Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

ONDE VAN OS PERSONAXES CANDO REMATA A NOVELA?

Comisario/a: Eva González-Sancho

Artista: Dora García

8 outubro 2009 - 31 xaneiro 2010

Contrariamente á idea segundo a cal a arte se dirixe á xeneralidade dos espectadores, Dora García (Valladolid, 1965) interésase por aquilo que interpela a cada individuo, optando, baixo formas radicalmente conceptuais, accesibles e elegantes, por emitir mensaxes singularmente codificadas ou por superpor narrativas á realidade que susciten unha relación específica con cada un dos visitantes.

As obras de Dora García fan así claramente fincapé na comunicación entre o artista e o seu público: a arte xa non representa o mundo senón que se converte en produtora de realidades, a miúdo ao límite da ficción, animándonos a experimentarmos co sentido unidireccional do cotián e analizando as pautas sociais de conduta.

A exposición Onde van os personaxes cando remata a novela? presenta sete obras —catro delas producidas polo CGAC— que nunca alcanzan a se condensaren nunha forma definitiva. En realidade, o que se ofrece ao espectador son diversos estados de diferentes obras, das que non nos é posible predicir cal será a súa forma definitiva. As pezas aquí mostradas parecen estar confabuladas para enredar ao museo e ao público ante o que se presentan nese eterno devir, transformación ou, se se quere, ficcionalización. Todas elas parecen pretender converter o aquí e o agora nunha serie infinita de posibilidades.

A exposición empeza por unha frase escrita sobre o muro con pan de ouro: Unha boa pregunta debe evitar custe o que custe unha resposta. (2009), unha das moitas frases que forman parte da colección de frases de ouro que a artista empezou a constituír en 2001. Estes aforismos escritos sobre o muro con letras de ouro permítenlle á artista parodiar prexuízos, clixés e convencións. A realidade é unha ilusión moi persistente. (2005) ou O futuro debe ser perigoso. (2005), son algúns exemplos.

Moitos dos traballos de Dora García parecen seguir sempre unha mesma estrutura: algo sen pés nin cabeza é proposto á realidade: un libro impreso á  inversa (Fahrenheit 451); un libro que pide ser roubado (Robe este libro / Steal This Book, 2009); un observador que crea un duplicado do real (Instant Narrative); un personaxe de ficción que conversa cun crítico de arte (Where do characters go when the story is over? / Onde van os personaxes cando a novela se acaba?, 2009). A realidade acepta estas incongruencias e a obra ocorre, pola súa lóxica interna, cunha mínima intervención do autor. O autor desas obras multiplícase, dilúese, é substituído, desdóbrase, é suplantado e finalmente desaparece.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal