Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

DIEGO SANTOMÉ. PEZA DE ESQUINA E OUTROS ESPAZOS EN CONFLITO

Comisario/a: Agar Ledo

Artista: Diego Santomé

20 xuño - 2 novembro 2014

As estratexias discursivas en que se fundamenta a obra de Diego Santomé (Vigo, 1966) están directamente vinculadas cos conceptos de utopía e fracaso, equilibrio e inestabilidade. Tanto na elección dos materiais coma no proceso de traballo, Santomé parte de cuestións ligadas ás circunstancias cotiás e á súa transformación, mostrando a posibilidade/imposibilidade dunha nova orde na que a sociedade acade un equilibrio.

O proxecto para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reúne unha serie de pezas —algunhas existentes, outras realizadas especificamente para esta exposición— que resumen as preocupacións presentes no seu traballo durante a última década. O cinema, a fotografía, a instalación, a escultura, a performance ou o debuxo son formatos que lle permiten abordar, desde un posicionamento crítico, a transitoriedade das estruturas e da sociedade. As formas simples, ligadas á estética minimalista que caracterizou a súa produción desde os inicios, e o carácter efémero dos materiais ou obxectos atopados son fundamentais na construción de novos significados. O simple e intranscendente, o provisorio, tradúcese na posibilidade de grandes cambios. 

En 2009, Diego Santomé comisariou unha exposición titulada La importancia del pez cebra (Galería Parra & Romero). Reuniu unha serie de artistas que formalizan o seu traballo a partir de materiais simples vinculados co contexto social e político do que proveñen. O peixe cebra, un peixe en aparencia insignificante que, emporiso, representa unha clave importantísima para os avances científicos no eido da xenética, funciona como metáfora das implicacións sociais que esa simplicidade posúe.

Estas novas narrativas, asociadas á natureza efémera dos obxectos, están presentes en pezas como Vidrieras (2011), construída a partir de anacos de cristais atopados en diversas zonas de cascallo e derruba, ou no filme Castillos de arena (2008), no que Santomé retrata o día a día de dous inmigrantes checos que gañan a vida en Praia América (Nigrán, Pontevedra) esculpindo un castelo e asistindo impasibles ao proceso cíclico da súa destrución. Un dos novos proxectos que presenta nesta exposición é unha película que traza, coma un reflexo, un paralelismo entre o perigo de extinción do galápago europeo no ecosistema das Gándaras de Budiño (O Porriño, Pontevedra) e os ideais que sustentan a construción dunha sociedade máis xusta. Son procesos de desocultación dunha realidade que emerxe como fracaso das utopías sociais, cuxas pegadas recupera Diego Santomé para reflexionar sobre a posibilidade de reconstruílas.

Folleto da exposición

Novas relacionadas

Catálogo

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal