Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

ESPECTRAL

Comisario/a: Miguel von Hafe Pérez

Artista: varios

15 xaneiro - 2 maio 2010

Baixo a protección das máscaras mortuorias de Arnulf Rainer de 1985 proponse unha relectura dos fondos do CGAC co título Espectral. A mostra, que reúne obras de medios tan distintos como o debuxo, a pintura, o vídeo, o gravado e a escultura, ábrese a diferentes perspectivas sobre a memoria como sistema conceptual e perceptivo cuxa recepción a arte consegue densificar.

Non se trata xa, para os artistas, de pechar os seus ollos corpóreos para poder ver o seu cadro cos ollos do espírito, e inmediatamente, facer xurdir á luz do día o que viron nas tebras, como preconizaba o romántico alemán Caspar David Friedrich. Trátase, máis ben, de confrontar os modos de representación do real mediante aproximacións que xogan cos múltiples modos de construción discursiva e visual que a contemporaneidade lles impón. Desde as inmersións hipnóticas na imaxe de Matt Mullican, aquí documentadas cunha performance de 2003 en Zúric, até a produción enciclopédica e compulsiva dos debuxos realizados por Marcel van Eeden a partir da apropiación de imaxes mediáticas de acontecementos anteriores ao seu nacemento, Espectral non apela a unha linearidade formal ou xeracional, senón que subliña como os artistas recrean, a través do seu corpo ou da representación de espazos, formas de atraer ao espectador cara a aquilo que se podería denominar unha cartografía conceptual do intanxible.

Lonxe dos parámetros modernistas da autonomía do obxecto artístico, os autores aquí reunidos utilizan o corpo como índice, como proceso (tal é o caso de Ana Mendieta ou Helena Almeida). O espazo devén paradoxal, un real ficcionado, en Juan Muñoz e na casa primordial de Gregor Schneider; evocador dunha memoria premoderna en Paulo Brighentti e Berta Cáccamo, ou fantasmática, nas fotografías de Valeska Soares e na obra de Jannis Kounellis.

Nun universo no cal a realidade parece confinada a dicotomías reductoras como bo/malo ou correcto/incorrecto, é reconfortante poder contar coa expresión artística para conducirnos por territorios ancorados en prácticas que dialogan non só co devir da propia historia da arte senón tamén coa relación que mantemos ante a masificación e banalización das imaxes. Esta economía crítica da imaxe irrompeu nos últimos anos con especial forza nas prácticas chamadas relacionais ou en proxectos máis enfocados á intervención social e política. Con todo, os procesos sociais e artísticos tamén demostraron que no silencio do pensamento individual (plástico, neste caso) pódense xestar as máis extraordinarias revolucións.

O ser político non é unha realidade abstracta. Somos todos nós. E a arte, por extensión, non necesita ser etiquetada como tal. A súa propia existencia e visibilidade compartida xa o presupón.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal