Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook twitter Youtube rss

RELER A COLECCIÓN

Comisario/a: Santiago Olmo

Artista: Varios

30 xuño - 2 outubro 2016

O núcleo dun museo é unha colección: a súa colección. A colección é o símbolo patrimonial dunha memoria cultural. Un territorio e unha cultura constrúen a súa identidade desde a memoria. Para que a memoria sexa activa e non nostálxica debe ser crítica e autocrítica, disposta a revisarse de maneira permanente. A función dun museo é crear unha memoria e mantela viva a través dunha incesante relectura, interpretación e investigación, que cuestione, que incida nas perspectivas difíciles. As exposicións temporais están intimamente conectadas e ligadas á colección porque son outra vertente da memoria do museo, unha forma de enriquecer a colección e unha maneira de poder acompañar aos artistas máis próximos, aqueles que contribúen ao enriquecemento simbólico da cultura.

Dentro deste proxecto de revisión e contextualización da colección preséntanse tres propostas expositivas, nas que se desenvolven temáticas diferentes e que incorporan diálogos cruzados con outras coleccións tanto públicas como privadas vinculadas co CGAC e con Galicia: coleccións públicas e privadas galegas, coleccións de museos cos que o CGAC comparte coproducións de exposicións temporais (CAAC de Sevilla e MUN de Pamplona) ou coleccións que mantiveron unha especial conexión co CGAC como a Colección ARCO e a súa sede actual o CA2M de Móstoles.


Estado de excepción
Planta soto 

A través do traballo de diversos artistas presentes na Colección CGAC proponse unha visión crítica, difícil e incómoda do momento histórico actual no que o medo, o terrorismo, a guerra e as súas memorias, os exilios e as emigracións nos situaron no gume dunha navalla. O que está en xogo é a permanencia e o fortalecemento dunha sociedade aberta, garantista e democrática fronte ás ameazas que supoñen tanto o jihadismo, o comunitarismo relixioso, a xenofobia, o racismo e a intolerancia, como os modelos de resposta que están a ensaiar os propios estados democráticos.

Trátase de analizar o perigo dun estado de excepción permanente como refuxio que sacrifica a liberdade en prol da seguridade. A partir da obra de Johan Grimonprez Dial H-I-S-T-O-R-Y,  sobre a historia dos secuestros aéreos desde os anos sesenta e setenta, a exposición trata de abordar problemáticas da historia máis recente, como o impacto do 11S (Thomas Ruff), a discusión acerca dos dereitos humanos e o seu incumprimento (Thomas Locher), a implosión bélica do Oriente Medio no espazo Siria-Líbano (Walid Raad, Jaycer Salloum, Valentín Vallhonrat), o impacto da emigración, muros e valos de protección, e a integración da inmigración (Xavier Ribas, Eskö Männikkö) así como a protección da nosa civilización representada por escritores e filósofos (Ana Teresa Ortega). A exposición propón ademais unha serie de vídeos documentais sobre os muros e valos erixidos no mundo desde unha perspectiva ideolóxica e política (Berlín, Gorizia/Gorica, Nicosia, etc.), así como unha pequena biblioteca de acceso directo en salas que permitirá consultar unha bibliografía imprescindible para comprender os retos políticos do noso presente.

Folleto de Estado de excepción


Ensaio visual
Planta baixa e Espazo de proxectos

Ao redor dos problemas epistemolóxicos e visuais que propón Elegía de un viaje de Sokurov e a partir doutras obras emblemáticas da Colección CGAC —Mona Hatoum, Liam Gillick, José Pedro Croft ou Nacho Criado— expón contextos de acompañamento e diálogo con obras doutras coleccións públicas e privadas asociadas ou vinculadas dalgunha maneira co CGAC. A mostra inclúe tamén series ou grupos de obras de artistas galegos como Misha Bies Golas e Manuel Eirís, co fin de expor a necesidade dunha colección pública que realice un seguimento dos artistas e adquisicións de series completas que permitan unha mellor lectura do seu contexto artístico máis inmediato en relación co internacional.

Aproveitando que o CGAC posúe unha das coleccións de vídeo máis interesantes dos museos públicos de España, á que todos os directores que pasaron polo centro foron incorporando adquisicións relacionadas coa cinematografía e a imaxe en movemento.

A exposición inclúe a instalación, no Espazo de Proxectos, dun punto de encontro para o público interesado na produción audiovisual, donde se exhibirá de maneira continua unha selección de vídeos, estruturados temática e cronoloxicamente.

Folleto de Ensaio visual

Audio da conferencia (Ángel Calvo e Manuel Eirís, 12 de xullo de 2016)

Audio da conferencia (Misha Bies Golas, Manuel Martí Figueiras e Jorge Varela, 13 de xullo de 2016)


Louise Bourgeois. Cell
Dobre Espazo

Esta exposición formúlase como un caso de estudo sobre o coleccionismo institucional en España. A finais dos anos noventa, o Centro Andaluz de Arte Contemporánea adquiriu unha obra da artista franco-norteamericana Louise Bourgeois por 100 millóns de pesetas que se pagaron en dúas cotas (sen intereses). Esta compra xerou un agre debate na prensa sevillana, pero sobre todo no medio artístico andaluz. Ao cabo de poucos anos a obra incrementou o seu prezo de mercado de maneira exponencial e hoxe constitúe un exemplo único e visionario de coleccionismo no panorama museístico español. En Galicia, a Fundación Jove, que ten na súa colección unha peza de fundición desta mesma artista, constitúe tamén nese sentido un exemplo singular. Unha colección que signifique un incremento patrimonial público só pode consolidarse mediante un orzamento adecuado.

Folleto de Louise Bourgeois. Cell


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal