Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook twitter Youtube rss

EVA LOOTZ. CUT THROUGH THE FOG

Comisario/a: Alicia Murría

Artista: Eva Lootz

28 outubro 2016 - 29 xaneiro 2017

Nacida en Viena pero arraigada en España desde 1968, Eva Lootz ocupa un espazo singular na súa xeración. En 1994 a concesión do Premio Nacional de Artes Plásticas viña recoñecer a relevancia da súa achega no panorama artístico español, aínda que a súa personalidade e a orixinalidade do seu traballo exceden con moito este marco xeográfico. Na súa cidade natal estudara filosofía e pintura e licenciouse en cinematografía. Chega a unha España dominada pola ditadura pero onde empeza a cristalizar a contestación política, especialmente nos sectores culturais. Neste ámbito crítico intégrase Lootz xunto ao seu compañeiro, o tamén artista austríaco Adolfo Schlosser. Se nun primeiro momento se interesa pola pintura abstracta americana dos color field painters —caracterizada polas superficies uniformes e os amplos campos de cor—, e especialmente por Morris Louis, axiña abandona a cor para centrarse non só nas calidades de fluidez da pintura senón tamén nas posibilidades que ofrece a utilización de recursos extrapictóricos, e inicia un persoal camiño de experimentación que a emparenta coa órbita de Joseph Beuys e, sobre todo, de Eva Hesse. Poderíase dicir que na súa obra conflúen ecos da arte povera, do minimal e da land art nunhas prácticas precursoras do posminimalismo.

Esta exposición non se expón como unha antolóxica —imposible encerrar nunha soa mostra máis de corenta anos de traballo incesante—; trátase máis ben dunha aproximación a unha serie de pezas significativas que arrincan na década dos setenta para chegar ata a actualidade. Atopamos así unha ampla recompilación de traballos daquela primeira etapa, aínda que con máis exactitude, conviría denominalos obxectos. Neles prima unha actitude de procura e experimentación cos máis diversos materiais, un primeiro bloque constitúeno unhas peculiares superficies pictóricas onde se suprimiu a cor para indagar nos comportamentos dos pigmentos e dos soportes: alcatrán, alkil, parafina, lacre, carbón, fibra de vidro, la, muletón, lona, tarlatana, esparto, feltro…O título, Cut Through the Fog, preside non só esta exposición senón unha forma de entender a realidade, o mundo, a alusión a un corte máis alá do visible, unha posición ante a vida. Dúas pezas poderiamos interpretar que encarnan fielmente esta idea: dun lado o vídeo Blind Spot que, nesta versión, se presenta nun cuarto cheo de néboa e subliña así a temática do punto cego. Doutro, a proxección da gran garganta que protagoniza o vídeo Gran torbellino (Gran remuíño, 2016), suxire a idea de ser arrastrado, absorbido, de desaparecer mesmo e apunta cara á imposibilidade dun dicir pleno. Suxire, talvez, o cuestionamento dos nosos modelos de pensamento para dar lugar a un baleiro renovador. Lootz indagou en antigas culturas, na súa obra emerxen formas anteriores á aparición da escritura —signos ancestrais como ese 8 a nivel de chan, símbolo do infinito, que protagoniza tanto Circuito roto (Circuíto roto) como Bucle abierto (Bucle aberto), ambas de 1988—, coma se escoitase o latexar da terra, a súa música, e, sobre todo, o rumor nela da presenza humana.

Folleto da exposición

Audio da conferencia [castelán] (Eva Lootz, Alicia Murría e Santiago Olmo, 28 de outubro de 2016)

Wolframio. Xornadas de investigación compartidas por Eva Lootz

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal