Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook twitter Youtube rss

MISHA BIES GOLAS. 27 NEGROS, 2013-2014

Comisario/a: ----- -----

Artista: Misha Bies Golas

16 abril - 15 xuño 2014

Un cadrado negro de 20 x 20 cm é o punto de partida. Misha Bies Golas orquestra unha obra integrada por unha serie de cadros monocromos encargados a outros artistas de diferentes xeracións. É unha peza concibida como unha obra coral que, baixo o título 27 negros, torna e abre o seu significado máis aló do puramente descritivo ou formal: son 27 cadros de cor negra e, ao mesmo tempo, son 27 artistas que traballan para el seguindo estritas directrices: un tamaño e unha cor. Negros coma os antigos escravos, e negros como as figuras literarias relegadas ao anonimato. Neste caso, os artistas conforman a ficha técnica da obra. Os autores crean e manufacturan os seus obxectos para unha obra meirande da que descoñecen tanto as outras pezas da cadea de montaxe coma o producto final. Bies Golas compón, fagocita, usurpa e comparte.

 O carácter icónico do motivo, elixido en referencia a Malévich e ás diversas revisións do monocromo ao longo do século XX, dá como resultado unha gran obra composta por pequenas pezas que se van entregando o testemuño nun percorrido que ocupa toda a sala de exposición á altura do ollo do espectador que a observa e a pasea. As primeiras obras condicionan a posición das seguintes, dialogan e se remudan como fotogramas ou debuxos con pequenas variacións que dan lugar ao movemento.

Unha mirada na distancia devolve un friso de puntos suspensivos. É unha obra aberta na que o número de artistas participantes pode medrar ou minguar e a colocación das pezas é permutable segundo a mostra e o espazo. Unha mirada próxima descobre a pegada e o xesto de cada artista, moitas veces ligados a súa propia traxectoria e, nalgúns casos, cun xiro e cunha solución inédita.

Teo Soriano, Nacho Martín Silva, Carlos Maciá, Mikeldi Pérez Urkijo, Nuria Fuster, Alain Urrutia, Antonio González, Din Matamoro, Miren Doiz, Manuel Eirís, Julia Spínola, Guillermo Pfaff, José Manuel Vidal, Ion Macareno, Amaya González Reyes, Kiko Pérez, Xoan Torres, Juan López, Ian Waelder, Diego Vites, Jorge Varela, Dai KS, Kepa Garraza, Vítor Mejuto, Ángela Cuadra, Suso Fandiño e Mar Vicente. 27 xeitos de afrontar un mesmo tema, 27 versións que se traducen nunha lección de pintura e nun exercicio de estilo colectivo.



Folleto da exposición
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal