Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
SEGUINTE

COLECCIÓN CGAC 25

Comisario/a: Santiago Olmo

Artista: Varios

1 xuño - 30 setembro 2018

En 2018, ano en que se celebra o 25.º aniversario da inauguración do edificio do CGAC, a súa colección, que arranca en 1995 froito da conxunción de novas adquisicións con depósitos pertencentes á Xunta de Galicia, preséntase como o poderoso eixe vertebrador dun proxecto artístico e cultural integral para Galicia. O CGAC desempeña en Galicia a función dun museo nacional de arte contemporánea.

Isto significa que é a institución máis e mellor capacitada para construír historia(s) da arte desde unha perspectiva pública, o que obriga a unha vocación de actividade investigadora, experimental, de estudo e de análise crítica.

Esta aproximación á colección pon de relevo como a creación combinada, a principios dos anos noventa, dunha facultade de Belas Artes en Pontevedra e do CGAC en Santiago de Compostela, transforma radicalmente a arte feita en Galicia. A aparición destas institucións contribúe a divulgar un coñecemento estético cada vez máis profundo e complexo que se expande cara á arquitectura, a empresa e a industria do deseño e da moda, e que facilita pola súa vez a emerxencia (como normalización) de artistas mulleres de gran calado e propicia, a través das exposicións e actividades do museo, a internacionalización e a actualización da cultura.

No anterior proxecto sobre a colección do CGAC, Modelo x armar estaban presentes estas mesmas preocupacións, aínda que formuladas doutro xeito. A pregunta entón era que narrativa da arte en Galicia é posible construír a partir da colección do CGAC.

A partir da estrutura da montaxe e o percorrido, e da trama argumental que sostiña Modelo x armar, este novo proxecto expositivo traza contextos para a arte galega: primeiro un marco español, entre os anos cincuenta e os anos oitenta, e a continuación, superposto, un ámbito internacional que a partir dos anos noventa reflicte a programación expositiva do CGAC e as compras da súa colección. Deste xeito, sublíñase a función transformadora do CGAC como institución cultural integral, colección, centro de arte e museo, e finalmente como arquitectura, en tanto que eixe de modernidade e actualización internacional para Galicia.

Folleto da exposición

Vídeo da presentación (Santiago Olmo)

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal