Comisario/a: Miguel von Hafe Pérez
Artista: Graham Gussin
28 xuño - 13 outubro 2013
Graham Gussin (Londres, 1960) utiliza unha gran diversidade de medios —texto, debuxo, filme, son, escultura e instalación—para explorar a nosa percepción do tempo, do espazo e da escala. As súas obras adoitan manipular e apropiarse de imaxes e narracións literarias extraídas da historia da arte, da cultura popular e, sobre todo, do cine.
A súa capacidade de crear obras dunha densidade interpretativa singular consolídase a partir dun xogo continuo de referencias e relacións conceptuais, as cales remiten a un tránsito perceptivo que nos transporta a paisaxes mentais, onde o desasosego, a estrañeza e a melancolía poden emerxer nunha proximidade intrigante ou na máis inusitada distancia.