Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

EUGENIO GRANELL E O CINE: UNHA PELÍCULA DE VINTE MINUTOS

Comisario/a: Eduardo Valiña

Artista: Eugenio Granell

13 xullo - 4 novembro 2012

Foron moitos os artistas que, procedentes do campo da pintura, mantiveron unha estreita relación co celuloide ao longo da súa carreira. Man Ray, Viking Eggeling, Walter Ruttmann, Marcel Duchamp, Fernand Léger ou Jean Cocteau, por citar algúns exemplos, case todos pertencentes aos movementos dadaísta e surrealista, experimentaron coas posibilidades da cinematografía nunha época na que unha situación global caracterizada por grandes fracturas no ámbito do pensamento e a creación propiciou a disolución dos límites interdisciplinares.

Así pois, non é estraño que un artista como Eugenio Granell, cuxa traxectoria vital influíu tan directamente na súa produción, sentiuse atraído e fascinado pola imaxe, tanto na súa vertente fotográfica como cinematográfica. Con todo, os seus experimentos no terreo da imaxe en movemento forman parte dunha faceta practicamente descoñecida até agora salvo para investigadores e interesados na materia. A divulgación das súas películas entre o público máis xeral é un acontecemento relativamente recente que se viu favorecido polo auxe das novas tecnoloxías e polo feito de que estas comezasen a circular en mostras ligadas a importantes proxectos de investigación sobre o seu legado.

Ademais da filmografía completa do artista, que consta de tres películas experimentais — Invierno (1960), Lluvia (1961) y Dibujo (1961)— e tres obras de cinema surrealista —Trompos (1961), Middlebury (1962) y Película hecha en casa con pelota y muñeca (1962)—, na exposición mostraranse unha serie de documentos e obxectos persoais que forman parte do universo creativo de Eugenio Granell. Algúns deles foron utilizados directamente no proceso de creación dos filmes, outros forman parte das diferentes coleccións que o artista reuniu ao longo da súa vida e funcionan como catalizadores que facilitan o entendemento da súa proposta.

A exposición Eugenio Granell e o cine: unha película de vinte minutos está enmarcada no proxecto de conmemoración do centenario do nacemento de Eugenio Granell. organizado por la Fundación Granell en colaboración coas seguintes institucións: Fundación Cidade da Cultura, Museo do Pobo Galego, Auditorio de Galicia, Centro Cultural Novacaixagalicia e Centro Galego de Arte Contemporánea.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal