Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

ESTHER FERRER. EN CUATRO MOVIMIENTOS

Comisario/a: Rosa Olivares

Artista: Esther Ferrer

6 xullo - 7 outubro 2012

“O accidente é parte da performance”. “Cando o concepto está espido e toda a xente o pode ver, a idea ten que ser boa”. “Cando todo está controlado pola institución xa non hai liberdade”. “Non fago arte para o outro, fago arte para min”. “A arte é o único espazo de liberdade”... Estas frases de Esther Ferrer, recompiladas durante anos de conversas, preséntannos unha artista radical, independente, anti-exposición, libre e con ideas propias. Iso todo converteuna desde o inicio do seu traballo como artista, que é o mesmo que dicir desde que empezou a facer calquera cousa, nunha persoa incómoda e admirable, nun exemplo para todos e á vez en alguén difícil de axustar aos roles asignados a un artista polo sistema artístico actual.

Leva máis de corenta anos desenvolvendo un traballo sistemático, rigoroso e metódico arredor do coñecemento do mundo, e aínda que ela afirme que só lle interesa o seu traballo namentres o está facendo, no seu taller, é inevitable preguntarse que sucede con esas obras cando saen do seu taller, cando saen da súa boca. E o que sucedía até hai moi pouco é que eran absolutamente descoñecidas en España, aínda que recoñecidas internacionalmente. Aos poucos hanse ir vendo algunhas das súas performances, algunhas das súas obras... aos poucos e de xeito desordenado e inconexo. Pero é que Esther Ferrer non quere expor, e non é doado, primeiro, convencela e, despois, reducir o seu pensamento a un puñado de obras nunhas salas.

Poderiamos dicir que toda a súa obra se reduce a unha soa: Esther Ferrer. Ela é a obra, non só ela, o seu corpo e a súa enerxía nas performances, senón ela, sempre ela, nos seus obxectos, nos seus autorretratos, na súa procura do infinito a través do número pi; ela en definitiva, co seu corpo, a súa voz, as súas ideas, as súas palabras, a súa lóxica e a súa desmesura.

Simplemente xenial, tentar sistematizar o seu traballo e reconducilo a unha exposición resulta unha loita que só se pode realizar entrando no epicentro do seu pensamento. Falando coas súas palabras, mirando cos seus ollos, tocando coas súas mans. Por isto eliximos catro ideas que están presentes sempre en todos os seus traballos, dun xeito ou doutro: o tempo, o infinito, a repetición e a presenza. En catro movementos, en catro bloques centrados en cada un destes conceptos, a exposición reúne obra obxectual, instalacións e documentación das súas performances, obras esenciais na súa traxectoria e outros traballos inéditos; algúns nunca vistos, nunca realizados, e outros pensados explicitamente para esta ocasión.

Non se trata dunha mostra retrospectiva, porque Esther non é especialmente amiga de mirar cara atrás, tampouco é unha antolóxica, porque iso é propio de artistas que terminaron a súa traxectoria artística e Esther Ferrer segue activa, coma sempre. Esther Ferrer. En catro movementos pretende pór á vista de todos catro dos eixos sobre os que se constrúe a obra de toda unha vida e, especialmente, amosar unha obra de arte sempre en construción, en permanente progreso e desenvolvemento: Esther Ferrer.

Unha coprodución con ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo, ES BALUARD Museu d´Art Modern i Contemporani de Palma e AC/E Acción Cultural Española.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal