Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

JULIÃO SARMENTO. WITHOUT

Comisario/a: Santiago Olmo, David Barro

Artista: Julião Sarmento

9 novembro - 3 febreiro 2019

O traballo de Julião Sarmento formalízase desde o fronteirizo. Moitas das súas obras conteñen imaxes de imaxes e están relacionadas entre si, aínda que funcionen de maneira independente, abrazando a ambigüidade do seu significado. Trátase de microrrelatos que asumen a múltiple potencialidade do cine, entre o expreso e o secreto, entre o persoal e o estraño. Tamén comparten con este unha clase de duración suspendida. Toda a obra de Julião Sarmento proxecta esa sensación cinematográfica, porque no que vemos sempre intuímos algo que se mantén ausente, fóra de escena.

A súa exposición no CGAC é unha visión panorámica que recolle traballos arredor deste sentir que se cruza transversalmente por toda a súa traxectoria: o cinematográfico. Non se trata tanto de subliñar unha relación literal —que se pode advertir en moitos casos— senón de proxectar como Sarmento sempre se moveu nese espazo intermedio, entre a suspensión e o desexo, nun espazo intersticial que provoca que, como espectadores, nos vexamos inmersos nun terreo inquietante, como o do estranxeiro, como o do espectador.

A mostra recolle exemplos da súa particular maneira de deconstruír a imaxe, de obras onde o baleiro se concibe como fondo activo e dunha serie de esculturas onde se convoca a idea de escena. Tamén dos seus enigmáticos traballos recentes, pinturas de dimensión fractal que fan referencia ao mundo das constelacións. Porque no seu traballo a realidade amplíase e o espectador nunca coñece a realidade da imaxe, como no cine. Todo iso demanda unha posición activa no espectador, que se ve obrigado a descifrar a intención de cada motivo e de cada ausencia, atendendo a títulos que ofrecen pistas ao tempo que reforzan o misterio e a suspensión.

O título, Without, fai referencia á polaridade que domina toda a obra de Julião Sarmento. A polaridade é como unha porta que nun lado ten escrita a palabra entrada e no outro saída, pero sempre é a mesma porta e, segundo o lado polo que nos acheguemos a ela, vemos un ou outro dos seus aspectos. Como nas obras de Julião Sarmento, o título non nos di unha verdade exacta nin absoluta nin tampouco nos informa de todo o que se ve.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal