoxe en día representándoa como unha deusa Shiva de múltiples brazos e múltiples tarefas. Richard Orjis & Anthony Goicolea nun repetitivo autorretrato deste último, para representar unha comunidade relixiosa cuxos membros acaban sendo moi similares entre si.
Saíndo da sala e dialogando cos altares das naves laterais podemos ver Aura, a escultura lumínica de Brigitte Kowanz que se xunta coa instalación de Carlos Pazos, un curioso bodegón tridimensional titulado La flor de los errores.
Cunha estética pop, a acuarela de Jiri Georg Dokoupi representa unha escena de iluminación relixiosa. O maletín de Antoni Tàpies Amis i amat reinterpreta aquela obra de Llull en que o amigo é o crente e Deus o amado. Na capela, Isaque Pinheiro recrea o mito do milagre das rosas (uns pans que se transforman milagrosamente en rosas protagonizado pola raíña Sabela de Portugal) cun despregamento de elementos de porcelana que forman unha gran rosa. Outra transformación de tipo máis naturalista pero non por iso menos milagroso, énos suxerida Din
Matamoro coa súa obra El agua se agitó y se puso blanca, unha interesante pintura plana que adquire relevo coa distancia.
No altar maior, Reliquaire de Christian Boltanski composto por caixas ocas de metal que van subindo en forma piramidal e salpicadas de curiosas caixas de luz que iluminan uns vellos retratos fotográficos.
A peza Hole de Jack Leirner, forma tres ocos minimalistas onde se recollen os restos e detritos de papeis, deseños e marcas. Asentada fronte ao altar maior, A voda, unha obra irónica e
litúrxica de Elmgreen & Dragset. A obra de Mónica Alonso, Color de carne triste 2 forma parte da serie TrB (transplantes de beleza) coa que investiga as diferentes calidades psicolóxicas das cores. Observando no seu contorno ás persoas que sofren de tristeza, angustia ou marxinación, trata de plasmar esas tonalidades apagadas que adquire a pel con esas emocións. Unha carcasa baleira, como pegada da carne, subliña esa tristeza, ese baleiro emocional. Marie-Jo Lafontaine móstranos nun fermoso vídeo a súa contemporánea visión da paixón, mentres Joan Fontcuberta enlaza unha antiga técnica de representación como é o mosaico coa fotografía dixital e internet para, recrear a obra de Gustave Courbet
de 1866.
A exposición remata coa peza Santiago, unha fotografía da intervención de George Rousse realizada no vestíbulo do CGAC, na que o artista representa o plano topográfico do Fujiyama, un
lugar de peregrinación xaponés que dialoga con outro lugar de peregrinación como Santiago.

Folleto da exposición

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal