Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

NICOLÁS COMBARRO. FORMA. ACCIÓN

Comisario/a: Santiago Olmo

Artista: Nicolás Combarro

20 xullo - 7 outubro 2018

Nicolás Combarro (A Coruña, 1979) pertence a unha nova tipoloxía de fotógrafo, en cuxa obra, centrada na arquitectura e na idea de construción, conviven, retroalimentándose, a práctica da documentación e a intervención, entendida esta última como acción no espazo e na paisaxe.

O seu traballo como profesor ou como comisario de exposicións, cun fotógrafo como Alberto García-Alix e un pintor como Miguel Ángel Campano, permitiulle desenvolver un rigor e unha versatilidade plástica determinantes para a súa mirada.

Nun texto recente, Combarro confirma esta vinculación da súa obra co espazo e a arquitectura: “Desde o primeiro xesto de modificación da paisaxe estamos a acometer unha forma de construción. Así pois, todos temos a capacidade de edificar e, por tanto, todos somos construtores. O meu traballo aliméntase desa vontade ou necesidade de construír, de maneira espontánea, onde se dá vehículo ás nosas influencias, gustos, necesidades, que son plasmados na arquitectura”.

A súa exposición no CGAC reúne algunhas das súas series máis recentes, Arquitectura oculta, Bangkok e Arquitectura espontánea, esta última resultado dun uso calibrado do propio arquivo e de observacións sistemáticas sobre edificacións sen autor ou populares. Ademais a exposición inclúe unha reinterpretación do espazo concibido polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira mediante fotografías de proxeccións que se integran na súa serie Desvelar_desprazar.

Este proxecto, centrado na idea de arquitectura, insérese no programa anual de revisión de artistas de media carreira de Galicia.

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal