Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

PACO ROCHA. NATURALMENTE HUMANO

Comisario/a: Christina Ferreira

Artista: Paco Rocha

16 abril - 15 xuño 2014

Afortunadamente todo aquilo que me produce pracer e me outorga ese estado de paz e tranquilidade ten relación cos meus instintos animais e é por iso que a miña procura comeza na natureza. Trato de comprender a miña existencia, buscando pequenas partes da paisaxe que poidan representar o meu estado de ánimo, as miñas sensacións, as miñas experiencias, a miña persoa.

Saio a percibir e a fotografar a percepción.

Realizo este exercicio nun momento da miña vida cheo de rabia, impotencia, furia contida e incrible mansedume que non é propia de min. A procura comeza entre as masas de cor, os seus límites e o suposto caos visual que reina na orde natural das cousas.

A experiencia forma parte da obra dun xeito intrínseco.

As horas percorrendo quilómetros en coche á procura de porcións da paisaxe que compoñan un fiel reflexo do experimentado, camiñar por brañas afundindo os pés no barro para poder capturar a forma dunha árbore solapando outra de distinta cor...

A técnica fotográfica é a máis básica e natural, fotografía química, onde a luz reflectida na paisaxe oxida os elementos que compoñen a emulsión da película capturando así parte da esencia do momento. Os formatos grandes de placa ou rolo e o uso dunha cámara de banco óptico permiten abordar cada imaxe como unha composición complexa, chea de decisións. Unha leve oscilación da óptica serve para entrar nun bosque nitidamente desde o primeiro paso até o último, outro movemento crea unha masa de cor difusa nun extremo e así se compón enfocando e desenfocando ao gusto.

Vivo en constante loita comigo mesmo, entre a melancolía, a tolemia e a obriga de pertencer a esta sociedade; as dobres exposicións reflicten ese fin último de integración das miñas dúas partes nunha soa, con máis luz, con máis vida.

Paco Rocha


Folleto da exposición


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal