Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss

EDUARDO BATARDA. MISE EN ABYME

Comisario/a: Julião Sarmento

Artista: Eduardo Batarda

11 outubro 2017 - 21 xaneiro 2018

Eduardo Batarda (Coímbra, 1943) é un dos artistas máis recoñecidos de Portugal e Mise en abyme a súa primeira exposición individual en España. Coñecido polas súas pinturas e acuarelas, o seu traballo viuse influenciado nos seus comezos polo pop inglés, o cómic e a ilustración, entre a figuración e a abstracción. Esta exposición está comisariada polo recoñecido artista portugués, Julião Sarmento, que ofrece a súa particular mirada, cómplice, á obra de Batarda, e foi ao mesmo tempo compañeiro en exposicións, admirador e coleccionista do seu traballo e, neste caso, comisario.

Eduardo Batarda estudou pintura na Escola Superior de Belas Artes de Lisboa nos anos setenta e entre 1971 e 1973 frecuentou o Royal College of Art a partir dunha bolsa concedida pola Fundación Calouste Gulbenkian. De 1976 a 2008 foi profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto. Desde a súa primeira exposición individual en 1968, exporá regularmente o seu traballo, destacan, entre outras, as retrospectivas realizadas polo Centro de Arte Moderna de Lisboa en 1998 e o Museu de Serralves do Porto en 2011, organizada á mantenta do premio EDP a toda a súa traxectoria concedido anos atrás.

As obras de Batarda funcionan como inscricións enigmáticas e escapan do sentido para que nada se consuma na interpretación. De aí tamén que a súa traxectoria, como algunhas das súas obras, garde xiros en aparencia bruscos, case que sen sentido, porque non se trata de tender á unidade, senón á inquietude que emana dos procesos de ocultación ou da exhibición iconoclasta da imaxe. A de Batarda é unha pintura cifrada, que hai que descodificar, e para iso a actitude do receptor resulta fundamental. É unha pintura incómoda, ás veces imposible, que require tempo para a súa lectura e, en certo xeito, unha mirada capaz de auscultar as complexidades da historia da pintura, pero tamén as posibilidades da escritura. A exposición ocupará a planta baixa do CGAC.

Folleto da exposición

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal