Comisario/a: Javier Hontoria
Artista: Mark Manders
4 xullo - 19 outubro 2014
Mark Manders (Volkel, Países Baixos, 1968) é un dos artistas internacionais máis relevantes das dúas últimas décadas e autor dun dos corpus de traballo máis persoais de cuantos poden verse no concerto internacional. Ademais de representar o seu país na 55.ª Bienal de Venecia, realizou exposicións en moitos dos museos e centros de arte máis importantes do mundo e participou en Documenta 11 en 2002. Unha variación do traballo que presentou na cita de Kassel estará presente no Dobre Espazo do CGAC.
Mark
Manders é, fundamentalmente, escultor, e a súa obra ten un forte compoñente
poético. Todo parte do seu xa lendario Self-Portrait
as a Building, un traballo realizado en 1986, cando o artista tan só tiña
18 anos, o momento en que comprendeu que tiña “unha certa afinidade coa
linguaxe das artes visuais”. Toda a súa obra posterior é unha variación
incesante e aberta deste primeiro traballo, co que trata de entender algo aparentemente
sinxelo pero asemade profundamente complexo: que o mundo está poboado por seres
humanos e que estes seres humanos crean obxectos que os acompañan no seu devir
vital. Partindo desta premisa, Manders creou un insólito universo formal que en
ningún caso obvia esa fonte indispensable que é a poesía e, nun sentido máis
amplo, a escritura; pero unha que non utiliza palabras, ou non sempre, senón
obxectos, formas.
O CGAC acollerá este verán a súa primeira exposición individual en España, que reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista e inclúe obras procedentes de museos como o Stedelijk Museum de Amsterdam, o S.M.A.K de Gante, a Kunsthaus de Zúric ou a colección Rabobank, ademais doutras procedentes de coleccións privadas. En Santiago de Compostela poderanse ver tamén algúns traballos anteriores revisitados polo artista con motivo desta mostra.
Co apoio económico de Mondriaan Fund: