Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

A COLECCIÓN CGAC NO CENTRO TORRENTE BALLESTER DE FERROL

Comisario/a: Mónica Maneiro

Artista: Varios

27 xaneiro - 13 abril 2012

Miradas cinematográficas. Colección CGAC

A influencia do cinema nas outras disciplinas artísticas é unha das pautas chave no desenvolvemento a arte do século vinte e de comezos do século vinte e un. A imaxe en movemento exerceu tal poder de sedución sobre os artistas plásticos que estes decidiron en non poucas ocasións homenaxeala a través de referencias temáticas nas súas producións ou ben valéndose de mecanismos técnicos de seu para crear obras cun marcado carácter experimental ou polo menos, afastadas dos presupostos do sistema industrial cinematográfico. Do mesmo xeito, o cinema de hoxe en día admite a súa proxección dentro do museo e da galería. Isto está a acontecer nun momento en que as salas de exhibición semellan vivir unha absoluta extenuación motivada pola preeminencia de fenómenos coma o visionado de películas en streaming desde a rede de Internet ou as descargas de material decote non autorizadas. O cinema deixou de habitar o espazo público para se converter nun acontecemento privado e doméstico; no entanto, a disciplina parece que se resiste a desaparecer totalmente da esfera do desfrute social. Asemade parece claro que, se en innumerables ocasións, o traballo dos artistas dos outros eidos visuais ten sido fonte de inspiración para directores, guionistas, fotógrafos, deseñadores de vestiario e, en xeral, para todos os responsables de fabricar o artificio da imaxe cinematográfica que se converte no que coñecemos como película, tamén ocorreu o contrario, e o cine influíu de xeito determinante nas outras disciplinas catalogadas de artes visuais. Miradas cinematográficas. Colección CGAC pretende achegar a principal colección de arte contemporánea de Galicia ao centro Torrente Ballester e facelo a través dunha lectura que nos permita recoñecer a pegada da linguaxe cinematográfica nas outras artes visuais da contemporaneidade. Coma quen trata de analizar unha película, esta exposición procura achegarnos ao mundo do cine e dos seus produtos artísticos rematados, mais tamén á influencia na arte dos seus intersticios, dos seus procesos. Unha serie de seccións como Secuencias, Localizacións, Foto fixa, Os actores ou Acción! Serven como fío condutor para nos mostrar cal é a mirada cinematográfica dun importante conxunto de artistas representados na colección.

 

Poco antes de la tormenta conviene un poco de humor

A influencia do cinema sobre a arte estática é decisiva para a introdución do humor, de aí que se quixese completar unha visión cinematográfica desde a Colección CGAC con esta pequena homenaxe ao humor na arte. Coa introdución da acción cómica, o cinema descobre unha estratexia novidosa para acadar este fin: o gag, que significa algo así como ‘amordazar, pór algo na boca que impida falar’. A relación deste significado coa acepción do gag no humor estriba en que o gag evita dicir todo aquilo que sería necesario precisamente para así poder provocar a sorpresa. Coma un chiste, que di o que cómpre dicir con menos palabras das que serían precisas, o gag exhibe o factor sorpresa como elemento principal da súa estrutura, facendo recapacitar á arte verbo da súa propia esencia e acerca da liberdade de se permitir a sorpresa do proceso creativo que fai que a obra se desvíe cara a unha solución incerta.

 

-------------

A definición identitaria e institucional dun centro de arte contemporánea, máis que no seu programa expositivo e nas actividades complementarias que propón, estriba no feito de se conta, ou non, cunha colección propia. O CGAC, ademais dos seus fondos propios, alberga o depósito da Colección IFEMA, un importante número de obras adquiridas na feira máis importante de arte peninsular, ARCO.

Unha obra de arte, máis aló da súa existencia física, só cobra verdadeiro sentido cando é mostrada, discutida e contextualizada. Ese é un labor fundamental do museo que a preserva nas mellores condicións posibles. Á invisibilidade das obras gardadas nos almacéns, debemos contrapor a súa visibilidade dixital e, fundamentalmente, a súa divulgación pública en exposicións monográficas ou colectivas.

Unha obra non vive illada. Desde un primeiro momento define o espazo no que se inscribe e é definida por el: é moi diferente a súa presenza nun espazo estritamente museolóxico ou nun dos moitos espazos dos que a arte contemporánea se serve hoxe en día, xa sexa unha antiga igrexa ou un almacén industrial. Doutra banda, a súa relación coas obras veciñas determina un discurso máis complexo do que singularmente reclama. Ese é o traballo esixente e apaixonante dos responsables da creación dun metadiscurso que ten en conta non só a especificidade dos universos propios de cada unha das obras, senón tamén o resultado dun percorrido feito de contaminacións, contradicións ou contrapuntos, que se espera contribúa a enriquecer a lectura das obras expostas.

Por iso me comprazo en presentar hoxe a exposición Miradas cinematográficas. Colección CGAC. Porque esta é unha oportunidade clave para darlle visibilidade á nosa colección máis aló dos límites do centro, un dos designios fundamentais que nos propuxemos. E, principalmente, porque así nos enfrontaremos a un xeito diferente de contemplar unhas pezas que coñecemos doutros contextos.

Unha palabra de agradecemento, pois, á comisaria da exposición Mónica Maneiro, que me gustaría facer extensiva á institución que acolle a mostra, o Centro Torrente Ballester, a cal a través da súa actividade anunciada no ámbito da arte contemporánea axuda a crear unha cartografía máis densa e mellor distribuída no mapa galego das artes plásticas.

Catálogo da exposición

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal